Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello e a Fundación Secretariado Xitano colaboran no desenvolvemento do programa de emprego Acceder


# Martes, 29/07/2008
Máis de mil persoas foron atendidas en Lugo ao amparo deste programa nos últimos catro anos

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Director Xeral da Fundación Secretariado Xitano, Isidro Rodríguez, asinaron por cuarto ano consecutivo o convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación para cooperar no desenvolvemento do programa de emprego Acceder.

Segundo este convenio o Concello de Lugo concederá unha subvención de 26.000 euros para os gastos de mantemento do desenvolvemento do programa. Pola súa banda, a Fundación Secretariado Xitano manterá un dispositivo de emprego coa finalidade de realizar a acollida, orientación, acompañamento e acceso do pobo xitano, sobretodo, da xuventude, á formación e ao emprego. Ademais desenvolverá actuacións para impulsar políticas sociais máis activas coa comunidade xitana así como outras de sensibilización social contra os prexuizos e estereotipos cara esta comunidade.

López Orozco destacou a importancia deste tipo de colaboracións “cando un estuda os orzamentos ten que pensar que é o urxente e que é o importante. Este é un tema importante, que se refire a persoas, persoas que forman un colectivo de seres humanos aos que hai que axudar e animar para que cada día entre todos rompan as barreiras que xurden por múltiples temas: históricos, culturais e sociais”.

O Alcalde lucense explicou que este convenio se asina dende o ano 2004, e que se seguirá facendo: “cando as cousas marchan ben deben seguir adiante, o que hai que ter é constancia e os obxectivos claros. Deseñamos unha política de aforro para o Concello, pero non repercutirá no gasto social. Todo o que sexa investimento en persoas, axuda a familias, centro cívicos…o Concello non reducirá a aportación municipal”.

Máis de 600 novos traballadores
Dende que se comezou con esta campaña de conciención para fomentar a integración social, no ano 2004, atendéronse en Lugo a un total de 1.064 persoas, 272 no primeiro semestre do 2008. Ademais, con este programa co que colabora o Concello conseguiuse a contratación de 652 novos traballadores.

Entre as accións incluídas no desenvolvemento do programa atópase a formación interna, coa que se levaron a cabo actuacións como:

- ALFABETIZACIÓN NIVEL I: Dirixido a  mulleres xitanas con dificultades de lectura e escritura, de setembro de 2007 a xuño de 2008.

- ALFABETIZACIÓN NIVEL II: Dirixido a mulleres xitanas cun nivel de pregraduado, de outubro de 2007 a xuño de 2008.

- TUTORIZACIÓN DE CICLO MEDIO / GRADUADO EDUCACIÓN SECUNDARIA DE ADULTOS: Apoio e clases de reforzo a alumnado xitano.

Outras accións desenvolvidas ao amparo deste programa:

- Apoio escolar: dirixido a nenos en idade escolar. Accións de reforzo educativo.

- Chavorrillos: Programa de ocio e tempo libre dirixido a nenos de 8 a 12 anos.

- PEME Emerxe II: Formación en Mediación Intercultural e accións de orientación laboral.

Ademais, leváronse a cabo accións de sensibilización social como a celebración do Día Internacional do Pobo Xitano o 8 de abril, un encontro con estudantes de “Kamélo Siklav” e a participación en diferentes foros para difundir a cultura xitana.

Estatísticas nacionais
Nestes anos foron atendidas en toda España máis de 35.000 persoas, lográronse máis de 26.000 contratos de traballo e creáronse 48 sedes ou dispositivos de atención.
En Galicia acadáronse máis 1.400 usuarios e superáronse as 1.000 contratacións correspondentes a 400 persoas. Estes datos aportan unha imaxe moi positiva da integración laboral das persoas de etnia xitana que xa supoñen o 20% dos traballadores a nivel nacional.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova