Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Sánchez Piñón subliña que a figura do acompañante escolar garante o acceso á educación desde idades temperás


# Luns, 15/09/2008
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria inaugurou en Lugo as Xornadas formativas de acompañante de transporte escolar, que se realizarán en 25 concellos galegos

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, presidiu esta mañá en Lugo a inauguración das Xornadas formativas de acompañante de transporte escolar, que se celebrarán en 25 concellos de toda Galicia os días 13, 20 e 27 de setembro. Na presentación, estivo acompañada polo alcalde de Lugo, José López Orozco.

Laura Sánchez Piñón salientou a importancia do transporte escolar e da figura do acompañante, que garante e facilita o acceso á educación desde idades temperás. Neste senso, a conselleira sinalou que a Administración educativa galega completou a implantación da figura do acompañante en todas as rutas que o precisan, pasando de 69 no ano 2005 ás 2.109 actuais. Este curso 2008-09 preto de 1.710 acompañantes cobren estas rutas, dos cales preto de 630 están en A Coruña, 310 en Lugo, 240 en Ourense e 530 na provincia de Pontevedra.

Durante a súa intervención, a conselleira de Educación salientou que Galicia "é a comunidade autónoma con máis rutas de transporte escolar, representando máis do 33% do gasto en transporte escolar de todo o Estado". Laura Sánchez Piñón sinalou que a figura do acompañante escolar completa o plan de seguridade viaria no que a Administración educativa inclúe outras iniciativas como o Plan Varola, e agradeceu especialmente a colaboración prestada por todos os acompañantes escolares de Galicia.

No transcurso do acto, o alcalde de Lugo, José López Orozco, valorou a importancia da formación de acompañantes de transporte escolar. "Esta é sen dúbida unha gran medida, que mellora, moderniza e da seguridade ao transporte escolar. O Concello de Lugo conta cun amplo territorio, dividido 54 parroquias, todas elas con transporte escolar, con familias que neste momento teñen a seguridade de que os seus fillos e fillas van a estar perfectamente atendidos no traxecto ata o seu centro escolar", salientou.
  
Xornadas e "Manual do acompañante"
O obxectivo das xornadas formativas de acompañante de transporte escolar é lembrar aos acompañantes a normativa e os aspectos técnicos  que rexen o transporte escolar, as medidas de emerxencia e precaucións que se deben ter en conta no traballo, así como as funcións e obrigas dos acompañantes. Estes coñecementos póñense a disposición dos participantes a través dun manual específico realizado pola Consellería de Educación, o Manual do acompañante 2008-09.

Esta publicación, na que colaboraron activamente a Administración educativa galega e as asociacións e federacións de transportistas, ofrece información básica sobre os aspectos máis relevantes en materia de seguridade que deben ser coñecidos non só polas persoas que desenvolvan as funcións de acompañamento, senón tamén polo alumnado usuario, polas súas familias e polos centros docentes ante calquera dúbida ou situación que puidese xurdir.

Estas xornadas formativas están programadas en distintos puntos da Comunidade galega. Así, na provincia de A Coruña, desenvolveranse nos Concellos de Ferrol, A Coruña, Cee, Boiro, Santiago e Melide. En Pontevedra, celebrarase nos municipios de Lalín, Vilagarcía, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e A Guarda. Pola súa banda, en Ourense impartiranse en Ourense, O Carballiño, Celanova, Xinzo de Limia, Verín e Pobra de Trives. Mentres, na provincia de Lugo, as actividades realizaranse en Vilalba, Lugo, A Fonsagrada, Viveiro, Foz, Monforte de Lemos e Sarria.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova