Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo leva as festas de San Froilán a Barcelona


# Venres, 26/09/2008
Aproveitou a viaxe institucional para visitar o complexo de Emprendemento Barcelona Activa que naceu coa mesma filosofía que o CEI-Nodus lucense

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asistiu á presentación oficial conxunta das festas de San Froilán de Lugo e do distrito barcelonés de Nou Barris. Esta cita que leva varios anos celebrándose permite a promoción das festas de Lugo no distrito de Nou Barris, onde un grupo de emigrantes lucenses agrupados neste barrio como Asociación de Amigos do San Froilán organizan unhas festas paralelas ás patronais lucenses cada mes de outubro.

Hai 13 anos que comezaron con esta celebración que comezou por iniciativa dun grupo de empresarios lucenses que quixeron traer o espírito lucense ata Barcelona. Esta festa recupera o tradicional estilo popular, con música galega, verbenas, sesión vermú e procesión que este ano terán lugar dende o 3 ata 5 de outubro.

O Alcalde lucense compartirá a presentación das festas coa rexidora do distrito de Nou Barris, Carmen Andrés i Añón. López Orozco entregaralle como agasallo institucional un libro sobre o monumento máis emblemático da cidade de Lugo, a muralla romana.

Posteriormente, o mandatario de Lugo asistirá unha cea na que participarán diversas autoridades da Cidade Condal e integrantes da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña.

As festas do San Froilán barcelonesas son visitadas cada vez por máis persoas, de feito o ano pasado pasaron pola Praza Maior de Nou Barris máis de 50.000 persoas, segundo os datos que manexa a Garda Urbana.

Este barrio é o que máis galegos ten de Barcelona, arredor de 180.000, pero a cidade conta con máis de 300.000 galegos censados na actualidade.

As festas de San Froilán de Nou Barris, están hoxe consideradas as segundas festas máis importantes da capital, despois da Merced, e todos os anos acoden a elas personalidades da vida política, cultural e social catalana.

Ademais son unhas festas privilexiadas na cidade xa que teñen o permiso das autoridades para celebrarse no propio barrio e contan con apoio económico do Concello de Barcelona o que demostra a gran importancia que ten a comunidade galega, e sobre todo lucense, na cidade condal

A intención dos organizadores é promocionar as festas de San Froilán, tanto as catalanas como as lucenses, e manter un nexo de unión entre ambas como se ven facendo desde que López Orozco é Alcalde da cidade de Lugo.

Axenda do día
O Alcalde de Lugo aproveitou a visita á cidade para ter un encontro coa Xunta Directiva da Asociación de empresarios Galegos de Cataluña, presidida por Julio Fernández, presidente de Filmax Entertainment (a principal produtora e distribuidora do cine español e situada na lista das 10 primeiras de Europa) para coñecer a situación que viven neste momento e recordarlles que Lugo e a súa provincia non esquecen o traballo de embaixadores que están a facer co nome da cidade.

Nesta asociación están integrados numerosos empresarios de primeiro nivel orixinarios de Galicia e sobre todo de Lugo que manteñen lazos económicos coa súa terra de orixe.

López Orozco expresoulles o seu agradecemento por contribuir á creación de postos de traballo en Lugo e pediulles un esforzo maior, se poden, para combater os problemas de falta de emprego que están a derivar da crise económica “entre todos podemos axudarnos en momentos de debilidade e colaborar tamén nas boas situacións”.

Barcelona Activa
Logo desta xuntanza o Alcalde lucense foi recibido polos responsables do complexo Barcelona Activa. Trátase dunha axencia de desenvolvemento posta en marcha polo Concello de Barcelona e que se marcou como obxectivo cambiar Barcelona dende os emprendedores, o crecemento empresarial, a innovación e a calidade da ocupación. Emprega a mesma filosofía que o CEI-Nodus lucense que o ten como modelo de xestión.

De feito o Alcalde valora a posibilidade de atraer ata Lugo algunhas das innovacións postas en marcha en Barcelona Activa e que tiveron moi boa acollida entre a cidadanía.

Barcelona Activa conta con varias liñas de traballo: creación de empresas, crecemento empresarial cun viveiro e un parque tecnológico, unha liña de ocupación e outra de Novas ocupacións que se coñece como Porta 22.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova