Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta o programa das Festas de San Froilán 2008


# Xoves, 25/09/2008
24 artistas, verbenas e actuacións de maxia son algúns dos espectáculos que conforman o programa

O programa de actos das Festas de San Froilán arrincará o sábado 4 de outubro co pregón do diplomático lucense Pablo Bravo Lozano, ás oito da tarde na Casa Consistorial, e terminará o 12 de outubro coa tradicional sesión de fogos artificiais.

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, indicou que “se trata dun programa moi completo, moi ambicioso e que persegue cumprir cos gustos de todo o mundo”.

Os concertos son un dos pratos fortes destes festexos, dos máis importantes de Galicia. O Concello de Lugo como cada ano fixo un importante esforzo para que todos, menos un, sexan gratuítos. Entre os concertos, de todo tipo de estilos musicais, destacan os de: Julieta Venegas, Conchita, Los Suaves, Diego, e Cigala, Violadores del verso, Pedro Guerra, Def Con Dos, The Ellas, Facto Delafé y las Flores Azules, Pastora, El canto del loco, Miguel Costas con Germán Coppini y Melendi. Os grupos locais, como todos os anos, terán unha importante presenza, como Kentokaki, Batital, Kimuru, Psicolepsia e Holywater que actuarán ao longo das festas dentro do calendario de concertos deseñado pola Concellería de Cultura.

Venda de entradas
As entradas para o concerto de El Canto del Loco, que terá lugar o día 11 ás 21:00 horas no Palacio de Feiras e Congresos, poderanse adquirir por 28 euros a través de www.servicaixa.es e na Oficina de Turismo do Concello situada no Centro de Interpretación da Muralla. O centro esta aberto ao público entre as 10:30 e as 14:00 horas pola mañá e en horario de tarde entre as 16:30 horas e as 20:00 horas.

Festivais e outras actividades
Ao longo da semana haberá multitude de espectáculos na rúa, música tradicional, charangas, pasacalles, grupos de música tradicional, baile, maxia, verbenas coas mellores orquestras, como Alto Standing, Variedades, Xerusalén, Cinema, Panorama, Noite de Gala, Galilea, Abanico, Panamá, Montes e Sintonía de Vigo.. Tampouco faltará a presenza da familia Pelúdez, pallasos, globoflexia, mostras do traxe tradicional, malabaristas. E novidades como exhibicións de deporte rural vasco, proxeccións de curtametraxes…

A programación foi preprarada para satisfacer a maiores e pequenos. Por iso, outro ano máis, San Froilanciño contará cunha ampla oferta de actividades para os nenos nas dúas carpas situadas no patio do edificio administrativo do Concello, aínda que tamén haberá actuacións para eles en distintos puntos da cidade.

A tradicional apertura simbólica de portas da Muralla este ano estará a cargo de representantes do mundo do deporte lucense.

Repartiranse un total de 60.000 programas de San Froilán e 10.000 de San Froilanciño nos Centros Sociais Municipais, na Oficina de Turismo situada no Centro de Interpretación da Muralla, nos hoteis da cidade, etc. Ademais, todo o programa, de nenos e maiores, poderase consultar na web: www.sanfroilan.info

Actividades Deportivas
O programa de San Froilán complétase cun longo calendario de actividades deportivas deseñado pola Concellería de Deportes que dirixe, José Manuel Díaz Grandío. Xa desde o 28 de setembro, cunha marcha cicloturista, a cidade comezará a vivir a festa do deporte.

Un total de 21 citas recollen o abanico deportivo da cidade, destacando o XXXI edición do Memorial de Atletismo Gregorio P.Rivera, XXXIV Torneo San Froilán de Judo, o XIII Open San Froilán de Billar ou o II Trofeo San Froilán de Tiro con Arco. Ademais, este ano recupérase a velada de boxeo e o torneo de balonmán. Tampouco faltarán nos festexos, como en anos anteriores, o golf, fútbol, tenis, ciclismo, rugbi, piragüismo, birlos, tenis, etc

Para facer accesible a todos o programa será publicado como en anos anteriores en braile. Así todos os cidadáns poderán gozar dos festexos da cidade.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova