Imprimir

O ALCALDE DE LUGO E A CONCELLEIRA DE EMPREGO RECIBEN A PROFESORES DE TODA EUROPA QUE TRABALLAN NUN PROXECTO EUROPEO


4/10/2008 Estarán do 1 ao 6 de outubro e visitaron a capital con motivo das festas de San Froilán

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, recibiron no Salón de Plenos do Concello a 16 profesores chegados de Finlandia, Grecia, Estonia, España e Bélgica

Estarán do 1 ao 6 de outubro na vila de Burela, nunha visita preparatoria que organiza o CEIP Vista Alegre e que ten como obxectivo principal poñer en marcha un novo Proxecto Europeo que implique a toda a comunidade educativa nun traballo común con escolas europeas.

Os organizadores explican que a finalidade deste proxecto é beneficiar ao alumnado, que é no que finalmente recae o maior proveito, e tamén favorecer un achegamento entre os pobos de Europa, supoñendo ademais unha vía importante para que Galicia sexa coñecida no exterior.

Durante a fin de semana, visitarán a cidade de Lugo, coincidindo coas festas patronais de San Froilán. O Alcalde entregoulles o programa das festas e pediulles que disfruten estes días e que transmitan a mensaxe de solidariedade que debe rexir entre todos os países que constitúen Europa “é o momento de traballar unidos”.

Posteriormente o grupo de profesores visitou o Centro de Interpretación da Muralla da Praza do Campo, e a Casa dos Mosaicos.