Imprimir

MÁIS DE 28.000 PERSOAS PARTICIPARON NAS ACTIVIDADES DE VERÁN ORGANIZADAS POLO CONCELLO DE LUGO


15/9/2008 Os Concelleiros de Muller e Benestar Social, Servizos Xerais e Deportes suliñaron a gran participación dos lucenses na programación estival

Máis de 28.000 persoas participaron este verán nas actividades organizadas polo Concello de Lugo como unha oferta para o tempo de lecer, segundo anunciaron hoxe a Concelleira de Muller, Benestar Social e Xuventude, Carmen Basadre, a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío.

A delegada da área de Benestar Social destacou o servizo das Aulas Abertas nos centros sociais municipais e das ociotecas nos que participaron uns 10.600 nenos e nenas. Basadre explicou que "este servizo é moi importante, xa que permite conciliar a vida familiar e a laboral, e seguiremos poñendoo en funcionamento nas vacacións de Nadal, Semana Santa e, porsuposto, o vindeiro verán".

Entre as actividades con máis afluencia da Concellería de Servizos Sociais destacan os inchables que durante as tardes dos meses de verán estiveron na praza Maior e nos que participaron 1.000 nenos e nenas, as excursións dos centros sociais e da zona rural con 880 persoas ou as clases de Tai-Chi con 535 persoas.

Basadre tamén suliñou a gran afluencia das diferentes actividades do Punto Xuvenil de Lamas de Prado con máis de 1.500 rapaces e rapazas, así como das organizadas na Casa da Música con 1.600 participantes.

Pola súa banda, a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, indicou que a Aula Multimedia do Castiñeiro se está a afianzar como un espazo de interacción social no que participan persoas de todas as idades e que "non so se familiarizan e aprenden a manexar as novas tecnoloxías, senon que ademais intercambian preocupacións e ideas". Segundo a Concelleira, o Goberno Local pretende que "este espazo sirva para que as novas tecnoloxías sexan algo cotidiano, que formen parte do día a día, e ilusionante".

Nos meses de xullo e agosto a Aula do Castiñeiro contou cunha programación variada e divertida nos que destacou a formación sobre blogs, fotografía dixital, videoxogos e as proxeccións de cine en galego. Nestas actividades participaron un total de 180 persoas cunha media de idade de entre 30 e 40 anos, sendo a maioría mulleres.

Nova programación
A Concelleira de Servizos Xerais aproveitou a ocasión para anunciar o inicio dunha nova programación de ¡Lugo Xa Conecta! que se desenvolverá entre setembro e decembro.

Estes novos cursos tratarán áreas como a alfabetización dixital, xestión na empresa, búsqueda de información en Internet, mecanografía ou xogos na Rede. Zarzuela resaltou a actividade que se levará a cabo os luns de 18:30 a 19:30 horas destinado a persoas con discapacidade intelectual en grupos reducidos prestándoles atención especializada e adaptada ás súas necesidades.

Por outra banda, a Concelleira explicou que o vindeiro luns 22 de setembro retomarase o percorrido do autobus interactivo Lugo Xa Conecta, pola zona rural de Lugo. Co obxectivo de dar a coñecer as vantaxes de facer trámites co Concello a través da Rede xa estivo en funcionamento entre o 15 de xuño e o 15 de xullo cunha participación de 536 persoas.

Deportes de verán
As actividades deportivas organizadas polo Concello tamén contaron cun bo número de participantes. O Concelleiro de Deportes indicou que nas escolas e cursos que estiveron en funcionamento en verán  superáronse  os 600 participantes.

Díaz Grandío resaltou que se cubriron a totalidade de prazas ofertadas e, incluso, tivemos que ampliar o número das ofertadas en tiro con arco. Nos meses de verán participaron 95 persoas nos cursos de piragüismo, 79 en tiro con arco, 96 en iniciación á hípica, 321 nos cursos de natación e 32 en triatlón.

Por outra banda, o Concelleiro fixo balance das piscinas descubertas municipais que tiveron ao longo da tempada de verán (xullo e agosto) un total de 10.500 usuarios. O Concelleiro explicou que "as instalacións estiveron 8 días cerradas por mor da climatoloxía e os dous días de máxima afluencia foron o 22 de xullo e o 5 de agosto".