Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Artesanfroilán contará coa participación de 26 artesáns


# Xoves, 02/10/2008
Abrirá as súas portas entre o 4 e o 12 de outubro na Praza de Anxo Fernández Gómez

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, e a Vicepresidenta Segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez, presentaron hoxe a XII Mostra de Artesaía Artesanfroilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación dentro do programa de festas de San Froilán 2008.

Burgo destacou que “se trata dun evento que xa é un clásico en San Froilán e que se trata dunha colaboración moi importante da Deputación coas festas patronais xa que sempre ten unha aceptación por parte do público extraordinaria”.

Pola súa banda, a Vicepresidenta da Deputación agradeceu “a colaboración do Concello ao enclavar a feira nas festas patronais parece que terá o éxito asegurado, pola afluencia de público, e logar o obxectivo de potenciar a artesanía galega”. Ademais Méndez explicou que nesta edición contarase coa participación de 26 artesáns , 6 máis que na do ano 2007. Deste xeito, artesáns de toda Galicia poñerán á venda pezas de encaixes, arranxos florais, cartón-pedra, olería, vidro, marroquinería, metalistería, pratería, bonequería, xoguetes, téxtil, talla de madeira, serigrafía e xoiería “formándose unha feira multisectorial”. En concreto, participarán artesáns das catro provincias galegas: Lugo (Cervo, Mondoñedo, Lugo cidade, Viveiro e Negueira de Muñiz), Pontevedra (Vigo), Ourense (Pontecaldelas e Reiriz de Veiga), A Coruña (Camariñas, Buño, Carnota, Santiago, Melide, Carral e Cambre).

Na mostra instalarase un “stand” de Km0 no que se ofrecerá información sobre este programa de visitas institucionais á Deputación e a provincia totalmente gratuíto. Neste senso, entregarase material divulgativo sobre as 88 rutas medioambientais que forman este proxecto pioneiro en España.
           
Outra das novidades deste ano é que o Centro de Artesanía e Deseño, por primeira vez, premiará ao mellor “stand” cunha dotación económica que ascenderá a 1.000 euros. O xurado formado polo Presidente da Deputación, a Concelleira de Cultura e a Vicepresidenta Segunda da Deputación fará entrega do premio ó gañador o sábado, día 11 de outubro.

O obxectivo da mostra é combinar artesanía e medioambiente, dando a coñecer a artesanía galega e, en particular, a lucense, ao tempo que se propicia o contacto directo entre o artesán e o cliente para que a difusión dos produtos sexa a maior posible. Artesanfroilán convértese, deste xeito, nun mecanismo áxil de comercialización da artesanía galega e nun punto de partida para unha colaboración eficaz entre o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social e o sector artesanal.

Artesanfroilán estará instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez dende o 4 ao 12 de outubro co seguinte horario:

- os días 4 e 5 de outubro: de 11:00 horas a 15:00 horas e de 17:00 horas á 22:00 horas

- desde o 6 ó 11 de outubro: de 11:00 horas a 14:00 horas e de 17:00 horas a 20:00 horas

- día 12 de outubro: de 11:00 horas a 14:00 horas e de 17:00 a 20:horas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova