Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

PREGÓN DAS FESTAS DE SAN FROILÁN, LUGO 2008


# Sábado, 04/10/2008


Aceptar a responsabilidade, que é á vez unha gran honra ,de pronunciar o pregón das Festas de San Froilan 2008, prodúceme, non o nego, certo desacougo.

Durante uns minutos,que lles prometo breves,vou a ser o  destinatario da súa amable atención e da súa  lóxica pregunta: a ver qué nos conta! pensarán vostedes  e sobre todo, que méritos viron no pregoeiro de este ano. Por iso,dende xa,me encomendo á súa xenerosidade ,por algo estamos en Festas tempo de tolerancia, e en todo caso póñome baixo a protección de S Froilán que de seguro me bota unha man.

Que son lucense supoño que vostedes xa o saben; que unha familia numerosa de 9 irmáns como sacaron adiante os meus pais, Millán e Elicia que hoxe descansan en Lugo, non pasou desapercibida, é tamén un dato coñecido. Eu, para máis detalle, nacín xusto enfronte da Muralla, no antigo Hospital de Santa María, e supoño que iso me marcou para sempre. S. Froilán non é celoso e como bo lucense seguro que sabe comprender esta debilidade que sempre tiven pola nosa muralla..

Con estas modestas  pero personalísimas referencias, hoxe quero convidalos a compartir estos momentos inciais das Festas,cunhas lembranzas e unhas vivencias que sempre me acompañaron na miña xa longa  peregrinaxe polo mundo,que percorrín varias veces para sempre volver onde están as miñas raíces nesta terra galega.

 Permítanme que lles confese que hoxe me sinto á vez un pouco importante e un pouco protagonista:
son como ese personaxe que nos San Fermines ás oito en punto da mañá acende o foguete que anuncia o encerro. Eu coma el, son un modesto pero imprescindible personaxe:sen foguete non comeza o encerro e sen pregón non se inician as Festas.

Así que aí vai o meu foguete e oxalá encha o ceo do noso querido Lugo con toda a forza e ledicia que de seguro nos van a traer as festas a todos os lucences e tamén a aqueles a quen  por uns días lles abrimos dunha forma moi especial os nosos brazos e a nosa cidade como a un lucence máis!!

E esta honra de lanzar este foguete simbólico quero compartila con todos aqueles que coma min naceron e medraron en Lugo pero especialmente con outros moitos paisanos que comparten tamén comigo outra condición:ser emigrantes. Eu considérome un emigrante que ten a sorte de volver hoxe á súa cidade,cos seus amigos e coñecidos. Posiblemente nunca me fun ou  sempre tiven a sorte de levar a Lugo comigo, que é en certa forma o mesmo.

Lugo, chea de recordos e de afectos aparéceseme hoxe como unha cidade aberta e entregada, eu diría, permítanme esta licenza, como unha nai agradecida e orgullosa de ter con ela e escoitar a un dos seus fillos que unha vez máis volve a renderlle homenaxe nestas Festas de S Froilán…

E das Festas a miña versión persoal, íntima, perdéndome nas miñas lembranzas de neno, quérolles falar, dunhas vivencias imborrables.

O San Froilán, era para nós os máis cativos, a gran axitación que unha vez ao ano sacudía as rúas e prazas de Lugo, cidade na que por aquel entón a verdade é que a vida debía ser bastante monótona…excepto para os nenos e nenas, que sempre dispuxemos da nosa gran arma: a imaxinación, que canto máis se necesita, máis se exercita. Non sei se agora, con tanto parque de atraccións,consolas etc..se lles está a restar esa facultade aos nosos fillos, ou más ben,netos.

No meu S Froilan,había esa imaxinación a raudales: que chegaban as barracas,que montaban as atraccións, que a Praza de Sto Domingo bulía a golpe de mazo para axustar o maderamen..para nós ver a prefesta era xa parte da Festa!! Eu ademais desprazábame desde as chamadas “Casas Baratas”,sempre había alguén que nos correxía:a colonia,neno,a colonia, nome que debía soar máis elegante. As Casas Baratas ou a Colonia tiña unha gran vantaxe e é que nós si que eramos conscientes á nosa maneira dese gran símbolo de Lugo: a Muralla; víamola, atravesábamola por algunha das súas portas,subíamos a ela con más frecuencia que os do interior, para nós, era  parte da nosa paisaxe e da nosa vida.

Xa que falamos da Muralla, teño que decir que coas Festas de S. Froilán e o Río,el Miño por suposto,constituían para min e o son aínda hoxe,o trípode que mantén e sustenta no meu imaxinario o Lugo mítico e soñado nas miñas longas ausencias.

E sen chegar ao mítico,pero si xa ao centenario,quero tamén ter un recordo especial para unha empresa que para min foi intérprete dos cambios da miña cidade natal e que este ano está de cumpreanos: El Progreso, cuxas páxinas recolleron cariñosamente os meus pequenos trunfos nos meus diversos capítulos profesionais. Grazas de corazón  por esas verbas que líamos con lexítimo orgullo. .e tamén  felicidades a todos os que fixeron e fan que cada día saia á rúa un número máis, hoxe  en digna concurrencia  con outros medios de comunicación que cubren a puxante actualidade lucense…

Na miña condición de emigrante ”sui generis”,que no fondo é como me sentin no meu oficio de diplomático, esta muralla aportoume un orgullo e unha seguridade especiais e tanto é así que me atrevín a  propoñela como tarxeta de presentación do meu Lugo natal ante o mundo e apostar polo seu irmandamento coa Gran Muralla de China!! Hoxe dous grandes monumentos, ámbolos dous  patrimonio da Humanidade, selaron un pacto de mutuo respecto e estou seguro que os que, nun e outro lado do planeta as consideramos o noso sinal de identidade, nos acercaremos máis e máis grazas a elas. Non constitúen unha amenaza nin un presaxio bélico: son un abrazo fraternal ás nosas boas xentes e no seu tamaño máis humano o na súa inmesa lonxitude conteñen a mesma mensaxe de paz.

 Pero volvamos ás Festas.

Xa montadas as barracas,arrancaban as festas que para un neno coma min eran días de axitación,excitación e participación, esta última un tanto condicionada pola asignación orzamentaria que me correspondía como membro dunha familia numerosa. Pero a imaxinación volvía na miña axuda para completar esa liquidez sempre contida.Confeso que era un experto en montarme nos cabaliños en marcha e evitar os dous reais do viaxe,sobre todo cando calculaba que quedaban poucas voltas para finalizar e o vixilante estaba máis relaxado. Nalgunha caseta ou atracción de pago adoitaba arrimarme a algún adulto coñecido ou non,e ao seu amparo e tendo en conta a existencia de certa manga ancha cos nenos, vía o espectaculo gratuitamente.Non sei se gozaba máis con esta entrada camuflada ou co espectáculo en sí. Non todos os meus amigos tiñan esa habilidade e cando xa, franqueado o porteiro lles facía un guiño ou un sinal coa man aos que quedaban fora,  o meu ego rebosaba..

En fin, horas inolvidables de liberdade e ensoñación nun mundo único que para min só sucedía unha vez ao ano,grazas a ese Santo que camiñaba cun lobo.

Posiblemente esté caendo nun intimismo cheo de morriña, pero credeme que é un orgullo para min decirvos hoxe que despois de percorrer o mundo, de asistir a espectáculos únicos, invitacións e festas de todo tipo,as lembranzas e vivencias que hoxe aínda manteño dos meus anos de neno nas Festas de S Froilán seguen sendo únicos. Os cabaliños, o olor, a churros, as barracas, as tómbolas, os xigantes e cabezudos, Péludez, as polbeiras, o campo da Feira, barriga Verde, as carreiras de motos arredor da muralla, os visitantes de fóra e ata as autoridades,que para min eran parte do espectáculo e que incluso estaba convencido de que tamén cobraban por actuar ou desfilar…todo iso  eran para min as festas, as  mellores festas do mundo!!

Sei que as Festas, porque raro é o ano en que non cumpro co rito de vir tomar o polbo, medrando, mellorando, incorporando cultura e calidade, en fin avanzando ao paso que avanza Lugo e de iso me alegro de corazón.

Por iso o meu desexo hoxe e creo que entre todos o estamos conseguindo, é que cada S Froilan sexa mellor, máis aberto, diferente…iso si ,sen deixar de ser o mesmo, vostedes xa me entenden.

Así que na miña despedida quero deixarlles unha mensaxe para todas e todos: que este ano e outros moitos que virán  podamos compartir ese sentimento de tradición e orgullo que son e serán as Festas de S Froilán

VIVA SAN  FROILÁN ¡!




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova