Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Consello Económico e Social analiza os primeiros pasos que da o Plan Urban de Lugo


# Martes, 02/09/2008
Os proxectos de recuperación de espazos públicos centraron boa parte da xuntanza

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, deron conta da xuntanza informativa mantida cos membros do Consello Económico e Social para presentarlles os primeiros pasos que vai a dar o Plan Urban de Lugo.

No encontro estiveron presentes os membros deste Consello que integra a todos os axentes económicos e sociais da cidade, así como aos grupos políticos con representación no Concello de Lugo.

O Alcalde anunciou que dende este momento converterase ademais no Comité de Participación do plan Urban de Lugo que foi aprobado en xuño deste ano, e que conta cun investimento de 16 millóns de euros. López Orozco lembrou que este Consello está aberto aos veciños por decisión deste equipo de goberno: “faltan os veciños e fágolles un chamamento ás asociacións para que participen. Necesitamos, queremos aos veciños no Consello Económico e Social”.

López Orozco destacou a importancia desta iniciativa urbana que permitirá “a mellora do centro da cidade, do contorno socioeconómico”.

As primeiras actuacións nas que se comezará a traballar e que foron anunciadas polos responsables local e provincial, serán:

1.- Recuperación de espazos públicos
O obxectivo é recuperar e humanizar espazos de uso público, así como mellorar a actividade comercial a través da mellora do contorno.

A intervención principal levarase a cabo no contorno do edificio da Deputación, incluñindo a rúa San Marcos e inmediacións. Outras actuacións serán no paseo interior da Muralla e no contorno da Praza de Abastos. Neste senso o Presidente do ente provincial destacou o traballo realizado polo Alcalde lucense que “foi o que puxo sobre a mesa a necesidade dese paseo interior, que representa unha nova forma de ver a muralla”. Esta actuación conta cun orzamento de 4 millóns de euros.

2.- Desenvolvemento do tecido económico, con apoio á actividade empresarial do centro.  
Inclúe:
- a mellora da paisaxe urbana a través de subvencións para a retirada de cableado e a mellora de cartelería, fachadas, escaparates de establecementos comerciais.
- fomento da creación de empresas de servizos (turismo e sectores conexos: restauración, hostelería, comercio), de rehabilitación e oficios de carácter artesanal. Será a través de axudas económicas e apoio técnico desde o CEI.

O orzamento é de máis de 1.500.000 euros.

3.- Rehabilitación do vello cárcere.
Como primeiro paso redactaranse as bases para convocar un concurso de ideas para a rehabilitación arquitectónica deste emblemático edificio, preservando a súa identidade.
O proceso expropiatorio do edificio segue o seu curso, toda vez que se están a resolver as alegacións presentadas polos Concellos.

O orzamento é de 5 millóns de euros.

No Consello tamén se falou da constitución dunha comisión técnica. Para López Orozco é fundamental “que o Plan Urban sexa un plan liderado polo Concello pero con participación da cidadanía. Ten que contar co máximo consenso, coa máxima participación”.

Esta comisión estará integrada polos técnicos especialistas de todos os servizos municipais e da Deputación implicados no proxecto.

Para a súa operatividade dividirase en dúas seccións: urbanística e socioeconómica.
Nas reunións da comisión técnica participarán institucións e organismos da cidade en función do asunto a tratar. Ademais estará asistida por unha oficina URBAN.

López Orozco explicou a necesidade “dun equipo de expertos, con coñecementos do que son os proxectos europeos para sacar adiante un proxecto tan importante coma este”.
 
Esta Oficina estará integrada por :
- Director ou directores,
- técnico/a de xestión de proxectos e
- coordinador/a de accións.

 As bases específicas para a contratación deste equipo serán aprobadas este mércores pola Xunta de Goberno Local. O tribunal cualificador e as bases son os acordados polo Concello e sindicatos para a contratación de persoal e o proceso de selección inclúe probas teórico-prácticas e valoración do currículo, experiencia, etc. 

Os candidatos terán 10 días desde a publicación no BOP para presentar instancias. O proceso culminará a finais de setembro.

Amplo consenso social
Este Plan Urban, recordou o Alcalde, foi valorado por moitas razóns “pero un dos aspectos máis valorados foi o amplo consenso social que levaban, apoiado polo Pleno, asociacións, Universidade, Sindicatos, Patronal, Caixas e o único de España avalado pola Deputación Provincial”.

Neste senso Gómez Besteiro explicou que a Deputación o único que fixo foi o que lle correspondía: participar “non podía entenderse como a Deputación non participaba nun proxecto punteiro para a cidade e para a súa cidadanía. Tiñamos a obriga moral e política de colaborar, por iso agradecemos que nos deixasen participar”.

O Presidente provincial destacou o traballo realizado polo Alcalde de Lugo para obter este plan “verdadeiro promotor do Urban de Lugo”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova