Imprimir

COMEZAN AS ACTIVIDADES DA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE ORGANIZADAS POLO CONCELLO DE LUGO


15/9/2008 Continúa aberto o prazo para inscribirse nas xornadas sobre seguridade vial para os usuarios de bicicletas

Mañá comezan as actividades organizadas polo Concello de Lugo con motivo da celebración da Semana Europea da Mobilidade que terán lugar entre o 16 e o 22 de setembro. O obxectivo do programa é promover entre a cidadanía o uso de transportes alternativos ao coche como pode ser a bicicleta.

As actividades comezan o mércores 17 coa inauguración da estación de bicis de Rebicíclate situada no Campus Universitario e continuarán da man da Concellería de Educación. Dende o departamento que dirixe Dolores Vieiro, poñen en marcha o programa Usa a Bici que, dende as 17:00 horas ata as 19:30 horas, porá a disposición dos máis pequenos, entre 8 e os 14 anos, un circuíto de bicicletas para que practiquen coa seguridade vial na Praza de Anxo Fernández Gómez.

Os días 19 e 20 de setembro a Concellería de José Rábade dedica o seu tempo as xornadas Rebicíclate. Nestas impartiranse, no Centro Social do Uxío Novoneyra un curso de seguridade vial para os usuarios de bicicletas entre as 17:00 e as 18:00 o venres e das 11:00 ás 12.00 o sábado. Un axente da Policía Local será o encargado de impartir esta charla que rematará co reparto de chalecos e cascos para os ciclistas e dun libro con normas de seguridade vial. Todavía sigue aberto o prazo para inscribirse que se pode realizar a través da web da semana da mobilidade e do teléfono de atención cidadá 010.

A Concellería de Deportes que dirixe José Manuel Díaz Grandío, pola súa banda, organiza para o día 20, o VII Gran Premio Lugo Rural de ciclismo. Este ano comezará ás 15:00 e rematará ás 20:00 horas e o percorrido será: Praza de Santo Domingo (saída e meta), Rúa San Marcos, Praza de San Fernando, Ronda da Muralla entre a Porta de San Fernando e a de Bispo Odoario, rúa Montevideo, Quiroga Ballesteros e Praza de Santo Domingo.

O día 21 de setembro como broche de ouro, terá lugar o XV Día da Bicicleta, que comezará cunha concentración na Praza Maior ás 11:30 e un percorrido en bicicleta de 8 quilómetros que sairá do Concello ás 12:00 horas. O itinerario nesta edición será: Rúa Raíña, San Marcos, San Fernando, Avenida da Coruña, Rúa Mallorca, Praza da Milagrosa, Curros Enríquez, Camiño Real, Ronda da Muralla, Rúa Villalba, Avenida Rodríguez Mourelo, Avenida García Portela, Ramón Ferreiro, Rúa San Roque, Ronda da Muralla, Avenida da Coruña, Rúa Montefaro, Avenida Infanta Elena para chegar ao Centro Comercial das Termas.

Ademáis, esta mesma xornada celébrase o Día sen coches, polo que estará pechado o acceso de automóbiles ao centro da cidade. Soamente estará permitido o paso a residentes e propietarios de prazas de garaxe.

O día 22 de setembro con motivo do Día Europeo sen coches o transporte público urbano será gratuíto.