Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta as actividades da Semana Europea da Mobilidade do 2008


# Venres, 05/09/2008
O servizo municipal de bicicletas, Rebicíclate, continuará sendo gratuíto no 2009

A Semana Europea da Mobilidade constitúe unha iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea desde o ano 2000 que pretende influír a longo prazo en cuestións relacionadas coa mobilidade e os transportes urbanos, así como mellorar a saúde e a calidade de vida dos cidadáns europeos.

Ante a crecente preocupación dos cidadáns europeos pola calidade do aire que respiran, a sétima edición da Semana Europea da Mobilidade organizouse en torno ao tema “¡Aire limpo para todos!” para a sensibilización da poboación acerca da calidade do aire, así como a lanzar medidas permanentes que axuden a reducir o nivel de emisións de CO2 procedentes do sector do transporte. Anímase vivamente ás autoridades locais a que utilicen a Semana como ferramenta para o desenvolvemento de medidas planificadas e para ensaiar cos seus cidadáns novas medidas relacionadas co transporte.

Así, o Concello de Lugo, celebrará entre o 16 e o 22 de setembro, segundo explicou hoxe o Concelleiro de Transportes, José Rábade, un conxunto de actividades que teñen como obxectivo promover entre a cidadanía o uso de transportes alternativos ao coche.

O martes 16 de setembro, comezan as actividades coa inauguración da estación de bicis de Rebicíclate situada no Campus Universitario. “Con esta, péchase o ciclo iniciado fai un ano cando se puxo en funcionamento a primeira estación sita na Avenida de Anxo López Pérez” explicou o Concelleiro. A día de hoxe son xa preto de 750 os usuarios deste servizo que segundo anunciou Rábade, seguirá sendo gratuíto ao longo de todo o ano 2009.

Os días 17 e 18 de setembro continúan as actividades da man da Concellería de Educación. Dende o departamento que dirixe Dolores Vieiro, poñen en marcha o programa Usa a Bici que, dende as 17:00 horas ata as 19:30 horas, porá a disposición dos máis pequenos, entre 8 e os 14 anos, un circuíto de bicicletas para que practiquen coa seguridade vial na Praza de Anxo Fernández Gómez.

Os días 19 e 20 de setembro a Concellería de José Rábade dedica o seu tempo as xornadas Rebicíclate. Nestas impartiranse, no Centro Social do Uxío Novoneyra un curso de seguridade vial para os usuarios de bicicletas entre as 17:00 e as 18:00 o venres e das 11:00 ás 12.00 o sábado. Un axente da Policía Local será o encargado de impartir esta charla que rematará co reparto de chalecos e cascos para os ciclistas e dun libro con normas de seguridade vial. Para inscribirse nalgunha das 60 prazas ofertadas poderá realizarse a través da web da semana da mobilidade e do 010 a partir do luns 8 de setembro.

A Concellería de Deportes que dirixe José Manuel Díaz Grandío, pola súa banda, organiza o mesmo día 20, o VII Gran Premio Lugo Rural de ciclismo. Este ano comezará ás 15:00 e rematará ás 20:00 horas e o percorrido será: Praza de Santo Domingo (saída e meta), Rúa San Marcos, Praza de San Fernando, Ronda da Muralla entre a Porta de San Fernando e a de Bispo Odoario, rúa Montevideo, Quiroga Ballesteros e Praza de Santo Domingo.

O día 21 de setembro como broche de ouro, terá lugar o XV Día da Bicicleta, que comezará cunha concentración na Praza Maior ás 11:30 e un percorrido en bicicleta de 8 quilómetros que sairá do Concello ás 12:00 horas. O itinerario nesta edición será: Rúa Raíña, San Marcos, San Fernando, Avenida da Coruña, Rúa Mallorca, Praza da Milagrosa, Curros Enríquez, Camiño Real, Ronda da Muralla, Rúa Villalba, Avenida Rodríguez Mourelo, Avenida García Portela, Ramón Ferreiro, Rúa San Roque, Ronda da Muralla, Avenida da Coruña, Rúa Montefaro, Avenida Infanta Elena para chegar ao Centro Comercial das Termas.

Ademáis, esta mesma xornada celébrase o Día sen coches, polo que estará pechado o acceso de automóbiles ao centro da cidade. Soamente estará permitido o paso a residentes e propietarios de prazas de garaxe.

O día 22 de setembro con motivo do Día Europeo sen coches o transporte público urbano será gratuíto.

Seguridade Vial
Por outra banda, o Concelleiro de Protección da Comunidade explicou que dende o Goberno Local se está a traballar para previr á poboación dos atropellos na cidade. Se están a levar a cabo diferentes medidas educativas como o programa que realiza a súa Concellería en colaboración coa Concellería de Educación PQAxentes ou as xornadas que se impartirán próximamente nos Centros Sociais e que estarán destinados á poboación de especial risco.

Ademais, o Rábade explicou que tamén se está a levar a cabo o pintado das sinais horizontais en diferentes barrios da cidade, dos pasos de peóns no centro con pintura de termocaucho, e está prevista a creación de zonas trinta en varios puntos da cidade.
O Concelleiro destacou  que agarda que “o investimento que está a realizar o Concello en Seguridade Vial así como as campañas de concienciación que se están a facer e que se van a incrementar den bos resultados”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova