Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O día do Ferrol terá como protagonista a música


# Venres, 10/10/2008
O VI Festival de Folclore Tradicional, El Canto del Loco e unha noite de rock galego serán algunhas das actividades do día

O penúltimo día de festas presenta un programa de actividades completo e dirixido a todas as idades. Nenos e maiores atoparán alternativas para estar todo o día polas rúas de Lugo.

O día de Ferrol comeza ás 11:00 coa apertura da carpa de xogo do San Froilanciño e ás 12:00 os nenos poderán disfrutar con Diego Stirman e a obra Entremets dentro do Festival Internacional de Monicreques.

Os actos continúan ás 12:00 horas coa apertura da Porta Falsa da man do triatleta Javier Gómez Noya. Dende este punto sairá ás 12:15 un pasarrúas do grupo de música tradicional Volta do Agro que ofrecerá unha actuación na Praza Maior.

Ás 13:00 horas comezarán os actos institucionais coa Recepción Oficial no Concello polo Alcalde, José López Orozco , á Corporación procedente do Concello de Ferrol encabezada polo mandatario ferrolán Vicente Irisarri.

As actividades continuarán pola tarde, dando protagonismo aos máis cativos na zona de xogo de San Froilanciño que como cada tarde abrirá as súas portas ás cinco. A mesma hora os participantes no VI Festival de Folclore Tradicional, que terá lugar ás 18:00 horas na praza de Santa María, serán recibidos na Casa do Concello.

Tamén ás 18:00 horas haberá outra actuación de Galicreques 2008 da man de Pavel Vangeli (República Checa) que trae á cidade The swinging marionettes. Pero os máis cativos terán aínda máis actividades para eles, ás 19:30 na carpa de San Froilanciño estará o mago Dani Decker que os sorprenderá co seu espectáculo Non só maxia.

Ao longo de todo o día os lucenses e visitantes poderán disfrutar da animación das rúas con Horten-Orquestra, a charanga OT e o grupo de música tradicional Na Virada. E xa pola noite, a música estará representada polos madrileños El Canto del Loco que actuarán no Pazo de Feiras e Congresos facendo as delicias do público cos temas do seu último álbum Personas, ainda que de seguro non faltarán temas clásicos do seu repertorio como La madre de José, Eres un canalla, Besos ou Zapatillas.

O rock galego terá o seu protagonismo na praza Horta do Seminario a partir das 22:00 horas coas actuacións de The Ellas, Def Con Dos, e a actuación exclusiva de Miguel Costas con Germán Coppini.

Pero este penúltimo día das festas contará tamén coa música das orquestras Panamá e Montes na verbena que comezará ás 21:30 horas na na Praza Maior.

San Froilán co Deporte
O día 11 de outubro tamén deixará un espazo para o deporte. Ás once da mañá comezará o XI Torneo San Froilán de Golf no Club de Golf da cidade. Ás 12:00 arrincará o IV Memorial de Fútbol Ricardo Gómez no que se enfrentarán os veteranos do CD. Lugo co Covadonga de Xixón da tarde comezará o VIII Trofeo San Froilán de Futbol Cadete no campo municipal López Gorgoso.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, terá lugar a final VI Open San Froilán de Tenis Infantil no Club Fuvial. Á mesma hora, pero no polideportivo da Avenida Duquesa de Lugo, terá lugar o I Torneo San Froilán de Balonmán.

E xa ás 18:30 horas comezará a final da Copa Galicia de Fútbol Sala no Pavillón Municipal.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova