Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Neste San Froilán o Centrad pon en marcha a exposición XI Premio Internacional de Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria


# Mércores, 01/10/2008
A mostra permanecerá exposta ó público na Capela de Santa María ata o 26 de outubro

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este mércores a exposición XI Premio Internacional de Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria, que permanecerá exposta ó público na Capela de Santa María desde o día 2 ata o 26 de outubro.

Lara Méndez, que estivo acompañada da Presidenta de Médicos del Mundo Galicia, Nieves Turienzo, e da responsable do proxecto, Lorena Pérez, explicou que “cada ano o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, colabora co San Froilán con iniciativas como a Feira Artesanfroilán e exposicións como a que hoxe presentamos. Se lembran, o ano pasado foi a de Avantcraft, un proxecto asumido pola Deputación como un grande reto, convertíndonos en pioneiros en España no eido da artesanía e do deseño. Este ano, a exposición ten un matiz máis solidario”.
                            
A mostra componse das imaxes seleccionadas que optaron ó certame que organiza anualmente Médicos del Mundo desde 1998. Nesta ocasión, a décimo primeira edición, adícase a Valtueña, fotógrafo que perdeu a vida en Ruanda mentras participaba nun proxecto de axuda humanitaria.

Durante 2008, a exposición está de xira por varias cidades españolas e xa se puido visitar en Sevilla, Zaragoza, Oviedo e Madrid. No caso de Galicia, Lugo é a cidade escollida para amosar ó público o traballo dos cooperantes da ONG. “Para a Deputación e o CENTRAD é un luxo contar coa súa presenza. O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación é un centro que está aberto a todo tipo de iniciativas. Ademais de colaborar cos artesáns da provincia tamén nos implicamos con iniciativas solidarias coma esta. Sen dúbida, o feito de que contemos con esta exposición pon en valor a funcionalidade do CENTRAD e o traballo que se leva a cabo desde o mesmo”.

Contido da Exposición
A exposición está formada por 26 imaxes que amosan as inxustizas que sucederon ó longo dos dez anos de percorrido do certame, así como o esforzo por erradicalas. As fotografías desta exposición son un tributo a todas as persoas que un día decidiron que pagaba a pena intentar cambiar o mundo. O humanitarismo, o compromiso e a solidariedade constitúen a esencia deste certame.

A cara dun neno etíope sobre unha parede borrosa e desenfocada afectado polo tracoma é a imaxe gañadora do certame. Obra do italiano Giovanni Marrozzini, reflicte o sofrimento das vítimas desta enfermidade contaxiosa que afecta á visión, pero facilmente evitable cunha boa hixiene e alimentación, hábitos rutinarios na nosa sociedade desenvolvida, pero casi utópicos en países como Etiopía.

A exposición inaugurarase o día 2 ás 20:00 horas. Desde esta data ata o 26 de outubro a mostra permanecerá exposta ó público na Capela de Santa María en horario de luns a venres de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas, e na fin de semana e festivos de 18:00 a 21:00 horas.

Luis Valtueña
Este ano cúmprense once anos do asasinato en Ruanda de Luis Valtueña, Flors Sirera e Manuel Madrazo, e doce do homicidio de Mercedes Navarro en Bosnia cando traballaban en proxectos de acción humanitaria. Este premio convócase anualmente en lembranza dos cooperantes de Médicos del Mundo e este ano leva o nome do fotógrafo Luis Valtueña.

Este madrileño nado en 1966 colaborou co Magazine de El Mundo para despois dirixir o departamento de Fotografía de Antena 3. Comezou a colaborar con Médicos del Mundo como loxista do equipo que se desprazou a Líbano en 1996. Un ano despois perdeu a vida en Ruanda.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova