Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Política Territorial inviste preto de 230 millóns de euros no corredor Nadela-Sarria-Monforte


# Luns, 08/09/2008
A conselleira María José Caride anunciou que a vía de altas prestacións entre Nadela e Sarria abrirase ao tráfico este ano

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes está a investir preto de 230 millóns de euros no corredor Nadela-Sarria-Monforte. Este novo eixo de comunicación alternativo á LU-546, ademais de incrementar a seguridade viaria, mellorará a accesibilidade de toda a zona sur da provincia de Lugo cara a autovía A-6 e diminuirá os tempos de percorrido.

Esta  nova vía de altas prestacións conta con algo máis de 55 quilómetros de lonxitude, dos cales a parte entre Nadela e Sarria está en estado moi avanzado de obras, mentres que entre Sarria e Monforte atópase en distintas fases administrativas previas ao seu inicio. Precisamente a conselleira de Política Territorial, María José Caride, anunciou hoxe que os dous primeiros treitos do corredor entre Nadela e Sarria entrarán en servizo o vindeiro mes de novembro, mentres que o terceiro treito, cuxas obras dependen das condicións climatolóxicas, abrirase en todo caso este mesmo ano. Así mesmo a circunvalación de Sarria estará operativa no verán de 2009.

NADELA-SARRIA:
O orzamento total deste percorrido duns 30 quilómetros de lonxitude ascende a 106,6 millóns de euros dos cales 89,1 millóns correspóndense cos tres primeiros treitos, 6,4 millóns destínanse á variante leste de Sarria (considerada o treito IV) e os 11,1 millóns restantes destináronse a medidas complementarias non contempladas no proxecto inicial co fin asegurar o seu desdobramento futuro en autovía. Cómpre lembrar que a Consellería de Política Territorial introduciu melloras no proxecto orixinal para garantir  a duplicación da capacidade desta vía no momento en que as condicións de tráfico así o requiran. As actuacións complementarias abranguen obras como a estabilización de noiros de desmonte de xeito que non haxa que realizar novos movementos de terras cando se acometa a transformación en autovía, a explanación completa de enlaces que evitará demolicións innecesarias de ramais do corredor no futuro, a ampliación das cimentacións dos terrapléns, os viadutos, os pasos inferiores e as obras de drenaxe ou o deseño das estruturas dos viadutos con ancho completo de autovía. No resto do percorrido, entre Sarria e Monforte, a Consellería xa deseñou dende o primeiro momento un proxecto de corredor pensado para o seu desdobramento futuro.

Treito I: Vai dende a glorieta de Nadela (onde enlaza coa Autovía do Noroeste, A-6) ata o enlace de Maceda, e atravesa os concellos de Lugo e O Corgo. Ao longo dos seus 11 quilómetros conta con cinco pasos superiores e seis pasos inferiores.

Treito II: Abrangue dende o enlace de Maceda ata o enlace Sarria Norte. No seu percorrido, de 9,8 quilómetros, contará con cinco pasos superiores, dous pasos inferiores e un enlace con Pobra de San Xiao.

Treito III: Vai dende o enlace Sarria Norte ata o enlace Sarria Sur. Trátase de preto de 6 quilómetros que contará con cinco pasos superiores, un paso inferior e tres pasos de fauna.

En todo o seu percorrido, os tres tramos mencionados contarán cunha calzada de 12 metros de ancho, composta de dous carrís de 3,5 metros cada un e de dúas beiravías de 2,5 metros cada unha delas.

Treito IV: Unirá o enlace Sarria Norte coa estrada LU-636 (Becerreá-Sarria) á altura do polígono industrial de Mourelle actuará como unha circunvalación do núcleo urbano de Sarria polo leste. Trátase dun treito de 3,7 quilómetros de lonxitude cun viaduto de 316 metros sobre o río Sarria e o ferrocarril, dous pasos inferiores e dúas glorietas. A calzada deste cuarto treito terá 10 metros de ancho, que inclúen dous carrís de 3,5 metros e dúas beiravías de 1,5 metros.

SARRIA-MONFORTE:

O eixe vertebrador Norte-Sur da provincia de Lugo quedará completado coa ampliación do corredor ata Monforte, obra na que Política Territorial investirá un total de 122,2 millóns de euros.

A obra divídese en tres treitos que son Monforte-A Áspera, A Áspera-Noceda e Noceda-Sarria, que suman un total de 28,5 quilómetros.

Na actualidade o treito entre Monforte e A Áspera está en fase de licitación. Os outros dous treitos están en fase de redacción e supervisión de proxecto.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova