Cargando....
Concello de Lugo
07/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo concede a Medalla de Ouro da Cidade ao diario El Progreso


# Xoves, 18/09/2008


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, en nome da Corporación en Pleno, fixo entrega á presidenta do diario El Progreso, Blanca García Montenegro, da Medalla de Ouro da Cidade de Lugo polo seu centenario.

Na sesión ordinaria celebrada o 30 de xuño deste ano, o Excelentísimo Concello en Pleno decidiu, por unanimidade, concederlle esta condecoración ao diario pola súa traxectoria de servizo á cidade durante os seus primeiros cen anos de vida.

Previamente ao acto da entrega da Medalla de Ouro, a Presidenta do diario foi recibida polo Alcalde no Despacho de Alcaldía onde asinou no Libro de Ouro:
“Para todos os que integramos El Progreso, e moi especialmente para min como editora, a recepción da Medalla de Ouro de Lugo fai que hoxe sexa un dos días máis fermosos no Centenario de El Progreso. Co agradecemento a todos e a cada un dos membros da Corporación Municipal en Pleno e coa vontade de seguir facendo periodismo en e por Lugo”.

O acto de entrega da Medalla, que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello, contou coa presenza de numerosas autoridades da vida social e política lucense. Na mesa de Presidencia estiveron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro e o Presidente da Deputación, José Ramón  Gómez Besteiro.

A presidenta agradeceu en nome de todos os traballadores de El Progreso a concesión desta máxima distinción da cidade e afirmou que “é a confirmación dos estreitos vínculos que unen, e creo que se pode decir que identifican, a El Progreso coa cidade, e á cidade co seu periódico”. A presidenta do diario engadiu que é “unha identificación que nace na orixe do periódico e se mantén durante os últimos cen anos”.

DISCURSO DO ALCALDE  DE LUGO NA ENTREGA DA MEDALLA DE OURO DA CIDADE DE LUGO A EL PROGRESO

“Sra. Presidenta
Sras. e Sres. Concelleiros
Autoridades
Sras. e  Sres.:

Neste acto que se celebra na casa do Concello, casa común de todos os lucenses, no que entregamos a Medalla de Ouro da Cidade de Lugo ao diario El Progreso con motivo do seu centenario, recollemos o sentir dos lucenses manifestado na unanimidade dos tres grupos municipais no Pleno celebrado o día 30 de xuño de 2008, no que se tomou o acordo que nos acaba de ler o Sr. Secretario.

Por iso é unha ledicia e un honor para min como Alcalde presidir este acto de entrega da Medalla de Ouro a un veciño tan senlleiro como é El Progreso, a un veciño que a diario nos acompaña coa súa información, coa súa visión da realidade, como diría Ortega y Gasset, “coa súa perspectiva”. A súa propia, que pode gustar ou non, feita día a día co traballo dun equipo de homes e mulleres, profesionais do xornalismo, que teñen a misión de informar.

El Progreso recolle ao longo do tempo a evolución da nosa historia como cidade,  ninguén como el viviu día a día o pulso da mesma e, se se me permite, da propia provincia. Ese pulso dun continuo progreso aínda que con momentos de estancamento, pero sempre cun obxectivo claro que xa se manifesta no editorial do primeiro día: “traballar para o desenvolvemento dos homes e mulleres desta cidade e desta provincia”.

Que bonita historia!: Unha familia, xa para sempre os Cora, que nun momento determinado toma unha decisión: a fundación e creación dun periódico.

Cando as decisións son firmes, están  maduras e teñen obxectivos claros, teñen continuidade no tempo.

Hoxe esa mesma familia, neste caso presidida e liderada por Dona Blanca García Montenegro, continúa ao fronte da empresa, tomando esta palabra no seu sentido máis profundo e social: emprendemento: Tarefa de comenzar e desenvolver unha acción social que produce uns beneficios particulares pero que redunda nun servizo á sociedade na que se enmarca e nas persoas que están nela.

Pero non é momento de deternos no pasado, senón de mirar para o futuro, sen esquecer por iso as verbas do ilustre lucense D. Ánxel Fole, - un enamorado desta casa que el consideraba o seu “segundo fogar” - e que decía que “para vivir plenamente hai que recordar”.

El Progreso ten na actualidade perfectamente deseñado o seu futuro. É un grupo de comunicación adaptado ás novas circunstancias comunicativas, e cunha saga familiar que de seguro vai a recoller a antorcha que se encendeu hai 100 anos e que lle vai a dar continuidade. Que non se apague nunca, por Lugo e pola súa provincia.

Pero ao igual que os grandes acontecementos, a historia deste veciño non se pode entender sen os centos de persoas que se dedicaron e se dedican con afán e con esmero a levala adiante día a día.

E tampouco sen os numerosos escritores e creadores que comezaron neste diario, e que hoxen teñen un nome para sempre na historia das nosas letras. Para eles, tantos que non me atrevería a nomear de un en un, é tamén este recoñecemento.

Un cariñoso recordo, pois, para os directores, redactores, gráficos, persoal de taller, comerciais, vendedores, quiosqueiros…que cada día fixeron e fan esta nobre tarefa de informar, formar e entreter.

Porque informar, e facelo libremente, é sen dúbida un dos dereitos máis fermosos que nos trouxo a democracia, un dereito ao que xa non estamos dispostos a renunciar e no que cada día hai que profundizar máis, para ter cada día unha democracia máis perfecta.

Este é ademais un traballo intenso, que converte ao que o realiza nun creador da historia, nunha testemuña inmortal do pasado e do presente da cidade e da súa xente. Iso si que é traballar por Lugo, facer que quede no tempo cada paso que da, cada feito que se produce.

Lugo facémolo entre todos, pero non é menos certo que sempre será necesario alguén como El Progreso que estimule a nosa autoestima, o noso orgullo de ser lucenses e o noso afán de traballo en común por Lugo, por Galicia, por España, neste marco xeográfico e político que estamos a construir da Unión Europea.

Nun mundo globalizado, cada vez ten maior importancia o local, por iso El Progreso, diario de Lugo y de su Provincia, vai ter como mínimo “mil primaveras máis”. 

Seguro que é o desexo sincero de todos os que nos atopamos aquí.

Moitas grazas.”




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova