Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Presidente da Deputación inaugura a XII edición da feira Artesanfroilán


# Sábado, 04/10/2008
Gómez Besteiro visitou os postos instalados na feira e falou cos artesáns participantes para coñecer as súas impresións

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este sábado a XII edición da feira Artesanfroilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño, dependente da institución provincial.

 A mostra de artesanía, ubicada na praza Anxo Fernández Gómez, inclúese no programa de festas do San Froilán 2008. Gómez Besteiro, que estivo acompañado da Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez,  do Alcalde de Lugo, José López Orozco, da Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, do Concelleiro de Obras, José Piñeiro e do Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, destacou que “nesta edición aumentou o número de expositores con respecto ó ano anterior. Quero recoñecer o esforzo realizado desde o CENTRAD, xa que este ano contamos con 6 expositores máis que en 2007. Con esta iniciativa, a Deputación colabora coas festas patronais máis importantes de Galicia e convértese nun mecanismo áxil de comercialización da artesanía galega e da luguesa en particular”.

Artesáns de toda Galicia poñen á venda pezas de encaixes, arranxos florais, cartón-pedra, olería, vidro, marroquinería, metalistería, pratería, bonequería, xoguetes, téxtil, talla de madeira, serigrafía e xoiería. En concreto, participan artesáns das catro provincias galegas: Lugo (Cervo, Mondoñedo, Lugo cidade, Viveiro e Negueira de Muñiz), Pontevedra (Vigo), Ourense (Pontecaldelas e Reiriz de Veiga), A Coruña (Camariñas, Buño, Carnota, Santiago, Melide, Carral e Cambre).

Os dous mandatarios provinciais aproveitaron a ocasión para facer un percorrido polos postos instalados na feira e conversar cos artesáns participantes para coñecer de primeira man as súas impresións. Tanto Gómez Besteiro como Lara Méndez visitaron o “stand” de Km0  no que se ofrece información sobre este programa de visitas institucionais á Deputación e á provincia totalmente gratuíto. A presenza do proxecto mediambiental en Artesanfroilán, impulsado pola Presidencia da Deputación, é unha das principais novidades deste ano. Neste senso, ás persoas que se acheguen ata o posto de km0 entregaráselles material divulgativo sobre as 88 rutas medioambientais que forman este proxecto pioneiro en España.

Deste xeito, a mostra combina artesanía e medioambiente, e propicia o contacto directo entre o artesán e o cliente tendo como resultado unha maior difusión dos produtos postos á venda.

Asimesmo, este ano premiarase ó mellor “stand” cunha dotación económica valorada en 1.000 euros. O día 11 de outubro o xurado formado pola Concelleira de Cultura, o Presidente e a Vicepresidenta Segunda da Deputación entregará o premio.

Horarios e datas
Artesanfroilán estará instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez ata o 12 de outubro co seguinte horario:
- os días 4 e 5: de 11:00 horas a 15:00 horas e de 17:00 horas á 22:00 horas

- desde o 6 ó 11 de outubro: de 11:00 horas a 14:00 horas e de 17:00 horas a 20:00 horas

- día 12 de outubro: de 11:00 horas a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova