Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de 2.500 lucenses poderán participar nas actividades socioculturais organizadas polo Concello


# Martes, 02/09/2008
O prazo de inscrición será entre o 15 e o 19 de setembro

A piques de rematar a estación de verán o Concello xa está a preparar as actividades para os meses de outono e o primeiro semestre do 2009.  A Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, presentou a nova programación de actividades socioculturais deseñada pola súa Concellería e que se desenvolverán nos distintos Centros Sociais Municipais entre o 13 de outubro e o 31 de maio.

A edil destacou a importante oferta de actividades, que este ano ascende a 149 e son de moi diversa temática, pero todas coa finalidade común: de ofrecer aos lucenses un tempo de lecer que compaxine o carácter lúdico coa formación práctica en materias diversas como as manualidades, a informática, os idiomas, danzas tradicionais ou disciplinas ximnásticas, entre outras.

Para a nova tempada ofértanse máis de 2.500 prazas e os interesados poderán inscribirse nos cursos que desexen do 15 ao 19 de setembro, entre as 9:00 e as 13:00 horas e das 17:00 ás 19.00 horas, nos centros sociais municipais onde se realizan as actividades. As prazas adxudicaranse por sorteo público que se celebrará o día 24 de setembro en cada un dos Centros Sociais Municipais e a lista definitiva publicarase o 3 de outubro. A Concellería de Muller e Servizos Sociais reserva o 40% das prazas para persoas con diversidade funcional e outros colectivos derivados dos servizos sociais de atención primaira.

Ademais dos cursos, a programación sociocultural inclúe distintas actividades de carácter aberto como: as saídas culturais e excursións, as aulas abertas, os actos conmemorativos das festividades do Entroido e do día das Letras Galegas, e distintas conferencias e mesas redondas sobre temas de actualidade que se irán convocando con distinta frecuencia en cada centro. Ademáis, as xornadas de clausura das actividades, nas que haberá unha exposición dos traballos realizados en todos os centros, terá lugar do 8 ao 12 de xuño.


O prezo máximo das actividades é de 15 euros, aínda que son moitas as ofertas de actividades de balde, en especial as dirixidas aos nenos e as de carácter social, como todos os cursos de español para estranxeiros e os de alfabetización.

A Concelleira destacou que “este ano, entre as novidades, destaca a de descubrindo Galicia, que terá lugar no Centro Social de Fingoi, e agardamos que continue a ter o mesmo éxito actividades como encaixe de palillos, macramé e tear tradicional , así como a iniciada o ano pasado no centro de Sagrado Corazón a aula de pesca”.

Os máis cativos tamén terán un amplo abano de actividades nos que elexir: como cursos de bailes e coreografías, sobre a natureza (como a reciclaxe e a vida das plantas); de arte e manualidades, e de orientación máis práctica como os cursos de apoio escolar, de técnicas de estudo, ou de inglés, entre outros.

Para as persoas maiores deseñouse un variado programa de actividades específicas relacionadas co adestramento da memoria, a lectura e a escritura e disciplinas deportivas adaptadas a súa capacidade física (como a bioximnasia ou o tai-chi).




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova