Cargando....
Concello de Lugo
18/07/19
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concellería de Medio Ambiente anuncia a posta en marcha do sistema Quita e pon nas rúas do recinto histórico


# Venres, 29/08/2008
Os colectores retiraranse ás 23:00 e colocaranse de novo a partir das 20:00 horas

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, anunciou que a partir do 1 de setembro pola noite procederase á retirada dos colectores de residuos das rúas do interior do recinto amurallado en horario diurno.

González Dopeso, acompañado polo Xerente de Urbaser,  Juan Ángel Moreno, explicou o funcionamento deste servizo coñecido como Quita e pon.

Os colectores colocaranse na rúa, nos mesmos puntos que ata o de agora, para o depósito dos residuos entre as 20:00 e as 20:30 horas, debendo depositar os residuos no horario comprendido entre as 20:30 e as 00:00 horas.

A partir da medianoite un camión do servizo municipal de lixo, volverá para retirar os colectores para o seu baleirado e posterior lavado. O responsable de Medio Ambiente explicou que deste xeito “os colectores limparanse diariamente, evitando os malos olores que producen os residuos orgánicos”.
 
Este horario será aplicable tanto para os residuos domiciliarios como para os residuos de orixe comercial ou de oficina. Para poñer en marcha este novos sistema, que mellorará notablemente a estética da cidade, o Concelleiro salientou a necesidade de que colabore toda a cidadanía “é preciso que todos os veciños e veciñas se impliquen, para facer as cousas ben”.

González Dopeso tamén lembrou que existe unha ordenanza que sanciona a quen deixa as bolsas de lixo na vía pública “debemos ser solidarios e así faremos desta cidade un lugar máis limpo e mellor para vivir”. 

Con este novo sistema, que só afectará ás rúas dentro de muralla, garántese a limpeza diaria dos colectores.  Ademais, no caso dos establecementos de hostalería, ampliarase o horario para adaptalo á súa especial actividade, sobre todo naqueles días da semana ou especiais datas de maior actividade.

No resto da cidade: 20:30 a 23:00 horas
No resto da cidade o horario mantense como ata o de agora, de 20:30 a 23:00 horas e os colectores estarán sempre nas rúas. Nestos casos é importante que a cidadanía respecte os horarios porque eso permitirá que os camións que limpan os colectores, podan actuar en todos eles.

O Concelleiro tamén lembrou que neste momento están en marcha servizos como o Porta a Porta para a recollida selectiva de papel e cartón para os establecementos hostaleiros e comerciais fóra do horario establecido, e que se pode solicitar no teléfono de atención á cidadanía: 010

Escoba de prata 2008
A cidade de Lugo recibiu este ano o premio Escoba de Prata, que premia e distingue as actuacións de limpeza, aseo urbano e xestión de residuos realizados polos municipios, empresas ou entidades.

A Escoba de Prata premia unha traxectoria e permitirá que Lugo opte na vindeira edición á Escoba de Ouro, xa que é un requisito indispensable contar cunha de prata para acceder ao premio maior.

A cidade recibiu o premio na categoría de Municipios, Mancomunidades e Deputacións de máis de 50.000 habitantes e menos de 100.000, para a que había 4 escobas de prata e 3 de ouro.  Entre as oito categorías suman un total de 56 premios: 24 Escobas de Ouro e 32 de Prata. Os que xa posúan este galardón poderán optar tamén a recibir o máximo premio que é a Escoba de Platino.

Lugo, limpo
O Concello de Lugo mantén unha traxectoria moi positiva na xestión da recollida do lixo e a limpeza das súas rúas. É membro de pleno dereito da Rede Española de Cidades polo Clima e está a levar a cabo unha importante renovación das ordenanzas municipais en materia ambiental, que inclúen a relativa a residuos sólidos urbanos e limpeza viaria.

A creación do Punto Limpo no ano 2006, o soterramento de colectores, o plan de renovación de papeleiras -antes de fin de ano todos os barrios de Lugo terán papeleiras renovadas-, ou o cambio do sistema de recollida de lixo con colectores de carga lateral tamén foron trascendentais no cambio de imaxe que está a vivir a cidade.

En maio de 2007 comezou a funcionar o novo sistema de recollida de lixo en Lugo e na actualidade hai máis de 1.400 colectores de maior tamaño que poden soportar entre 2.400 e 3.200 litros de carga.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova