Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Intervención do Alcalde


# Luns, 22/09/2008


O día 16 de xuño de 2007, por terceira vez, tomei posesión do cargo de Alcalde da cidade de Lugo, cun Goberno Municipal con maioría minoritaria. Non foi posible un acordo co BNG para facer un Goberno de coalición e iniciei a andadura do mandato cun  goberno en minoría, porque así o quixeron os lucenses e porque, como xa dixen, non foi posible o acordo.

Quero subliñar que este feito era novo para min, pero lonxe de desacougarme, significou un novo acicate e ilusión para gobernar o Concello de Lugo tendo en conta non só os desexos e aspiracións que se conteñen no Programa Electoral, votado por moitos lucenses, e no Plan Estratéxico, feito tamén por moitos lucenses, senón tamén tendo en conta as lexítimas aspiracións dos outros grupos. Os acordos son sempre posibles sempre e cando non signifiquen renuncias insalvables aos principios que nos moven ao Grupo Socialista.

Aínda así, Lugo non só NON perdeu ningunha oportunidade porque a Xunta de Goberno Local fixo o papel que lle encomenda o mandato popular e a lei, que é o  de Gobernar e levar a cabo os proxectos importantes do Concello, e porque se profundou na política de pactos que fixeron posible, por exemplo, un avance substancial no desenvolvemento do Plan Xeral de Ordenación Municipal que culminará coa súa presentación no mes de novembro nun Pleno extraordinario, e espero e desexo, coa súa aprobación co voto favorable da maioría da Corporación ou a aprobación dos orzamentos que posibilitaron as actuacións das que falaremos ao longo deste debate.

Lugo atópase nun momento espléndido de transformación e de modernización e vive un momento de cambio  evidente, froito do traballo de moitos ao que non  é alleo o Concello mediante as xestións e accións do Goberno Municipal que presido.

Remataron proxectos como a nova estación de mercadorías no Ceao, o desdobramento da Campiña, os accesos do Ceao e pasos de a Avda. de A Coruña, o novo acceso ao barrio da Piringalla por Mar Cantábrico coa nova pasarela sobre a N-VI, iluminación da N-VI, Ceao-Tolda e o acceso a Garabolos, todas as travesías dos Convenios asinados con Fomento incluída a Avenida de Madrid, obra que foi contratada nesta semana por un importe de mais de tres millóns de euros, os convenios co Ministerio de Defensa e coa Consellería de Vivenda e Solo, que posibilitaron que se estea a facer o Parque empresarial de As Gándaras e así obter medios económicos para desenvolver dotacións na nosa cidade.

Están a piques de rematar outros como a nova potabilizadora e a nova depuradora cos estanques de tormentas e saneamento integral das dúas marxes do río Miño, a I fase do Plan Paradai e a II que a está a levar a cabo a Deputación Provincial, a Ronda Leste,  acceso ao novo Hospital e os viais perimetrais do mesmo que financia o Concello.

Outros, como por exemplo o Auditorio, a nova Ponte, o Cetal, o Centro Asociado da UNED, os tramos das autovías Lugo-Santiago, Lugo-Ourense o seu paso polo Concello botaron a andar despois das vicisitudes vividas e xa coñecidos por todos.

Nunca se investiu tanto na cidade e dun xeito tan proveitoso para os cidadáns e para o seu futuro. Máis de 300 millóns de euros que van facer que a cidade cambie radicalmente. Tanta e tanta xestión ante outras administracións veuse culminada polas obras continuas que se están realizando en Lugo.

Como dicía, o Concello é obra de moitos lucenses e institucións. Por iso merece a pena subliñar a materialización de numerosas unidades de actuación que non só proporcionan solo residencial senón tamén dotacións e equipamentos públicos para a Escola Infantil de Fontiñas, ou o Centro Cívico de Entrecarrís ou a Escola e a Biblioteca da Piringalla.
Tamén aproveitamentos urbanísticos que unhas veces foron vendidos para reinvertir en máis dotacións e equipamentos, e outras veces van  ser aproveitados polo Concello para desenvolver vivenda a través da empresa EVISLUSA.

Lugo medra en todos os sentidos. Medra a súa poboación, xa somos 96.290 lucenses; medra a súa autoestima, a modernización das súas infraestruturas nos barrios, no centro e na zona rural, o fomento e emprego das novas tecnoloxías, o número de actividades culturais, sociais, xuvenís, deportivas e de educación, ofertadas durante todo o ano, o número de turistas e a oferta para visitar a nosa cidade. A cidade avanza cara adiante que é como debe moverse un concello e todo iso dunha forma sostible, respectando o medio natural ou realizando infraestruturas decisivas, potabilizadora e saneamento, que significan unha aposta clara e decidida polo respecto ao medio natural. Temos solucionado o abastecemento e a depuración das augas por moito tempo.

Ao fronte do Concello de Lugo está un equipo que xestiona. Un equipo que lidera un proxecto de cidade.

Dende xullo do 2007 ata setembro deste ano leváronse a Pleno perto de 300 asuntos dos que moitos foron aprobados por unanimidade, quedando sobre a mesa soamente e para mellor estudo e consideración un asunto.

A Xunta de Goberno Local, auténtico motor e referente das xestións de máis calado político que se realizan no Concello, aprobou dende xullo de 2007, con reunións todas as semanas, máis de mil asuntos que dunha forma ou doutra repercuten no desenvolvemento da cidade. Non vou  destacar un por un os asuntos que se aproban en cada unha das áreas do Goberno e que  son propios do Goberno Municipal, pero si que quero dar conta daquelas máis relevantes e que serven para dar testemuña do traballo que se realizou.

ECONOMÍA

Non podemos falar da situación económica de Lugo obviando que os grandes indicadores socioeconómicos falan dunha cidade en crecemento, unha cidade que se moderniza e avanza. Gozamos dunha excelente saúde económica dentro do Concello que nos permite afrontar o futuro sen ningunha preocupación. Estamos inmersos nunha situación económica problemática que non podemos nin queremos obviar porque afecta aos veciños e sobre todo aos máis desfavorecidos.

Por iso decidimos redobrar esforzos e para resumilo nunha frase apertarnos o cinto co fin de que as familias de Lugo pasen nas mellores condicións esta fase económica.

O equipo de goberno, coa colaboración de oposición, aprobou para o ano 2008 unhas ordenanzas fiscais que permitan crecemento sen máis presión fiscal.
Queremos proseguir nesa mesma liña e por iso para este ano, propuxemos á oposición unhas ordenanzas restritivas  para os ingresos, pero en cambio que posibilitan máis oportunidades para a maioría dos lucenses.

Esas medidas, que resumimos en once, forman un conxunto de carácter social, económico e fiscal que teñen como obxectivo animar o crecemento da economía, sen afectar, iso si, nin o máis mínimo, ao gasto social que se verá incrementado. A clave da nosa Política está nas persoas e no seu benestar, e con iso si que non queremos facer ningunha limitación.

Estas medidas tamén teñen en conta a situación de crise que vive o sector da construción, e que afecta a postos de traballo e consecuentemente a familias. Apostamos pola obra pública que repercute positivamente no emprego nese sector tan importante no noso Concello mediante a edificación de novas dotacións públicas.

Nos vindeiros anos estarán en construción, sen contar as obras do vello cárcere, 7 edificios públicos municipais:
* Centro Cívico e Casa das Linguas da Piringalla
* Escola Infantil da Piringalla
* Biblioteca da Piringalla
* Centro Cívico de Montirón-Sanfiz
* A  nova sede da policía e protección civil
* O MIHL, etc

A isto hai que engadir o mantemento do investimento na mellora das rúas da cidade, instalacións deportivas e obras menores, que ademais son realizadas coa participación veciñal. 

Este equipo de goberno quere garantir a transparencia absoluta e información continua no investimento dos cartos públicos. Todos os lucenses teñen que saber en que se gastan os seus cartos.

De feito o Concello de Lugo atópase no posto número 1 en canto a transparencia nas contratacións de servizos, segundo establece o ranking que recolle o índice de transparencia dos Concellos, elaborado por Transparencia Internacional España.

A aprobación do orzamento municipal para o ano 2008 foi sen dúbida un gran comezo na xestión económica do Concello. Para facelo contouse co apoio do Partido Popular. É a demostración de que cando existe vontade de traballo en beneficio da cidade, cando a actitude é responsable, entón o entendemento é posible.

Para este ano faremos o mesmo esforzo ou aínda máis, se fora necesario, para aprobar os orzamentos correspondentes ao  ano 2009.

As novidades fiscais máis importantes e que garanten esa transparencia e a claridade de información para os administrados, foron aprobadas, como xa dixen, por unanimidade:

•          Aprobamos un calendario fiscal que permitirá unha mellor organización da economía doméstica.
•          Aprobamos bonificacións nos tributos: vehículos ecolóxicos, licenzas de obras na zona rural, vivenda habitual en plusvalías…

Este departamento levou a cabo un proceso de modernización moi importante: fixáronse novos medios de pago: o pago a través da web- do que fixeron uso 415 contribuíntes para pagar o IVTM- a sinatura dun convenio con  outras entidades, pago con tarxeta…

Liquidáronse os orzamentos do 2007 cun superávit de 4 millóns de euros o que evidencia unha extraordinaria xestión económica, e que queda patente na Conta Xeral do que se extrae que:

-           O Investimento por habitante: é de 174,24 euros, e no 2006 era de 117,83. Polo que en dous anos aumentou nun: 48%
-           O Gasto por habitante é hoxe de 926,02 euros, e no 2006 era de 875,35.

A Economía do Concello lucense, nun período de crise, que temos que ir superando e para o que nos comprometemos a colaborar ao máximo, podemos dicir que é estable e transmite unha mensaxe de confianza e tranquilidade. Se fora preciso poderiamos acudir ao endebedamento co fin de realizar investimentos produtivos que melloren a nosa calidade de vida.

Tamén se procedeu á aprobación do II Plan Estratéxico de Subvencións 2008-2011 dotado con 5.367.000 euros para o ano 2008.

Ademais puxemos en marcha un Plan de control das concesións municipais que vixía que as concesionarias estean ao día nos seus pagos ao Concello, ao tempo que se realiza un control exhaustivo da súa xestión e da evolución do seu servizo.

Outra das grandes apostas deste Concello foi a mellora do noso comercio. Para iso puxemos en marcha unha Mesa Local na que están representados os comerciantes lucenses e que intenta coñecer de primeira man os problemas do sector e que poden ser resoltos polo Concello ou para ós que o Concello pode colaborar para darlles solución.

Somos conscientes de que o comercio é un dos piares nos que se sustenta a economía lucense, por iso queremos continuar traballando polo de proximidade, e estruturar en torno a el a vida dos nosos barrios.

Pero tampouco esquecemos ao consumidor. A OMIC tramita durante todo o ano e informa as reclamacións, denuncias e consultas dos consumidores. No ano 2007 tramitáronse 1.100 consultas e máis de 300 reclamacións, que recibiron mediación e arbitraxe por parte do negociado de Sanidade e Consumo co fin de simplificar a acción.

Tamén se levan a cabo guías prácticas para o consumidor, e charlas informativas ao longo de todo o ano, sobre temas que lles interesan como a arbitraxe de consumo, a Lei de sucesións en Galicia ou a eficiencia enerxética e o consumo responsable.

EMPREGO

▀■ DESENVOLVEMENTO LOCAL
Este departamento foi creado no ano 1998 para dar asesoramento a emprendedores. A partir do ano 2000 cambia radicalmente a súa eficacia e xestión e pasa a xestionar preto de 35 millóns de euros en proxectos cofinanciados con fondos europeos. Estamos a falar de case 6.000 millóns de pesetas; é dicir pasamos de xestionar CERO EUROS a TRINTA E CINCO MILLÓNS DE EUROS.

Coa chegada deste equipo ao goberno local déuselle unha enorme importancia á atención a empresas e á xestión de fondos europeos. Por iso incrementamos os traballadores que de 3 pasaron a ser arredor de 70. Ademais, a maioría son persoas con dificultades de inserción laboral ás que o Concello axuda a acumular experiencia para futuros traballos e cuxos salarios forman parte de subvencións autonómicas, estatais e europeas.

Pasamos de ser meros observadores do traballo doutros Concellos a ser referente e modelo para eles, incluso para Deputacións tan importantes como a de Barcelona e incluso as publicacións e medios de comunicación europeos de prestixio comezaron a facerse eco dos nosos proxectos.
 
Só neste departamento, e dende este ano 2008, xestionaranse máis de 25 MILLÓNS DE EUROS, unha cifra que supera os 4.000 millóns das antigas pesetas.

Todo o traballo que se realiza dende a área de Emprego obedece a unha estratexia que se iniciou coa nosa chegada ao equipo de goberno.

Os datos confirman que o estamos a facer ben e continuaremos cos Plans de Inserción laboral, o PILES que comezou a funcionar no 2004, e cos  novos proxectos de reciclaxe profesional que poremos en marcha, así como a busca de novos sectores profesionais ou nichos de emprego á marxe da construción.

A Escola para o Emprego foi outra gran aposta polo acceso ao mercado laboral dos lucenses. Comezou a funcionar no 2003 e desde esa data  pasaron por alí 9.729 persoas. Só dende o ano 2007 empregaron estas dependencias 2.857 persoas.

Na actualidade, estes servizos pasaron a ofrecerse no Espazo Lab, situado no antigo cuartel de Garabolos unificando neste edificio municipal todas as dependencias relacionadas co emprego, os emprendedores e o desenvolvemento local.

Esta área puxo en marcha varios programas de inserción laboral –“Lugo social” e “Lugo cidade próxima”- nos que participaron máis de 400 alumnos cun índice de inserción laboral próximo ao 60%.

As axudas económicas xestionadas pola Concellería de Emprego son moi importantes; de feito o Concello obtivo recentemente máis de 2 millóns de euros da Consellería de Traballo para a posta en marcha de cursos e programas, entre os que se atopan a Escola Obradoiro que está a rehabilitar a escola rural de San Pedro de Mera, que conta con 25 alumnos TRABALLADORES e 5 técnicos e docentes e un investimento de 470.324 euros.

A dixitalización do Arquivo Municipal co proxecto “A Memoria da Cidade”, cun investimento de 654.316,93 euros e que dará emprego a 38 persoas máis, subvencionado 100% pola Consellería de Traballo.

Neste momento, está aberto un proceso de selección para 6 persoas subvencionadas polo proxecto europeo “Lugo, emprego activo” que presentou este departamento e que conta cun orzamento total de 2 millóns 352.000 euros

Tamén se contratarán 3 persoas para a xestión de Urban. Polo tanto o Concello porá en marcha 9 novos postos de traballo subvencionados por Europa e ademais os 5 técnicos de Emprego do Concello tamén están subvencionados pola Consellería de Traballo.

Dende este departamento tamén están a poñer en marcha iniciativas encamiñadas a fomentar o espírito emprendedor da cidadanía e especialmente da mocidade, tal e como figura no noso programa.

▀■ PACTO TERRITORIAL POLO EMPREGO
O Concello de Lugo afronta as dificultades dende a unidade e a colaboración como demostra o pacto territorial polo emprego, un valioso instrumento que xurde do diálogo e do consenso.

Forman parte do mesmo 38 Concellos da provincia, empresarios, sindicatos e a Consellería de Traballo.  A súa misión será planificar as políticas laborais.

▀■ ESPAZO>LAB
O Concello de Lugo conta cun Centro de Orientación Laboral posto en marcha hai moi poucos días, o Espazo Lab. Presta un servizo integral de orientación, formación e desenvolvemento de programas de fomento do emprego e ten como obxectivo lograr o pleno emprego a través da formación. A nosa meta é que Lugo compita por ser unha cidade cos recursos humanos mellor formados.

Neste centro lévanse a cabo tamén prácticas activas para a detección e divulgación das tendencias no mundo do traballo, as novas oportunidades de ocupación... e nelas será onde se centre a formación. Será un laboratorio de investigación das transformacións e tendencias do mercado de traballo.

Podemos afirmar con satisfacción que os servizos que ofrece o Concello no campo do emprego, están ao mesmo nivel que os de cidades moito máis grandes e desenvolvidas.

▀■ OFICINA DE INFORMACIÓN EUROPEA
O pasado mes de xullo, anunciamos a posta en marcha da Oficina de información europea no CEI. Un proxecto pioneiro en Galicia que contribuirá a dinamizar máis aínda o traballo que se realiza no Centro de Empresas, e a difundir a apertura total deste centro á cidadanía.
Esta oficina tratará de dar resposta á demanda de información sobre todo da mocidade  naqueles aspectos relacionados co mercado laboral europeo e a súa formación no estranxeiro.

É importante destacar o dato de que ningún proxecto xestionado por este departamento quedou sen executar. Isto é un exemplo máis de boa xestión e está considerado como un dos aspectos máis valorados ao solicitar novos proxectos.

Unha das nosas grandes apostas como goberno é a boa execución do Proxecto  URBAN, que foi cualificado como o mellor proxecto galego e que conta cun investimento total de 16 millóns de euros.

Este proxecto, que permitirá a dinamización e revitalización do Centro Histórico, foi apoiado en Pleno por todos os grupos políticos e conta co respaldo das forzas vivas da cidade a través do Consello Económico e Social, así como da Deputación provincial.

É un gran proxecto para o que traballou moito este goberno e, se se me permite, eu como Alcalde. Moitas viaxes ao Ministerio de Economía para analizar todos os puntos que recollían as bases desta iniciativa e non deixar ningún sen revisar, moitas horas de traballo dos técnicos municipais liderados pola responsable de emprego, xuntanzas, explicacións e encontros cos responsables de Fondos Comunitarios... Eu mesmo lle levei o proxecto en persoa ao Director Xeral de Fondos Comunitarios, D. José Antonio Zamora, a finais de xaneiro para explicarlle o proceso de elaboración e os apoios cos que contaba o Urban lucense.

O Concello de Lugo presentouse para obter o Urban en tres ocasións diferentes e con gobernos de distinto sino, e este ano por fin se valorou o noso traballo e se concedeu en xullo.

Supón un investimento para a cidade de 16 millóns de euros, procedentes de fondos FEDER, -8 millóns de euros- da Consellería de Economía da Xunta de Galicia -1 millón de euros- da Deputación provincial -3 millóns de euros- e do Concello de Lugo -3.942.000 euros.

A obtención do PLAN URBAN, demostra unha vez máis o resultado da xestión que se leva a cabo dende o goberno local. Moitas cidades galegas e españolas presentaron a súa proposta, pero, falando de Galicia, só catro foron aceptadas: Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela e Lugo.

O Plan Urban de Lugo permitirá a rehabilitación do antigo cárcere, que se converterá nun centro cultural polivalente para uso de todos os lucenses no centro da cidade, unha aposta polo recinto amurallado de Lugo, a revitalización e dinamización do seu comercio, a mellora na comercialización dos produtos autóctonos, a mellora do transporte público e da mobilidade, o fomento da creación de empresas promovidas por mulleres, a formación dos traballadores do sector turístico ou a iluminación dos monumentos e as melloras urbanas que permitan afondar na peonalización do centro.

O proxecto inclúe tamén varias accións que afectan ás novas tecnoloxías, á inclusión social, á rexeneración medioambiental, á accesibilidade e mobilidade e ao desenvolvemento económico.

Outro proxecto importante para o Concello de Lugo, é o Proxecto PARQUE que permite a modernización tecnolóxica do polígono do Ceao. Foi outro dos programas exemplares posto en marcha polo departamento de Emprego municipal. Conta cun investimento do Concello de 891.969,44 euros, e permitiu a instalación dun sistema de videovixianza de última xeración para o Polígono, a conexión dos parques empresariais socios do proxecto a través da Rede Telépole ou a instalación de puntos de información multimedia.

▀■ CENTRO DE EMPRESAS E INNOVACIÓN
O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo, CEI-NODUS, foi creado co obxectivo de dar apoio e asesoramento ás empresas e emprendedores de Lugo.

O obxectivo estase a cumprir. Neste momento hai 13 empresas no viveiro e o índice de supervivencia delas unha vez que o abandonan, é do 100%. Ademais hai máis de 12 novos proxectos en estudo, de emprendedores que queren entrar a formar parte deste Centro.

No eido do asesoramento, o CEI conta con 3 axentes de emprego que nos primeiros 7 meses do 2008 xa asesoraron a 84 emprendedores dos que 16 puxeron finalmente en marcha o seu proxecto co apoio do CEI.

Traballamos para que Lugo sexa unha cidade moderna, do século XXI, con novas tecnoloxías, infraestruturas importantes e de calidade, centros punteiros, formación e emprego, calidade de vida. Unha cidade na que a nosa mocidade poida e queira vivir.

CULTURA

A cultura é hoxe un elemento de gran importancia na realidade da nosa cidade. O desenvolvemento cultural é evidente, tanto dende o punto de vista da mellora dos equipamentos e servizos, como pola gran programación cultural que levamos a cabo, con fondos propios ou con Convenios con outras entidades públicas e privadas. Nunca en Lugo se celebraron tantas actuacións culturais ou se patrocinaron as que realizan outras entidades como son, por exemplo, a Semana de Cine de autor, O Festival de Jazz... Algunhas delas son modelo para outras cidades como son a Semana Internacional da Maxia, as semanas de Teatro Clásico e do Século XX ou o Festival Interfolk.

A Concellería de Cultura organiza máis de 300 actividades ao longo do ano para non deixar ningún mes sen propostas culturais na cidade. O auditorio Gustavo Freire recibiu unha media de 600 persoas por actuación, acadando o cheo absoluto en numerosas ocasións.

Pero este non é un dato relevante, xa que moitas das nosas propostas desenvolvéronse na rúa. Sacamos a cultura á rúa, que se transformou no escenario máis amplo e democrático, e permitiu que todas as persoas que quixesen tivesen acceso á cultura. Logramos que propostas coma o Arde Lucus ou o San Froilán se convertesen en acontecementos coa participación cidadá máis alta da nosa historia. Convertendo a Lugo ademais nun destino turístico en épocas non estivais como é o mes de outubro. Conseguimos iniciar a desestacionalización do noso turismo, que é un dos nosos obxectivos.

Renovamos e ampliamos o calendario cultural que nunca foi tan intenso como é agora, e que seguirá ampliándose, e fixemos que as propostas culturais municipais e en colaboración con numerosas entidades fosen accesibles para todos.

Conseguimos que as Festas do San Froilán recibiran o galardón de Festas de Interese Turístico Nacional, converténdose sen dubida no mellor selo da marca da cidade e nun atractivo turístico recoñecido xa fóra de Galicia. Dado o crecente número de visitantes que se produce ano tras ano, se está a converter tamén nun poderoso atractivo económico para o comercio e a hostalería lucense.

O novo Auditorio pasou as vicisitudes de todos coñecidas. Hoxe estanse a dar os pasos firmes e definitivos para a súa construción. Chegouse a un acordo coa Xunta para a súa ubicación e fíxose o concurso de ideas do proxecto, resultando seleccionados cinco equipos de arquitectos dos mellores estudos de España, para elixir un entre eles.

As obras van comezar o próximo ano, multiplicando case por tres o orzamento que se programou no seu momento.

Recibimos con agrado a petición da Consellería de Cultura para a realización de escavacións no Cuartel de San Fernando e a petición da cesión do mesmo para construír alí ao longo de 2009 e 2010 un Centro da Romanización tan desexado en Lugo. O Centro Histórico vai contar cunha gran dotación pública nun espazo negociado por este Goberno co Ministerio de Defensa.

O número de lectores da biblioteca Municipal medrou un 60% dende o ano 2004 superando os 24.200 lectores. O número de préstamos efectuados aumentou extraordinariamente nun  265% -pasou dos 7.226 aos 26.379- e a nova Biblioteca da Piringalla, con capacidade para dar servizo a preto de 20.000 persoas e que contará con 169 prazas máis, suporá que en moi pouco tempo Lugo terá un total de 319 prazas de lectura en edificios municipais.

O traballo de publicacións do Concello tamén está a ser moi prolífico. Dende o ano 2004 publicáronse preto de 50 libros e só no que levamos de ano xa se publicaron, ou están a piques de saír, 11 novas publicacións municipais. É unha forma de contribuír a defensa do noso idioma e a promover novos escritores e escritoras.

Fumos ademais este ano os mentores do prestixioso premio Blanco Amor, así como proseguimos coa iniciativa de convocar outros premios de poesía e narrativa para escritores noveles. Así mesmo seguimos a publicar a revista de poesía XISTRAL e somos copatrocinadores da prestixiosa Revista Lucensia. 

Como dicíamos a cultura faise desde o Concello, pero non é menos certo que tamén hai asociacións e entidades que contando co apoio da Concellería de Cultura e Turismo desenvolven actividades  entre as que queremos destacar as festas populares que se desenvolven nas Parroquias e os lumes novos e magostos, que enraízan coas nosas tradicións e serven de nexo de unión e cohesión social nos barrios. Outro xeito de contribuír é aportando financiación para o arranxo de campos de festa como é o caso de O Burgo ou San Salvador de Outeiro.

TURISMO

Queremos que o Turismo signifique un dos polos de desenvolvemento da economía lucense. Podemos e debemos ser un lugar de atracción turístico cultural e medioambiental. Subliñamos o éxito da viaxe a China para facer, ademais da contribución a que empresarios de Lugo fixesen contactos con unha economía emerxente, un irmandamento coa Gran Muralla China.

Como datos significativos podemos destacar a ampliación de oferta museística. Hoxe o visitante que se achega á cidade pode escoller – e só cito os de propiedade Municipal - entre o Museo de San Roque, a Casa dos Mosaicos, Porta Miñá ou o recentemente posto en marcha Centro de Interpretación da Muralla. Pronto a cidade contará co Museo do Templo de Mitra, no que colabora o Concello xunto coa Universidade e a Consellería de Cultura.

O número de visitantes a Museos municipais incrementouse notablemente dende o ano 2007. Pasamos de recibir a 29.341 visitantes nos museos municipais en todo o ano 2007, a ter máis de 40.000 nestes primeiros meses do 2008.

O Centro de Interpretación da Muralla, a gran aposta turística deste equipo de goberno, recibiu xa a máis de 12.000 visitantes dende o 24 de maio en que foi inaugurado polo Sr. Presidente da Xunta.

E tamén aumentou o número de visitantes que se achegaron á cidade dende o ano 2003 acadando un incremento do 422% ata o ano 2007. Pasamos de recibir 7.708 visitantes a 40.212 en todo o ano 2007 e preto de 34.000 -33.700- nos primeiros 8 meses de 2008.

Para xestionar esa importante acción é necesaria a creación de unha empresa na que queremos que colabore o sector implicado do Concello. Presentaremos dentro de pouco as actuacións que son necesarias para a creación da mesma, para o que esperamos contar co apoio dos membros da Corporación.

Sen lugar a dúbidas as visitas teatralizadas son unha boa ocasión para coñecer a vida, costumes e milagres desta cidade, e o éxito das mesmas, con máis de 4.500 espectadores dende xullo, confirman que acertamos plenamente no seu desenvolvemento e mellora ano tras ano.

A oferta turística da cidade vai a aumentar coa construción do MIHL cuxa obra foi adxudicada no mes de agosto deste ano por un montante de 6.948.147,94 euros á UTE Aldesa-Cuadernas y Arcos, S.L. Para o mesmo contamos cun crédito cunhas condicións inmellorables: quince anos de amortización, con cinco de carencia e con intereses do 0,5%.

Supón unha nova dotación na zona Norte da cidade – proseguimos co equilibrio social e urbano  entre o norte e o sur da cidade – e o peche das dotacións públicas nun lugar emblemático como é Frigsa.

SERVIZOS SOCIAIS

O gran valor desta cidade é a súa xente. Por iso a política para as persoas son o eixo de cada un dos nosos esforzos.

Loitamos pola igualdade entre homes e mulleres e cremos na necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. As ociotecas e aulas abertas son un claro exemplo. É un servizo público, gratuíto e a disposición da cidadanía.

Por elas –as Aulas Abertas só funcionan no verán e hai 10- pasaron máis de 7.000 cativos e cativas dende xullo do 2007 e este servizo estivo á súa disposición máis de 23.000 horas en algo máis dun ano.

▀■ PROXECTOS DE COOPERACIÓN
As subvencións a proxectos de cooperación ao desenvolvemento aumentaron este ano ata 80.000 euros (no 2007 foron 55.000 euros), é dicir AUMENTAMOS un 45%. A pesar das dificultades queremos seguir progresando na nosa solidariedade e xustiza con aqueles que teñen máis dificultades para desenvolver a súa vida.

▀■ CENTROS CÍVICOS
O Concello ten neste momento 5 Centros Cívicos de titularidade municipal -Fingoi, Milagrosa, Sagrado Corazón, Lamas de Prado e Uxío Novoneyra-. Temos un novo Centro en Entrecarrís que en moi poucos días se porá en marcha e que contará cun centro de día con 40 prazas novas. Ademais está redactándose o proxecto dun novo Centro en Montirón-Sanfiz.

Cremos nas persoas e a nosa prioridade é garantir o seu benestar, por iso fixemos un novo centro en Lamas de Prado.

O bo traballo realizado neste senso, reflíctese nos datos: por estos centros pasaron nun ano preto de 150.000 persoas, e foron atendidas polos traballadores sociais case 9.000 persoas -8.725-.

Neste ano convocaranse ademais subvencións para o arranxo de vivendas de persoas maiores dependentes, por un  importe de 51.840 euros.

A información sobre a Lei de Dependencia foi outra das grandes preocupacións deste goberno. Dende abril de 2007 ata marzo de 2008, data na que deixou de funcionar o punto de información municipal á dependencia, pasaron por alí 915 persoas que recibiron información e asesoramento para solicitar as axudas á Xunta de Galicia.

A zona rural tamén está incluída nos nosos plan de dinamización da vida dos veciños e veciñas de Lugo. Neste momento temos rehabilitadas para ese fin catro escolas rurais, (Coeses, San Xoán do Campo, Santa María de Bóveda e Calde) nas que se levan a cabo numerosas actividades e nas que participaron preto de 1.000 persoas.

▀■ CENTROS DE DÍA
Nos Centros de Día pasaremos de ter 38 prazas a 120 coa entrada en funcionamento do novo centro de Entrecarrís.

Este número de prazas aumentará coa construción dun novo Centro Cívico en Montirón- Sanfiz. O proxecto, como xa dixen, faise este ano e conta cun investimento –incluíndo a dirección de obra- de 265.598,42 euros.
▀■ COMIDA A DOMICILIO
Este servizo para as persoas dependentes, púxose en marcha en xuño de 2007. Na actualidade presta servizo a 25 usuarios e prevese un incremento para chegar ata os 40.

▀■ AXUDA NO FOGAR
Os Servizos Sociais do Concello puxeron en marcha tamén a Axuda no Fogar que neste ano aumentou o seu investimento ata os 900.000 euros para dar servizo ás máis de 400 persoas que o solicitan.

Pasamos dunha aportación de 190.000 euros a 500.000 euros no 2007 e a preto de 1 millón de euros no 2008. Este servizo representa claramente o compromiso absoluto deste goberno co GASTO SOCIAL, co gasto en persoas.

Axuda no fogar inclúe o conxunto de atencións que se lle presta á cidadanía no seu propio domicilio nos casos en que teñan limitada a súa autonomía persoal, ou sufran situacións de desintegración familiar. Facilitase a permanencia no seu propio contorno de convivencia evitando así a súa posible institucionalización

É unha colaboración máis deste equipo de goberno ás persoas dependentes que hai neste concello.  Tamén o é a adquisición, mediante unha subvención, de dúas unidades sube escaleiras para a utilización por persoas maiores dependentes. Neste ano adquiriranse dúas máis.

A atención cidadá tamén implica obras no cemiterio. Este goberno traballou intensamente  dende que estou aquí, pola mellora destas instalacións. Dende o ano 2007 investíronse preto de 560.000 euros en obras de mellora e leváronse a cabo numerosas actuacións para facer deste un lugar de consolo e de paz. Para iso temos moito coidado na plantación de flores, árbores con flor, concertos de música clásica en celebracións como todos os santos, etc.
 

▀■ESCOLAS RURAIS
Continuamos coa rehabilitación das escolas rurais como as de Bóveda, San Xoán do Campo, San Pedro de Calde e Coeses; está en obras San Pedro de Mera (mediante unha Escola Obradoiro). Están solicitados os proxectos para Santa Comba e Rubiás. Estamos dispostos a colaborar coa Consellería de Medio Rural, que nos manifestou o obxectivo de  dedicar un orzamento para rehabilitación de algunha escola ou a mellora das xa rehabilitadas por nós ou polos propios veciños como é o caso da escola de Barbaín.

Dende servizos sociais desenvólvese un proxecto de dinamización para os veciños das parroquias contando coas Asociacións de veciños. O Concello aporta 40.000 euros a estas asociacións.

A aposta deste goberno polo tecido asociativo faise evidente nas axudas concedidas cada ano para que leven a cabo o seu importante labor. Para este ano 2008 destinamos máis de 1 millón de euros a asociacións deportivas, culturais, de enfermos, persoas con algunha discapacidade ou empresariais.
 Ademais no ano 2007 construíuse a Casa Clara Campoamor, para asociacións de interese social, e dende este ano traballan alí varias delas.

▀■ PLAN DE INTERVENCIÓN FAMILIAR
Este goberno tamén puxo en marcha o Plan de Intervención Familiar que consiste nun conxunto de actuacións dirixidas á procura do benestar do núcleo familiar e vai dirixido ás familias do termo municipal de Lugo que se atopen en situación de maior vulnerabilidade ou dificultade. Permitiu o asesoramento  de 533 persoas, 173 familias.

O PIF trata problemas relacionados coa violencia de xénero, o atraso escolar, absentismo escolar, descoido das responsabilidades parentais, hiperactividade, alcoholismo, toxicomanías, dificultades de inserción laboral, situación económica precaria...

▀■ PREVENCIÓN DE DROGAS
O Servizo de Prevención de Drogodependenzas deste Concello atendeu dende 2007 a preto de 8.000 persoas. Este servizo, recoñecido polo Plan nacional de drogas que destacou a importante labor que desenvolve, contou con axudas do Estado derivadas de bens decomisados, por máis de 175.500 euros dende 2007, para levar a cabo todos os seus programas.

A Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias da Xunta de Galicia, tamén fixo aportacións importantes que superan os 150.000 euros para colaborar no traballo que desenvolve este Concello no eido da prevención das drogas na súa cidadanía.

Este traballo foi recoñecido internacionalmente e axudou a que a cidade de Lugo fose recoñecida e recomendada para formar parte do Comité Executivo da CICAD (Comité Internacional contra o Abuso de Drogas). De feito, Lugo albergará no 2010 un Encontro Internacional no que participarán centos de profesionais, en colaboración coa Organización dos Estados Americanos, un dos organismos máis vellos do mundo.

A saúde da nosa cidadanía é unha das grandes preocupacións deste goberno. Aínda que non temos competencias nesta materia, apostamos pola formación e educación dos nosos veciños e veciñas en materia de saúde, para iso levamos a cabo campañas informativas anuais como a da Anorexia e Bulimia en todos os institutos da cidade, a campaña Traballamos pola túa saúde que inclúe rutas deportivas para facer exercicio camiñando, as recomendacións contra a calor ou os Almorzos saudables nos que participaron máis de 2.000 cativos e cativas. Esta iniciativa foi recoñecida en toda España e incluso a puxeron en marcha outros Concellos e mesmo o Goberno Central.

▀■ OFICINA DE ATENCIÓN AO INMIGRANTE  E EMIGRANTE RETORNADO
Pola Oficina de Atención ao Inmigrante e Emigrante retornado pasaron dende o 2006 e ata o primeiro semestre do 2008,  4.844 persoas.

▀■ ACCESIBILIDADE
A aposta pola mellora da calidade de vida das persoas tamén pasa por un compromiso claro pola accesibilidade na cidade. O traballo feito para facer de Lugo unha cidade máis accesible é evidente nas rúas e tamén nos edificios municipais novos ou reformados. É unha aposta persoal miña para facilitar a vida e a mobilidade das persoas con discapacidade en Lugo.

Este traballo fixo que nos concederan o Premio Reina Sofía de Accesibilidade e o Premio Millenium século XX-XXI, da asociación Unidade Provincial de Parapléxicos da Coruña, polo seu labor exemplar na eliminación de barreiras arquitectónicas.

No 2007 creouse unha liña de axuda para gastos de transporte de taxi adaptado para persoas con discapacidade, por importe de 9.000 euros.

Para o ano 2007 asinouse un convenio para que o IMSERSO e a ONCE aportasen 215.222,84 euros para a execución da Fase IV das obras de accesibilidade no viario. O custo total é de 241.823,42 euros (o Concello aporta 26.600,58 euros). Neste ano 2008 ten lugar a fase V e o custo total é de 212.239,20 euros.

O Concello leva investido mediante convenios co IMSERSO e a Fundación ONCE, máis de 1 MILLÓN de euros en obras de accesibilidade no viario do municipio.

No 2007 rematáronse ademais todas as obras de accesibilidade nos aparcadoiros da cidade.

MULLER

A nosa aposta pola igualdade é evidente en cada paso que damos, en toda a nosa actividade política, de feito, estamos elaborando o II Plan de Igualdade do Concello de Lugo.

Ademais, puxemos en marcha a que hoxe xa é coñecida por todos como a Casa da Muller, posta ao servizo de toda a cidadanía. Dende o ano 2007, esta dependencia municipal, atendeu a máis de 2.000 persoas e asesorou a máis de 6.400.

Este Concello considera a loita contra os malos tratos como unha prioridade e un problema social que afecta á globalidade da cidadanía. Para combater esta lacra, puxemos en marcha xornadas de formación e campañas de concienciación que acadaron recoñecemento en toda España. Temos ademais pisos de acollida municipais polos que pasaron máis de 30 mulleres, algunhas cos seus fillos e fillas, e que recibiron axuda de persoal do Concello.
 
Polas actividades organizadas dende aquí, entre as que se atopan as Xornadas contra a violencia de xénero, con repercusión nacional e os actos do Día Internacional da Muller, pasaron no ano 2007 máis de 1.200 persoas.

DEPORTES

A aposta deste equipo de goberno polo deporte de base é evidente. Só hai que ver o esforzo que levamos feito para mellorar as instalacións deportivas e poñer en marcha outras novas. Que ninguén quede sen facer deporte se é o que desexa, ese é un dos nosos obxectivos.

Xa se remataron obras como a instalación de céspede artificial no Polvorín cun investimento de 450.000 euros e cao colaboración da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, a ampliación dos vestiarios da Piringalla.

Van a entrar en funcionamento novos servizos deportivos como os vestiarios do campo de futbol Luis L. Gorgoso   a pista de tenis da Piringalla, a zona deportiva da Praza Viana dos Castelo e hai poucos días licitouse o novo campo de Beisbol.

Están comezadas as obras para dúas novas e importantes instalacións para a cidade como é a Casa do Deporte e a Torre de escalada de Frigsa, dous compromisos que se fan realidade.

Existe ademais un Plan de Mellora de instalacións e que inclúe  entre outras melloras a iluminación das Pistas de tenis do Palomar, a instalación de placas de enerxía solar na Piringalla,  a cuberta do polideportivo da Piringalla ou a mellora dos accesos aos campos das Gándaras.

Estamos á espera de que a Consellería de Cultura Deportes decida ampliar a piscina de Frigsa, cousa a que se comprometeu e da que nada sabemos.

Continúase con iniciativas con tan boa acollida como o Corre con Nós que celebra a súa oitava edición e pasou de ter 100 participantes a ter 2.000 cada mes en cada carreira.

Pero non só iso, a Concellería de Deportes aposta decididamente por promover o deporte entre toda a cidadanía. Organizamos 104 eventos deportivos nun ano, nos que participaron máis de 21.000 deportistas. As Escolas deportivas teñen arredor de 6.000 usuarios e polas 15 instalacións deportivas municipais pasan case 3.000 persoas diariamente.

Isto si que é unha aposta decidida polo deporte de base e pola práctica deportiva xeneralizada, o noso compromiso foi dende que chegamos a este goberno lograr que o deporte sexa accesible para todas e todos. Por iso neste momento TODOS os Centros Deportivos son accesibles.

Proséguese co respaldo ao deporte de base mediante subvencións aos clubs e federacións sendo este ano de 790.000 euros.

EDUCACIÓN

Está rematada unha nova Escola Infantil, a de Fontiñas, que incrementará o número de prazas con 62 prazas novas. Queremos que entre en funcionamento na primeira quincena do mes de novembro unha vez estea rematado o proceso de selección do profesorado e as obras de urbanización da parcela.

Neste ano licitouse e adxudicouse a da Piringalla e esperamos, antes de que finalice o ano, encargar o proxecto da de O Ceao, completando un servizo público de calidade para todos os veciños e veciñas da cidade.

É sabido por todos que non pertencemos ao Consorcio Galego de Benestar porque defendemos non só a Autonomía Municipal senón tamén o Pacto Local no que se recolle que os Concellos xestionarán de forma directa as Escolas Infantís, cousa que non recolle o Consorcio.

Dixemos sempre que estamos abertos ao diálogo, pero tomando como base o cumprimento dos acordos asinados pola FEGAMP e pola Xunta de Galicia e defendendo os intereses da cidade de Lugo, sen esquecer que os veciños e veciñas terán Escolas Infantís; ese foi e segue sendo o noso compromiso.

Outra das nosas apostas foron as Casas das Linguas. Xa están rematas as obras da primeira Casa das Linguas da Acea de Olga-Augas Férreas, que se vai a poñer en funcionamento nunhas semanas. Vai  ser un centro de práctica de linguas estranxeiras. Ademais xa está adxudicada a da Piringalla.

Dende Educación puxéronse en marcha máis de 35 actividades diferentes ao longo do ano, nas que participaron máis de 32.000 alumnos e case 6.000 profesores. Tamén se organizaron actividades para público en xeral e para pais e nais, o que da un resultado de máis de 38.000 participantes na programación levada a cabo dende a Concellería de Educación.

Dende xadrez, ata danza, pasando por clases de informática ou deportes. Así como programas tan ben acollidos como o Teatro Infantil, o Certame Trapero Pardo ou Un día na Ópera, forman parte das actividades anuais programadas polo Concello de Lugo só neste departamento.

Potenciamos xornadas como as de Arqueoloxía na escola, o Programa Vivir xuntos, convivir, a Semana da Oralidade, ou o Goberno Infantil que achega o traballo municipal aos máis cativos e cativas.  
 Pero ademais, seguimos atendendo as melloras nos Colexios Públicos e por iso se fixeron obras en 15 colexios por máis de 300.000 euros (312.377,13 euros).

Tamén colaboramos na compra de libros de texto mediante a concesión de preto de 200 axudas por mais de 15.000 euros.

Proseguimos coa tarefa da formación dos alumnos e alumnas dos Colexios de Lugo en Educación Vial no parque Infantil López Mella, polo que pasaron máis de 1600 alumnos e alumnas, incluídos aos de Educación especial.

Celebramos no mes de maio deste ano, con éxito de organización e de premios para Lugo, o Concurso Nacional de Educación Vial, nas renovadas instalacións do citado parque, que o converten nunha das mellores instalacións de España.

TRÁFICO E TRANSPORTES

O traballo de Accesibilidade no Concello de Lugo é unha materia transversal na que colaboran todas as concellerías. O departamento de tráfico tamén adoptou un compromiso moi forte neste senso, para contribuir a que a cidade sexa máis habitable e amable para toda a cidadanía.

Na actualidade hai 135 prazas de aparcadoiro para persoas con discapacidade na cidade e puxéronse 128 avisadores acústicos para facilitar que as persoas con dificultades visuais podan atravesar con seguridade os pasos peonís.
E xa que falamos de seguridade vial, non podemos obviar o traballo realizado polo Gabinete de Tráfico do Concello. Para garantir a seguridade do tráfico este departamento leva a cabo periodicamente remodelacións da rede semafórica adaptándoa ás necesidades reais do tráfico nas rúas da cidade, cambios na estrutura dalgúns cruces ou modificacións da programación dos semáforos. Neste senso o investimento, incluíndo o mantemento da Sala de Control de Tráfico, supera os 400.000 euros.

En canto á reposición e mantemento de sinais, leváronse a cabo dende finais do 2007, 388 actuacións, instalamos 322 novos bolardos, 137 bandas reductoras, 45 bandas de caucho e sinais termoplásticas. Ademais levamos a cabo un plan de pintado de rúas que inclúe 270 actuacións por toda a cidade en máis de 100 rúas. Nestas actuacións o investimento foi de 219.854 euros.

▀■ TRANSPORTE PÚBLICO
Somos conscientes da necesidade de modificar hábitos en canto ao uso do transporte público, e para iso é preciso contar cun servizo de autobuses municipais que responda ás demandas da cidadanía. Esa é unha realidade evidente, e por iso o equipo de goberno decidiu que un equipo de profesionais prepare un Plan de Mobilidade ambicioso que permita que a cidade de Lugo lle saque partido aos transportes alternativos e os cidadáns aposten por deixar o coche na casa.

Este Plan, que poderemos presentar en 2009 inclúe unha reorganización total das liñas de autobuses urbanos, que por certo, seguen a ser os máis baratos das grandes cidades de Galicia, e contan cun parque móbil completamente renovado e accesible.

O Plan de Mobilidade foi encargado á Axencia Ecolóxica Urbana de Barcelona que conta cunha dilatada experiencia na elaboración de Plans de Mobilidade, e que leva a cabo os doutras cidades de toda España e Galicia (por exemplo Ferrol). Ten un custo de 72.000 euros (son 120.000 e deles 48.000 subvencionados polo INEGA).

Ademais puxemos en marcha un servizo de préstamo de bicicletas, gratuíto ata finais do 2009. Lugo non é unha cidade que teña moita tradición no uso da bicicleta como medio de transporte alternativo para moverse pola cidade. Pero os datos revelan que esa actitude está comezando a cambiar.

Coa apertura da nova base de Rebicíclate no campus universitario, estamos seguros que se experimentará un repunte no uso deste servizo, do que xa se benefician máis de 600 usuarios.

O Plan de Mobilidade tamén terá en conta este novo servizo municipal para facilitar que as bicicletas se movan pola cidade, incluirá ademais un estudo do sistema ORA, zonas 30... O obxectivo deste goberno é mellorar a seguridade e a circulación de vehículos e persoas na cidade, así como estudar a posibilidade de crear novas rúas peonís.

SEGURIDADE

Lugo segue a ser unha cidade segura, a terceira máis segura de España e son estatísticas alleas ao Concello, grazas a colaboración dos corpos e forzas de seguridade do Estado, que se vehicula a través da Xunta Local de Seguridade que se reúne aproximadamente cada trimestre ou sempre que hai algún evento que así o aconselle. A esa seguridade contribúe sen lugar a dubidas a Policía Local.

É innegable que existe un  problema no desenvolvemento das accións da Policía Local. Non é o momento de entrar no mesmo, pero si quero dicir que a base da solución de todos os problemas están no diálogo e na aceptación das posturas consensuadas nese diálogo. Estamos dispostos a falar, pero non estamos dispostos a renunciar ao papel que  nos teñen asignadas as leis que non é outro que o de gobernar mediante o apoio da Xunta de Goberno Local e, no seu caso, do Pleno, no que están os lexítimos representantes dos lucenses.
Teño afirmado en público que temos unha boa Policía Local,   e teño interese de dicilo neste lugar; por iso creo que é posible darlle solución os problemas que levan un tempo formulados.

Quero salientar o feito de que se teñen realizadas as oposicións para cubrir 16 vacantes da Policía Local e que agora están a realizar un traballo de preparación na Escola da Policía da Estrada.

Tamén é de destacar o traballo desinteresado que realizan as persoas de Protección Civil, indispensables en todos os eventos que se realizan na cidade e sobre todo na época estival no seu labor de salvamento e socorrismo nos arredores do Río Miño. Se importante é o seu labor non é menos destacable o feito de que a carga económica sobre o Concello é mínima xa que saben acudir a todo tipo de axudas que financian as actividades que realizan, o persoal e parte das infraestruturas que utilizan. Foi precisamente Protección Civil quen desenvolveu o Plan de Emerxencias Municipal, do que nos sentimos moi orgullosos xa que somos dos poucos concellos de Galicia que o temos aprobado.

O Servizo de bombeiros conta co material e medios necesarios para o seu labor. Coa celebración das oposicións que  cubrirán as vacantes cremos que melloraremos o servizo.  É verdade que prestamos un servizo aos Concellos que están arredor o que pode restar efectivos en un determinado momento a Lugo. Por iso xa iniciamos contactos coa Deputación Provincial,  para buscar unha posible solución ao problema formulado para o que é previo o acordo co corpo de bombeiros.

PERSOAL

As actuacións que se mencionan non serían posibles se non fose por un nutrido grupo de funcionarios e persoal laboral que traballa no Concello. Que traballa, e que na maioría dos casos, se involucra no seu traballo de servizo público.

Logramos neste último ano un entendemento razoable coa Xunta de Persoal e Comité de Empresa que permitiu avanzar nas melloras laborais, salariais e sociais dos traballadores do Concello. Por exemplo figuran nos orzamentos aprobados no ano 2008 unha cantidade de 360.000 € para gasto social a favor do persoal.

Pactáronse acordos que permitiron un aumento salarial de un 4,2%, no reparto da produtividade e acordos tamén para a oferta pública de emprego, coa que continuamos o noso labor de transformar paulatinamente  postos de traballo en precario en postos indefinidos, e o modelo para substitución de  funcionarios  con praza vacante ou por enfermidade.

Acabamos de licitar a valoración dos postos de traballo que, coa mellora na RPT, vai permitir actuar  dunha forma máis xusta e transparente ante os funcionarios e persoal laboral do Concello. Cremos que pode ser unha forma obxectiva de darlle solución a algúns dos conflitos formulados

MEDIO AMBIENTE

Lugo quere ser un municipio referente da calidade medioambiental. Aprobamos a Axenda 21 grazas a un gran traballo realizado polo Concello e a cidadanía e marcámonos o compromiso de desenvolvela e poñela en marcha dende cada unha das Concellerías. De feito a Axenda 21 xunto co Plan Estratéxico do Concello está a ser a folla de ruta da nosa política de goberno, reflectida fundamentalmente nos orzamentos municipais nas partidas que fan referencia a novas zonas verdes, Plan Director do Parque Rosalía de Castro, arborización, mellora na recollida do lixo etc.

▀■ AUGA
  Está case rematada a nova planta potabilizadora que vai proporcionar auga de mellor calidade aos lucenses. Queremos proseguir mellorando o abastecemento da cidade e por iso asinamos un convenio co ACUNOR para facer o proxecto da II fase do abastecemento. O proxecto está rematado e significa un investimento de preto de 9 millóns de euros.  Esperamos facer os convenios correspondentes e buscar o financiamento axeitado para as arcas municipais.

Seguíronse a facer melloras constantes na rede de abastecemento de auga polo que pouco a pouco vaise producindo un control e aforro da auga potabilizada, cousa que mellora ar arcas municipais e ademais fai viable medioambientalmente o servizo que prestamos aos lucenses.

Está no interese do equipo de Goberno o manifestado, mesmo en pleno, polos demais grupos acerca de cobrar no recibo a auga realmente gastada. Para iso consideramos que é necesaria a creación da empresa co fin de, por exemplo, modernizar o servizo de medición dos contadores.

Aínda non frutificaron as negociacións co PP, xa que o BNG mostrou a súa total disconformidade, para a creación da empresa mixta da auga, con maioría de capital Municipal. Queremos pechar o acordo para o que non dubidamos  da boa fe e do saber do Grupo Municipal Popular.

▀■ LIXO
Lugo emprendeu dende hai anos unha Política de sostibilidade e de coidado do medio ambiente que deu como resultado un mellor tratamento dos residuos sólidos urbanos. En maio de 2007 puxemos en marcha un novo sistema de recollida de lixo, de carga lateral. Puxéronse nas rúas da cidade 1.400 colectores novos de gran capacidade que incrementaban a carga dos anteriores. Na actualidade na cidade hai 3.236 colectores nas nosas rúas que se limpan diariamente no mesmo lugar da súa ubicación mediante camións lava colectores de auga. O 1 de setembro púxose en marcha o primeiro paso do sistema Quita e pon no Centro Histórico, que contribúe notablemente á mellora estética e limpeza do recinto amurallado lucense.

Boa proba da limpeza de cidade foi a obtención da escoba de Prata como distinción ao traballo realizado na xestión e recollida do lixo nas rúas da cidade.

Neste momento en Lugo hai 270 colectores de papel-cartón e 196 de vidro na zona urbana e 57 de papel-cartón e 52 de vidro na zona rural.

En canto ás pilas, nas rúas hai 11 colectores e faise a recollida porta a porta de case 100 establecementos. Na cidade de Lugo hai preto de 3.000 papeleiras instaladas polos distintos barrios           
No punto limpo do Ceao recollemos entre o 2007 e 2008  máis de 56.000 quilos de residuos (no 2007 21.970).

▀■ ZONAS VERDES
Neste momento a cidade de Lugo conta con máis de 1.390.600 metros cadrados de zonas verdes (113 hectáreas).

Segundo os datos recollidos na Axenda 21, a superficie verde por habitante é na actualidade de 11,3 metros cadrados, unha das máis altas das cidades galegas.

Só no ano 2008 levamos a cabo unha campaña de plantado de 33.210 flores por toda a cidade -1281 máis que no 2007-, levouse a cabo a poda de 345 exemplares.

Dende esta área do Concello tamén se levará a cabo unha auditoría enerxética que nos permitirá a realización dun Plan de aforro enerxético que colabore ao coidado do medio e ao mesmo tempo á redución do gasto innecesario nos servizos municipais. Xa se fixo unha preauditoría que aconsella a revisión dos illamentos dos edificios municipais revisados e o emprego de detectores de persoas para o acendido e apagado de luces. Presenta o edificio do CEI como un exemplo de eficiencia enerxética.

A Concellería de Medio Ambiente instalou o rego automático en preto de 20 zonas axardinadas da cidade de Lugo.

Tal e como recollemos no noso programa, co que nos comprometimos coa cidadanía, imos presentar nun días o Plan Director de rehabilitación integral do Parque Rosalía de Castro, que permitirá a recuperación deste contorno natural, mantendo o estilo do Parque, levaremos a cabo novas plantacións,

Especial mención merece a rehabilitación da Pérgola do Parque que de un estado ruinoso pasou  case o seu estado orixinal.

▀■ PARQUES INFANTÍS
Na actualidade, o Concello de Lugo conta con 42 áreas de Xogos Infantís. A aposta neste senso é evidente e para este ano está tamén prevista a realización de 4 novas áreas de Xogos Infantís, na Praza das Illas, no xardín de Gallego Tato, no de Camiño de Romai e no Parque da Milagrosa onde haberá un área para cativos e cativas de menos de 6 anos, outra para os de máis de 6 anos e dúas áreas de exercicios biosaudables para as persoas maiores do municipio.

Os caniles tamén forman parte da nosa política medioambiental. Coa inauguración do canil de Acea de Olga o equipo de goberno puxo en marcha tres caniles municipais a disposición dos veciños: Acea de Olga, Estantigas e Frigsa.

Dende esta Concellería, e cumprindo co noso programa electoral, estase a levar a cabo ademais unha revisión e posta ao día de forma consensuada das ordenanzas medioambientais do Concello.
Neste momento dúas delas contan coa aprobación inicial por parte do Pleno e hai tres novas ordenanzas que están a ser estudadas polos servizos municipais. Polo tanto puxemos en marcha cinco novos textos normativos para regular o coidado do medio.

URBANISMO

O Urbanismo permítenos o desenvolvemento dun modelo de cidade. O Plan Xeral de Ordenación Municipal está nun momento moi importante, pendente dunha aprobación provisional do Pleno do Concello. É o documento urbanístico  no que se traballou e se traballa moito, e que neste momento está a cumprir un calendario de traballo marcado entre os tres grupos políticos. 

Nestes anos de goberno propiciamos a existencia de solo para incrementar as zonas residenciais e as dotacións públicas que facilitaron na cidade zonas verdes e terreos. Para iso foi esencial  a colaboración da iniciativa privada, animada sen lugar a dúbidas polo administración do Concello. Non hai problemas de solo na cidade a pesar da interrupción  producida pola suspensión de licenzas  xa que hai solo residencia suficiente (máis de 1.500.000 m2). Colaboramos ademais para que pouco a pouco se produza un cambio nos edificios vellos de moitas zonas que non tiñan servicios esenciais que solicitan os cidadáns e aparezan novos edificios que dan unha noca imaxe dos barrios. Dar unha volta pola Milagrosa, abre os ollos a esa nova realidade.

O que sucedeu en Paradai é un exemplo singular de cómo se poden facer as cousas de forma extraordinaria contando coa colaboración dos veciños. É, ademais dun exemplo de traballo en equipo, un exemplo de boa xestión municipal. Aquí o Concello comezará o traballo de valado e delimitación das parcelas municipais.

EVISLUSA levou a cabo un traballo de consenso, de colaboración. O Concello colaborou no desenvolvemento de solo residencial mediante o sistema de cooperación, onde o dono segue sendo propietario dos terreos e beneficiase das plusvalías. Paradai é unha área de urbanización de polígonos xestionados polo Concello de Lugo mediante cooperación cos titulares dos terreos. Conta con 6 polígonos cunha superficie total de 41.500 metros cadrados.

A empresa municipal de vivenda e solo está a facer un traballo moi importante colaborando no desenvolvemento urbanístico do municipio mediante proxectos de tanto peso e transcendencia para os veciños e veciñas como a rehabilitación do Sagrado Corazón. Nesa iniciativa a colaboración dos veciños ademais de extraordinaria foi esencial para sacar adiante a idea. Están a rehabilitar os edificios con axudas oficiais do IGVS e do Ministerio de Vivenda. Se o barrio mellora e con el os veciños, este goberno gana.

Neste momento están en xestión e tramitación 119 solicitudes de veciños deste barrio para levar a cabo as obras dunha 1ª fase, con obras xa comezadas por varias comunidades.

Pero a rehabilitación é para nós, para este equipo, un xeito de modernización da cidade, sen perder as nosas peculiaridades. Mantemos o noso patrimonio e a nosa identidade como municipio e creamos unha cidade mellor estruturada e máis social, sen esquecer que somos Premio Nacional Ciudad Patrimonio de la Humanidad.

En canto á rehabilitación do Centro Histórico, EVISLUSA tramitou 33 expedientes para as actuacións da 7ª fase destas obras e están en xestión 121 solicitudes para a 8ª fase.

Dende este servizo municipal tamén se xestiona un programa de vivendas en alugamento, que dende o ano 2006 recibiu máis de 300 solicitudes –só no 2008 foron 136-. As axudas para o aluguer de vivendas aumentaron nun 150% pasando dos 38.000 euros no 2006 aos 95.000 euros do 2008.

O traballo da Empresa Municipal inclúe tamén a elaboración dun estudo para a construción de vivendas nos Polígonos de Paradai e que se porán a disposición da cidadanía en réxime de aluguer con opción de compra. Esta medida está a ser estudada polos responsables da área de Urbanismo para determinar cómo se vai a poñer en marcha.

INFRAESTRUTURAS

O Concello de Lugo xestionou dende o ano 2007 (remanentes e orzamento novo) case 8.000.000 de euros para a mellora das rúas da cidade. Zonas como Sagrado Corazón, As Gándaras, San Roque, Avenida da Coruña, Polígono do Ceao, San Cibrao, Piringalla, Milagrosa, Garabolos,  A Residencia - Fonte dos Ranchos,o Polvorín, Magoi, Barrio Feijoo, zona da Estación viron como se rexeneraban firmes, se pavimentaban rúas, se cambiaban os servizos.

Desde o ano 2000 o Concello levou a cabo actuacións en máis de 300 rúas da cidade. Todos os barrios estiveron presentes no Plan de obras promovido polo Concello e no que tamén colaboraron outras administracións, como a Deputación,  o Ministerio de  Administracións Públicas e a Concellería de Innovación.

Cando cheguei á Alcaldía comprometinme coa cidadanía en que ía tratar de poñer fin ao atraso que viviron durante anos os  barrios da cidade. O meu obxectivo era que todos os veciños e veciñas do Centro da cidade, da zona urbana e da zona rural, tiveran os mesmos dereitos e uns bos servizos públicos. Seguimos traballando nese obxectivo, pero non me negarán que é evidente o cambio para mellor experimentado nalgúns barrios “grandes esquecidos” doutros gobernos. Véxanse os barrios de Montirón, a Milagrosa, A Piringalla ou Paradai.

XUVENTUDE

A Delegación  de xuventude puxo en marcha no que levamos de ano, máis de 30 actividades dirixidas á mocidade lucense. Por elas pasaron máis de trinta mil mozos e mozas. A Casa da Música segue a ser un dos puntos de encontro dos mozos e mozas afeccionados á Musica.

Ademais, mantéñense iniciativas con tan boa acollida como as Asesorías para a nosa xuventude, os radares nos institutos, a Oficina de información Xuvenil que atendeu a máis de 10.000 rapaces e rapazas, previlugo, Xuvenlugo, con preto de 20.000 participantes, ou o Arde Lucus que achegou ata a cidade a máis de 300.000 persoas que deixaron cartos no comercio e na hostalería lucense.

ZONA RURAL

Neste momento a zona rural conta con 5.141 puntos de luz dos que é titular o Concello de Lugo. En tres anos puxéronse máis de 350 puntos novos e só dende o ano 2007 investíronse preto de 240.000 euros nos proxectos de iluminación.

Unha das características deste goberno foi a aposta decidida pola zona rural. Nunca esquecimos que o Concello de Lugo ten unha amplísima zona rural o que nos converte nun territorio único dentro do conxunto de Galicia e tamén un Concello con características especiais.

Sempre dixen que Lugo non debía perder ese dobre carácter rural e urbano que nos diferencia.

Nos últimos anos levamos a cabo unha política de atención e mellora dos accesos a núcleo e numerosas obras de asfaltado e acondicionamento de camiños nas distintas parroquias, así como a colocación de sinais de situación e dirección, desbroce ou acondicionamento dos campos de festa.

Dende 2007 desbrozamos preto de 2.000 quilómetros de zona rural e levamos a cabo máis dun cento de actuacións nas parroquias no que se refire a  asfaltados e melooras en lavadoiros e fontes públicas.

Como sinalei coa rehabilitación das Escolas Rurais estamos a dotar as parroquias de Centros de Dinamización social dos veciños e veciñas do rural. Neste momento está en obras San Pedro de Mera e están en funcionamento, xa restauradas, Coeses, San Xoan do Campo, Santa María de Bóveda e Calde.
Comezamos, grazas a un convenio co Consellería de Medio Ambiente, un traballo intenso e moi laborioso para levar a cabo o saneamento integral das parroquias e núcleos. Estanse a rematar novos proxectos e comezou, con un acordo veciñal, o proxecto da Parroquia de Gondar.

O envellecemento da poboación nalgunhas zonas fíxonos prantexarnos a necesidade de achegar alí información sobre a Lei de Dependencia, e así se fixo comezando unhas xornadas de charlas cos veciños e veciñas das parroquias.

Este goberno apostou pola conservación das tradicións mediante as festas parroquiais e tamén pola rehabiltación e posta en valor  da etnografía popular así como colaboramos cos veciños para o arranxo de capelas e outros elementos singulares das Iglesias rurais do Concello.

Dixemos no noso programa que íamos apostar pola mobilidade en todo o Concello. De acordo coa planificación presentada pola Consellería de Educación e Política Territorial, e a petición deste Concello, o programa Tes + bus dará cobertura ao rural lucense mellorando notablemente os servizos públicos da nosa cidadanía. Das 55 rutas que inclúe este programa dentro da provincia de Lugo, 18 son só para o noso municipio afectando dun xeito positivo a máis de 120  Parroquias e lugares.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O Lugo do progreso e da calidade de vida conseguido nos últimos anos, tamén debe estar suxeito aos cambios sociais, económicos e tecnolóxicos que afectan á xestión da cidade.

Aparecen novos riscos que son froito da realidade social emerxente e aos que debemos dar resposta como son o envellecemento da poboación, os procesos de integración dos inmigrantes, os novos tipos de familia… requiren novas estratexias e novas políticas.

O noso obxectivo é revitalizar a ilusión por un proxecto compartido do cal a maioría da cidadanía se sente cómplice. Lugo conta cunha cidadanía activa e comprometida coa continua transformación da cidade.

Eu hoxe quero reafirmar o meu compromiso de continuar traballando pola xente. Neste momento estamos en proceso de reforma do Regulamento de Participación Cidadá -que naceu grazas ao traballo deste equipo- e que se aprobará co máximo consenso e participación dos veciños: de feito abriuse un proceso libre de aportación de suxestións e as asociacións están presentes nas Comisións de traballo.

Este Goberno está en permanente disposición ao diálogo. É fundamental o estímulo á participación cidadá e dende este Concello puxéronse en marcha múltiples iniciativas e instrumentos nos que a participación dos veciños e veciñas foi e segue a ser esencial.

Puxemos en marcha o servizo de información 010 do Concello de Lugo en marzo de 2005 e dende aquela houbo máis de 100.000 solicitudes de información mediante chamadas, fax e correos electrónicos.

O incremento dende aquela supera o 250% o que demostra o bo traballo realizado dende este servizo que resolve dúbidas relacionadas con trámites municipais, empadroamento, horarios de actividades ou incluso e de forma anecdótica, explican como chegar a unha rúa.

O servizo de estatística tamén xoga un papel moi importante na participación cidadá. Dende o ano 2007 tramitáronse case 40.000 certificados e voantes de empadroamento, máis de 7.000 cambios de enderezo, ou máis de 8.000 expedentes de alta.

Os procedementos que se levan a cabo dende aquí están xa integrados no programa de modernización da administración 24x7 que modificará e axilizará notablemente a xestión que pasará a ser totalmente elctrónica mellorando  a atención cidadá. De feito neste momento xa se pode solicitar o certificado de empadroamento a través de internet.

O Concello tamén apostou por implicarse na e-administración coa posta en marcha dun proceso de modernización sen precedentes no Concello de Lugo.

Partimos de cero para poñer en marcha proxectos subvencionado polo Goberno Central como Lugo dixital que contou cun investimento de 1.535.000 euros, Lugo Singular con 1.100.000, Lugo Avanza con 268.100 euros ou o 24x7 con 533.000 euros.

Dende que se creou o departamento de Novas Tecnoloxías a cara do Concello cambiou totalmente neste eido, renovouse completamente o parque de ordenadores do Concello con 450 novos equipos, conectamos os centros municipais mediante unha rede propia de fibra óptica, conseguimos reducir nun 50% os costes de internet, puxemos en marcha o sistema de pago on line para facilitar ao máximo as xestións da cidadanía, estamos poñendo en marcha o POLEM, portal lucense do empregado.   

Incluso o novo portal web que presentamos en maio permite cada vez unha maior proximidade entre a administración local e os seus administrados e unha información máis áxil e ampla así como novos trámites para realizar dende a casa.

A modernización do Concello e a accesibilidade cada vez maior das novas tecnoloxías á cidadanía en xeral, foi un dos obxectivos do departamento de novas tecnoloxías deste Concello.

Achegar a informática e Internet a todos os veciños e veciñas foi unha das nosas metas, e para iso puxemos en marcha cursos de formación, sensibilización e alfabetización dixital que contaron con numerosos participantes.

Polas dúas edicións do Conéctate en Lugo, pasaron preto de 1.500 persoas e formáronse 50 familias dixitais. Campañas na rúa, nos telecentros, en autobuses polos barrio e zona rural e sempre contando co apoio dos lucenses e coas axudas económicas do Goberno Central, da Xunta e da Unión Europea.

Pola Aula Multimedia do Castiñeiro pasaron dende xullo de 2007 máis de 13.500 persoas, no Día de Internet accederon á carpa municipal con numerosas actividades e aberta a todo o público, máis de 2.600 persoas.

Outra das iniciativas que está contando cunha acollida excepcional é a Ludus Party, dende que comezou hai 2 anos recibiu a preto de 10.000 visitantes chegados dende toda España.

Un exemplo desta modernización témolo hoxe no que este Pleno de Debate, ao igual que os outros, é transmitido por Internet.

Penso que despois desta intervención se fai evidente que é moito o que levamos feito, é moito o que leva avanzado esta cidade, pero queda moito por facer. Os éxitos son difíciles, requiren moito traballo, tesón e conviccións firmes. Este equipo de goberno conta con todo iso.

Estou convencido de que queda moito por facer, de que podemos e debemos seguir nesta dirección que nos fai avanzar cara diante. Como debe ser. Non podemos, nin debemos conformarnos co que acadamos ata hoxe. Pero a tarefa de construción dunha cidade moderna, exemplar e modelo para outras cidades, debemos facela entre todos e todas. Cidadanía, goberno e por suposto oposición. Só co esforzo, a  colaboración e o compromiso no seu sentido máis amplo que inclúe a solidariedade e a renuncia a beneficios persoais, podemos garantir un futuro brillante para a cidade e a sociedade lucense, que é o que merecemos realmente.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova