Imprimir

OS GUIÓNS SERÁN OS PROTAGONISTAS DO SEGUNDO CURSO DA IV EDICIÓN DO TEATEATRE


1/8/2008 As clases terán lugar do 4 ao 7 de agosto

O vindeiro luns, 4 de agosto, comeza o segundo curso da IV Edición do Teateatre organizado pola Concellería de Cultura e Turismo, a Universidade de Santiago de Compostela, Palimoco Teatro e a Escola de Arte e Lecer.
Esta cuarta edición do Teateatre oferta tres cursos de formación dramática para profesionais e afeccionados. O programa pretende servir de foro de encontro, formación e creación para actores e amateurs do teatro.
O segundo dos cursos será impartido por Tatiana Rodríguez Vázquez, guionista de cine, televisión e teatro. Baixo o título Guión. Comeza a aventura, do 4 ao 7 de agosto, explicará aos asistentes as técnicas para crear dende unha idea unha boa historia que contar e representar. Este curso terá un custo de 140 euros e impartirase de 16:00 ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Fingoi.
O vindeiro e último curso será Estudo da presenza do actor. Construción da personaxe, impartido pola actriz e profesora do Movemento e Dramaturxia do Movemento, Isabel Úbeda, entre os días 25 e 29 de agosto en horario de 9:00 a 13:00 horas ou de 16:00 a 20:00 horas no Centro Sociocultural de Fingoi. A inscrición é de 160 euros.