Cargando....
Concello de Lugo
22/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

40 establecementos da cidade participan no IV Concurso de Tapas organizado polo Concello de Lugo


# Xoves, 11/09/2008
Nesta edición o certame contará con novidades como unha nova categoría e unha maior implicación do público

O vindeiro sábado, 13 de setembro, comeza o IV Concurso de Tapas de Lugo no que participarán 40 establecementos hostaleiros da cidade, 20 na modalidade de tapa tradicional e 20 na modalidade creativa, segundo anunciaron hoxe a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, e o Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, José Francisco Real. Estes datos supoñen un aumento de dez participantes máis que na edición do ano anterior, unha cifra que é moito máis que aceptable segundo os organizadores do concurso.

A Concelleira explicou que “se trata dun concurso que está xa consolidado e que conta cunha participación moi forte dos lucenes e dos visitantes. Os obxectivos perseguidos son poñer en valor un dos productos turísticos máis importantes da nosa cidade, que é a gastronomía, e cubrir o espazo entre a tempada de verán e San Froilán”. Segundo Burgo, proba do éxito deste concurso é que serviu de exemplo para outros concursos de tapas.

O concurso, que se  alongará ata o 28 de setembro, contará con un total de 7 premios que serán elexidos polo público e por un xurado de expertos:

Premios de votación popular:
-Tapa Creativa San Froilán
-Tapa Tradicional San Froilán

O público que visite o establecemento poderá votar a través de Internet accedendo ás páxinas web www.lugo.es e www.lugoturismo.com ou mediante os cupóns que se depositarán nas urnas situadas nos establecementos participantes. Entre todas as votacións efectuadas sortearase unha cesta de produtos típicos da gastronomía lucense.  Segundo explicou a Concelleira na terceira edición do concurso recibíronse uns 40.000 votos.

A Concelleira explicou que os consumidores das tapas atoparán nos establecementos o plano da ruta do tapeo, no que aparecen todos os participantes. O cliente que consiga polo menos 12 recadros selados dos diferentes establecementos poderá participar no sorteo dos seguintes agasallos:

- catro lotes de viño da D.O. Ribeira Sacra, por cortesía da D.O. Ribeira Sacra.

- catro fins de semana no Hotel Husa Puerta de San Pedro, por cortesía de Husa Hoteles.

- cinco entradas para o Club Termal do Gran Hotel de Lugo, por cortesía do Gran Hotel de Lugo.

Ademais da tapa creativa San Froilán e da tapa tradicional San Froilán, o público decidirá cos seus votos os 30 establecementos semifinalistas que optarán  a conseguir os premios de votación polo xurado.

Premios de votación polo xurado:
- 1 º Premio de Tapa Creativa
- 2º  Premio de Tapa Creativa
- 1º  Premio de Tapa Tradional
- 2º Premio de Tapa Tradional
- Un novo premio á tapa que mellor maride co viño da D.O. Ribeira Sacra ou que mellor use ese viño como ingrediente.

A selección dos finalistas realizarase os días 1 e 2 de outubro. Os integrantes do xurado de finalistas encargaranse de elexir as 8 tapas que pasarán á final. Durante estes dous días os 30 establecementos semifinalistas no concurso presentarán as súas creacións que serán degustadas polo xurado nomeado polo Concello de Lugo.

O mércores 1 de outubro o xurado de finalistas votará as tapas da modalidade creativa dos 15 establecementos participantes nesta categoría e seleccionará a os 4 finalistas e o xoves 2 de outubro fará o mesmo coas propostas da modalidade tradicional.

A selección dos gañadores do concurso terá lugar o día 3 de outubro, o xurado de expertos percorrerá os 8 establecementos finalistas para elixir aos 5 gañadores. Os gañadores do concurso recibirán insercións de publicidade en prensa ademais da placa coa que se lles obsequiaba ata este ano. Este mesmo día procederase á realización dos sorteos dos agasallos aos que opta o público participante.

Novidades do concurso
Nesta edición o certame contará cunha serie de novidades, ademais do novo premio establecido para a tapa que mellor maride ou use como ingrediente o viño D.O. Ribeira Sacra:

- Os participantes deberán empregar produtos autóctonos e característicos da gastronomía lucense.

- Haberá unha maior implicación do público que degusta as tapas. Ademais da tapa creativa e tradicional San Froilán, o público decidirá cos seus votos os 30 establecementos semifinalistas que optarán a conseguir os premios de votación polo xurado.

- Os criterios de valoración polo xurado son os seguintes: o xurado valorará de 0 a 7 puntos o seguinte: presentación, elaboración, sabor e relación calidade-prezo.

- O prezo da tapa estará comprendido entre 1 e 3 euros e non pode ser inferior ao custo real da tapa para que non exista unha competencia desleal entre os participantes.

- Os establecementos participantes poderán colaborar no concurso patrocinando comidas ou ceas e vales-obsequio para consumir no establecemento, que se sortearán entre o público que emita o seu voto e cubra o cupón de votación que deberá depositar na urna ou vía internet.

- Ademais, habilitarase un foro na páxina web www.lugoturismo.com para que a xente opine sobre todo o relacionado co concurso.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova