Cargando....
Concello de Lugo
27/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta Local de Seguridade prepara o Plan de Seguridade do San Froilán 2008


# Xoves, 04/09/2008
Máis de 600 axentes garantirán a seguridade na cidade

A Xunta Local de Seguridade celebrou unha xuntanza esta mañá no Concello de Lugo para establecer o Plan Operativo das Festas de San Froilán 2008. Nesta xuntanza, que presidiu o Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto ao Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, estiveron presentes tamén o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, e representantes dos Corpos de Seguridade do Estado, autonómicos e locais.

O Alcalde explicou que o Plan Operativo garantirá a seguridade dos veciños e veciñas da cidade así como de todos os visitantes durante as festas entre o 4 e o 12 de outubro, atendendo principalmente aos seguintes aspectos:

- Control de tráfico: Insistirase nos aparcadoiros disusorios dende os que se incrementará o transporte público ata o centro para evitar os atascos.

- A seguridade nos concertos e actos que congreguen a moita xente

- Tratarase de evitar o fenómeno do botellón na Muralla, principalmente pola seguridade da cidadanía e por outra parte para protexer este monumento Patrimonio da Humanidade.

- Control de venda ambulante cunha maior vixilancia e coa aplicación da Ordenanza que regula este tipo de comercio. O obxectivo é defender aos vendedores que adquiriron o seu posto  de forma legal da competencia desleal. O Alcalde lembrou que este ano todos os vendedores contarán  cunhas casetas de madeira, que estarán situadas nas rúas Pascual Veiga e Puro Cora, nas que porán á venda os seus produtos.

Gran operativo
Pola súa banda, o Subdelegado do Goberno, afirmou que o Concello de Lugo conta co total apoio dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, “están todos á súa disposición”. Ademais indicou que o operativo preparado para ás festas de San Froilán increméntase con respecto ao ano pasado e contará con máis de 600 axentes pertencentes á Guardia Civil, á Policía Nacional, Policía Autonómica e á Local. Otero explicou que un bo número de axentes do operativo especial actuarán sen uniforme para garantir que as festas se desenvolvan con tranquilidade.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova