Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Inaugúrase a exposición XI Premio Internacional de Fotografía Humanitaria Luis Valtueña


# Xoves, 02/10/2008
A mostra inclúese dentro da oferta do CENTRAD para as festas de San Froilán

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda e responsable do Centro de Artesanía e Deseño, Lara Méndez, inauguraron este xoves a exposición XI Premio Internacional de Fotografía Humanitaria Luis Valtueña, que permanecerá exposta ó público ata o 26 de outubro na Capela de Santa María.

Cada ano o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, colabora co San Froilán con iniciativas como a Feira Artesanfroilán e exposicións como a que hoxe inauguraron os dous mandatarios provinciais. Gómez Besteiro destacou o labor desinteresado que realizan organizacións como Médicos del Mundo en países que a cotío sofren traxedias como as miserias da guerra. "As institucións e os que temos responsabilidades de goberno non podemos darlle as costas a todas esas persoas que colaboran e traballan para que os países non desenvolvidos teñan unha mellor calidade de vida. Temos que recoñecer a profesionalidade deste colectivo e a calidadie do seu traballo".

Este compromiso de colaboración reflíctese nas 26 imaxes que compoñen a mostra, e que optaron ó premio que convoca anualmente esta Organización desde finais da década dos 90. Nesta edición o certame adícase a Luis Valtueña, fotógrafo que perdeu a vida en Ruanda mentras participaba nun proxecto de axuda humanitaria.

No acto de inauguración, no que tamén participaron o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, e Lorena Fernández, responsable do proxecto, o máximo mandatario provincial sinalou que o traballo do voluntario é un exemplo para as institucións. "O voluntario é un profesional que coopera dentro da súa propia organización para que as cousas cheguen a bó porto. Precisamente, esta filosofía de traballo conxunto é a política que estamos e queremos seguir na Deputación de Lugo. O noso obxectivo é desenvolver políticas de actuación que permitan que os nosos veciños e veciñas poidan ter un presente e un futuro mellor".

A exposición está de xira por outras cidades españolas e xa se puido visitar en Sevilla, Zaragoza, Oviedo e Madrid. Tanto Gómez Besteiro como Lara Méndez agradeceron a Médicos del Mundo que confiasen na Deputación e, concretamente, no Centro de Artesanía e Deseño para traer a Lugo esta exposición. "Na Deputación non entendemos de centralismos nin de localismos senón que estamos abertos a todo tipo de iniciativas. Para a Deputación e o CENTRAD é un luxo contar coa súa presenza. O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación está aberto a todo tipo de iniciativas. Ademais de colaborar cos artesáns da provincia tamén nos implicamos con iniciativas solidarias coma esta", subraiou a Vicepresidenta Segunda.

Pola súa banda, o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, subraiou o realismo das fotografías. "Aínda que vexamos sufrimento nas fotografías que estamos a presentar hoxe, a realidade destas persoas vai moito máis aló, e a dor non é capaz de captala nin o fotógrafo. O traballo en común, tratando de acabar coas inxustizas, soa utópico, pero é necesario para facer mellor e máis habitable este mundo. Persoas como Luis Valtueña trataron de facer un chamamento e de abrir os ollos da cidadanía ó sufrimento que viven algúns seres humanos en distintas partes do planeta."

As autoridades aproveitaron a ocasión para convidar a todas as persoas a que non deixen a pasar esta oportunidade e que se acheguen a disfrutar desta mostra que permanecerá na Capela de Santa María ata o 26 de outubro en horario de luns a venres de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas, e na fin de semana e festivos de 18:00 a 21:00 horas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova