Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Cultura e Turismo inaugura a exposición FotogrÁFRICA organizada por Médicos do Mundo


# Xoves, 11/09/2008
Estará aberta no Centro Social Uxío Novoneyra ata o 26 de setembro

A primeira tenente de Alcalde e Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, inaugura FotogrÁFRICA, vidas ao redor do sida unha exposición de fotografías realizadas por persoas afectadas pola epidemia, e organizada por Médicos do Mundo-Galicia.

Trátase, segundo explica a ONG, dun proxecto, catro fotógrafos, un continente e catro países, dos que xurde unha exposición colectiva que nos achega ás vivenzas, soños e esperanzas de persoas africanas afectadas polo VIH/sida.

Nela participan mulleres de Namibia, persoas seropositivas de Senegal, persoal sanitario de Mozambique e mozos e mozas de Angola, que aprenderon a utilizar medios audiovisuais para trasmitir as súas vivenzas en torno ao VIH/sida. O traballo desenvolto por estas persoas e as instantáneas de Lorena Ros, Javier Teniente, Xulio Villarino e Rosina Ynzenga, conforman esta mostra que estará aberto ata o vindeiro 26 de setembro.

A exposición FotogrÁFRICA consta de catro partes: o silencio, a loita, a vida e o futuro:

A Loita / Namibia, as mulleres teñen un papel protagonista na loita contra o VIH/sida. A discriminación de xénero colócaas en situación de maior vulnerabilidade fronte ao contaxio. Á súa vez son o principal motor de desenvolvemento das familias africanas. Son as protagonistas das historias de vida que abren a exposición.

O Silencio / Senegal, invisibles, ocultas, escondidas. As persoas que conviven coa VIH/sida deben facer fronte ademais á discriminación dunha sociedade que se nega a miralas á cara, a recoñecer os seus dereitos. Un grupo de enfermos decidiu romper o silencio e colocarse diante e detrás da cámara.

O Futuro/ Ángola, frear a epidemia está nas mans das persoas máis novas, pero non poden facelo soas. Os rapaces e rapazas comezan a coñecer unha enfermidade que sempre foi tabú para os seus maiores. Creatividade e imaxinación tampouco lles falta e os retratos que crearon con material reciclado falan por eles.

A Vida / Mozambique, o continente máis empobrecido do planeta apenas recibiu os beneficios dos avances médicos contra o VIH/sida. O persoal médico sanitario, testemuña directo desta frustante situación, traballa día tras día para que a vida continúe a pesar da sida.

Médicos do Mundo- Galicia traballa en proxectos de inclusión social, Cooperación Internacional e mobilización social dende 1995. Ten como obxectivo conseguir unha maior  mobilización da poboación galega e provocar o rexeitamento e a denuncia das situacións de inxustiza e desigualdade que sofren as proboacións máis desfavorecidas do planeta.

A organización quere concienciar á xente da realidade que viven as persoas con sida en países con poucos recursos, e pon en marcha talleres de creatividade interxeracional onde a mocidade e as persoas maiores dan renda solta á súa imaxinación nun proxecto conxunto, coa finalidade de afondar na problemática da sida.

Outra novidade que inicia esta organización é a formación en educación afectivo-sexual á poboación local, para que se convirtan en axentes de cambio social no seu contorno.
 
Dende esta nova perspectiva a ONG pretende compartir cos galegos e galegas esta viaxe “visual” que percorrerá localidades das catro provincias galegas nunha campaña que se prolongará durante 2009. A mostra viaxará por Lugo, Melide, Carballiño, Verín , Noia e Vilalba ata marzo do vindeiro ano.

FotogrÁFRICA (www.fotografrica.blogspot.com) está financiada polo Concello de Lugo, a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia,  e patrocinada por Barin.

Ademais, conta coa colaboración de M80 Radio e dos concellos de Caldas de Reis, Baiona, Melide, Carballiño, Noia, Vilalba e Verín. FotogrÁFRICA tamén estivo en Madrid, Barcelona, Málaga, Sevilla, Zaragoza, Xixón e Bilbao.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova