Imprimir

A DIXITALIZACIÓN DO ARQUIVO MUNICIPAL DO CONCELLO DE LUGO COMEZARÁ EN DECEMBRO


13/8/2008 Trátase do proxecto A Memoria da Cidade financiada con fondos europeos

A Xunta de Goberno Local aprobou o mércores 13 de agosto a posta en marcha da Escola Obradoiro A memoria da Cidade que se porá en marcha o 1 de decembro deste ano ata o 30 de maio 2010.

A partir de setembro elaboraranse as bases e o proxecto comezará a andar o 1 de decembro, para permitir que os novos titulados de setembro podan acceder tamén a este traballo.

Trátase dun dos proxectos máis innovadores obtido polo Concello de Lugo, e que conta cun orzamento total de 655.035 euros dos cales o Concello aporta 15.000 e o resto a Consellería de Traballo.

A memoria da cidade permitirá a dixitalización dos fondos existentes no Arquivo Municipal dependente da Concellería de Cultura e garantirá a conservación dos documentos en soporte papel aumentando os recursos informativos do Concello e facilitando ademais a tramitación telemática.

Esta Escola Obradoiro permitirá que 33 desempregados reciban formación nas especialidades de deseño gráfico, restauración de libros e encadernación artesanal. Outra das novidades deste proxecto é que os documentos dixitalizados terán o mesmo valor que en papel xa que levarán o selado electrónico.

Na actualidadeo Arquivo Municipal conta con arredor de 17.000 caixas de documentos gardadas no depósito e 3.000 no histórico, e con máis de 500 planos, fotografias e libros de actas de antes de 1812. A primeira tarefa desta escola obradoiro será a contabilización de toda a documentación presente no arqueivo.

A memoria da cidade, permitirá aumentar os recursos informativos de cara á cidadanía e poñer en valor o rico patrimonio documental do Concello de Lugo.