Cargando....
Concello de Lugo
12/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo recibe aos cativos saharauis acollidos por familias lucenses e ao novo Delegado Saharaui 


# Mércores, 30/07/2008
As familias lucenses acollen a 13 cativos chegados dende Tindouf

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu na Casa do Concello ao novo Delegado Saharaui, Ahmedu Mojtar Abdalahe, e á representante da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, acompañados dos 13 cativos e as familias de acollida lucenses coas que pasarán estos días do mes de agosto.

López Orozco deulle a benvida a Lugo ao responsable Saharaui e explicoulle que no Concello de Lugo “comprendemos o problema do pobo saharaui e queremos que se chegue a unha solución pacífica mediante a que podan atopar a paz, a liberdade e a xustiza que buscan dende hai tanto tempo”.

O mandatario lucense quixo agradecer aos pais de acollida de Lugo “o seu xesto. É unha mostra de solidariedade e un exemplo de esperanza para todos. Cando hai xente que se comporta así, lembramos que a humanidade é capaz de facer as cousas moi ben”.

O Concello de Lugo seguirá cooperando mentres sexa necesario, aínda que López Orozco explicou que o seu desexo é outro “canto me gustaría que non fose preciso esta cooperación e que estes cativos viñeran a Lugo cando quixeran”.

O Delegado Saharaui referiuse tamén ao conflito que se vive no Sahara e reclamou un maior “respecto aos dereitos humanos e ao dereito internacional”.

A Asociación Solidariedade Galega co pobo saharaui crea nesta liña o programa Vacacións en Paz, candidato ao Premio Príncipe de Asturias da Solidariedade e Concordia.

Dentro deste programa trasládase a unha serie de nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 7 e 12 anos, dende os campamentos de Tindouf ata Galicia, onde son acollidos por familias galegas.

A idade dos cativos e cativas, pode variar en situacións de especial atención, como pode ser no caso de fillos de mestres ou de vítimas de guerra, cunha situación médica delicada ou que formen parte de programas de estudos.

Os obxectivos desta viaxe, que este ano acolle a 846 nenos en Galicia, 125 na provincia de Lugo e 13 na capital, son facilitar asistencia médica, ofertarlles unha alternativa ao tempo libre e sensibilizar á poboación galega da situación que vive este pobo.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova