Imprimir

O ALCALDE DE LUGO ASISTE Á SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A UNED E CAIXA GALICIA


29/7/2008

José Luis Prieto Arroyo, director do centro asociado da UNED en Lugo, e Walter Álvarez Álvarez, director territorial de Caixa Galicia en Lugo, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a entidade galega colaborará para a creación e posta en marcha do novo centro da UNED na cidade de Lugo.

No acto tamén estiveron presentes José López Orozco, Alcalde de Lugo e presidente do Padroado da UNED, e Antón Bao Álvarez, vicepresidente da Diputación de Lugo e vicepresidente do Padroado da UNED.

A caixa galega, a través da súa Obra Social, realizará unha achega total de 235.000 euros destinados a financiar as actividades necesarias para o funcionamento do centro asociado de Lugo, que comezará a súa andaina o vindeiro curso 2008-09 e que, segundo as palabras de José Luis Prieto Arroyo, “aspira a contar cun milleiro de alumnos”.

En total, impartiranse 26 titulacións e un curso de acceso para maiores de 25 anos. Coa inauguración deste centro, que terá a súa sede na rúa Cantigas e Frores 31, Lugo deixa de ser a única capital de provincia de Galicia sen centro asociado da Universidade de Educación a Distancia.

O Alcalde de Lugo e Presidente do Padroado da UNED, José López Orozco, destacou a importancia do apoio de Caixa Galicia, que “unha vez máis aposta polo fomento da Cultura na cidade de Lugo”.

López Orozco afirmou que sempre estivo convencido do apoio da iniciativa privada á posta en marcha do Centro Asociado da Universidade a Distancia, e en concreto referiuse xa en numerosas ocasións á defensa clara e sen condicionantes feita dende Caixa Galicia pola promoción cultural e de formación na cidade de Lugo.

O convenio de colaboración entre Caixa Galicia e a UNED permanecerá vixente ata o 31 de marzo de 2011. Antes de que remate 2008, Caixa Galicia fará entrega de 100.000 euros coa finalidade de colaborar na realización de actividades para apoiar a creación do centro. Nos anos 2009 e 2010 a entidade fará unha achega de 75.000 e 60.000 euros respectivamente.

A colaboración de Caixa Galicia coa UNED na súa implantación na cidade de Lugo xorde pola necesidade do centro universitario de conseguir unha colaboración económica para a súa implantación na cidade galega.

Mediante este convenio, a UNED convértese noutra das entidades ás que Caixa Galicia presta o seu apoio e permite que a caixa galega sexa a entidade de referencia en Lugo e a súa provincia tanto cultural como socialmente. Walter Álvarez, director territorial de Caixa Galicia, considera que “con esta sinatura, cumprimos co compromiso que asumimos desde o primeiro instante, o pasado 7 de decembro, no que se solicitou á caixa a súa colaboración e apoio para que a UNED de Lugo sexa unha realidade”.

A achega realizada por Caixa Galicia é a maior que unha entidade privada fai á UNED de Lugo e, segundo o director da Obra Social Caixa Galicia, Manuel Aguilar, “con este apoio a Obra Social Caixa Galicia quere  contribuír, de forma decisiva, a facilitar o acceso aos veciños de Lugo e a súa área de influencia á educación superior”.

A aposta de Caixa Galicia pola educación
Un dos eidos de actuación aos que a Obra Social Caixa Galicia dedica importantes recursos é a formación axeitada e de calidade e, ademais de colaboracións puntuais cunha gran diversidade de entidades educativas, conta con varios centros propios dirixidos á formación e educación dos máis novos.
As escolas infantís da Coruña, Monforte e Lugo traballan no desenvolvemento psicomotor, intelectual, emocional e social dos nenos, sempre no marco da LOGSE, nunhas idades que resultan determinantes na formación dos nenos.
Por outro lado, no colexio mixto Caixa Galicia da Coruña impártense ciclos formativos de grao superior homologados de secretariado, administración e finanzas e desenvolvemento de aplicacións informáticas. Todos estes ciclos presentan elevadas porcentaxes de inserción laboral e ademais permiten o acceso directo ás escolas universitarias.
Así mesmo, no Centro impártense cursos do plan F.I.P. dirixidos a persoas desempregadas, e homologados pola Xunta de Galicia como  Axuda a Domicilio e Atención Especializada para Enfermos de Alzheimer.
Ademais, o Instituto Tecnolóxico Empresarial Caixa Galicia ofrece a mozos acabados de licenciar a posibilidade de acceder a unha formación de calidade en finanzas e banca, tecnoloxía, xestión estratéxica e desenvolvemento de habilidades directivas. A oferta formativa do ITE Caixa Galicia inclúe programas máster, programas superiores, seminarios e outros cursos de curta duración.

A UNED
A UNED é a maior universidade de España cun número de estudantes matriculados en cada convocatoria anual que se aproxima aos 180.000 alumnos. As 9 facultades, 2 escolas técnicas superiores, o Curso de Acceso Directo para maiores de 25 anos e o Centro Universitario de Idiomas a Distancia realizan unha oferta académica de 26 titulacións oficiais e máis de 500 cursos de formación continua.

Para levar a cabo o labor docente a UNED conta con 1.376 profesores e 6.254 profesores-titores. A UNED vén desenvolvendo a súa tarefa educativa dende a súa creación en agosto de 1972. Un dos obxectivos da súa creación foi levar a educación superior aos núcleos de poboación afastados das grandes cidades, que non dispoñen de universidade para, desta maneira, procurar a igualdade de oportunidades, xa que a UNED posibilitou o acceso aos estudos superiores a persoas que non poderían telo conseguido por razóns de renda, polo seu lugar de residencia ou por calquera outra dificultade.