Imprimir

O ALCALDE DE LUGO CLAUSURA OS CURSOS DE VERÁN DO PARQUE INFANTIL DE TRÁFICO JUAN MANUEL LÓPEZ MELLA


30/7/2008 Participaron máis de 120 rapazas e rapaces de entre 8 e 13 anos

O Alcalde de Lugo, José López Orozco e o Xefe Provincial de Tráfico, Julio González, fixeron entrega dos diplomas de clausura dos cursos de verán do Parque Infantil de Tráfico Juan Manuel López Mella.

Estes cursos, nos que participaron 121 rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos, tiveron lugar entre os días 30 de xuño e 29 de xullo, nas instalacións que o Parque Infantil ten no Parque da Milagrosa.

Son actividades dirixidas á mocidade de Lugo, para kart e bicicleta, e entre os 14 e os 16 para ciclomotor. Formáronse grupos de non máis de 20 persoas que recibiron formación tanto teórica como práctica en materia de seguridade vial.

O Alcalde lucense destacou que “non hai nada máis importante que que a mocidade coñeza e respecte as normas de tráfico. Cumprir as normas axúdanos a convivir mellor e a evitar accidentes”.

López Orozco quixo agradecer o traballo realizado polos responsables do Parque “que cada ano poñen en marcha actividades de formación tan interesantes como esta”. Suliñou que é moi importante que dende novos saiban o importante que é “coñecer os perigos dun automóbil e a enorme importancia que ten a vida humana, o máis grande do mundo”.

Esta programación de verán leva 12 anos celebrándose e cada ano conta cun maior número de participantes.

No acto de hoxe as autoridades presentes aproveitaron para facer entrega dos premio de Campión Nacional recibido polo equipo do PIT de Lugo no último Campionato Nacional de Educación Vial que tivo lugar na cidade o pasado mes de maio, e o de Subcampións de España en kart e bicicleta

Con este acto procedeuse ademais á clausura do curso escolar, que se reanudará a mediados de setembro con novos cursos en colaboración cos Centros Educativos da cidade.

O Parque Infantil de Lugo leva a cabo unha ampla programación ao longo do ano para concienciar aos máis novos da necesidade de coñecer e respectar as normas de tráfico para garantir a seguridade vial.