Imprimir

O CONCELLO DE LUGO EMITE EN DIRECTO OS PLENOS A TRAVÉS DA SÚA PÁXINA WEB WWW.LUGO.ES


1/9/2008 Trátase dun novo instrumento de achegamento da xestión municipal á cidadanía

O Concello de Lugo emitirá dende o 1 de setembro todos os seus Plenos en directo a través do portal web municipal: www.lugo.es. Trátase dunha novidade que incorpora o recén estreado portal municipal que pretende ser unha de comunicación directa coa cidadanía.

Esta mellora de lugo.es, foi anunciada hai uns días pola Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, e permitirá a todas as persoas que o desexen, ver o transcurso dos Plenos municipais mentres se están a desenvolver. Deste xeito, o equipo de goberno aposta pola transparencia na súa xestión e pola máxima difusión do traballo realizado polos xestores públicos elexidos democraticamente pola cidadanía.

Para poñer en marcha este proxecto foi necesario modernizar todo o sistema da web municipal que pasou a ser un portal, e ademais de incorporar cámaras de video no Salón de Plenos.

Ata o de agora os Plenos podían verse grabados, porque garantindo a transparencia e información continua, o Goberno local xa decidira colgar cada Pleno en internet ao día seguinte da celebración.

O Concello de Lugo é pioneiro en Galicia na incorporación deste novo instrumento de comunicación global dirixido a todas as persoas que decidan conectarse a internet cada primeiro luns de mes a partir das 17:00 horas. Ese día habilitarase un botón na portada para acceder ás imaxes emitidas en directo.