Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo achega o CEI-Nodus aos estudantes de secundaria de Lugo


# Xoves, 09/10/2008
O obxectivo do programa Aula Emprendedora é promover o seu carácter emprendedor e innovador

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, presentaron hoxe o programa Aula Emprendedora posto en marcha polas súas Concellerías en colaboración coa Consellería de Traballo.

A través desta proposta os nenos e nenas de secundaria adquirirán e desenvolverán, no Centro de Empresas e Innovación, coñecementos e capacidades emprendedoras ao mesmo tempo que estimulan a súa curiosidade pola actividade empresarial. Os alumnos e alumnas recibirán nocións básicas sobre a creación dos propios negocios a través dunha serie de materiais creados para eles como unha historia animada (cómic) e diferentes exercicios.

Os rapaces e rapazas que participen nesta iniciativa do Concello de Lugo recibirán un USB con documentación sobre o programa na que se desenvolven os temas que tratarán:

- Plan de negocio e de empresa
- As cooperativas
- Trámites de constitución das cooperativas
- A organización da empresa
- Identidade corporativa e logo
- As estratexias de venda da empresa
- A obtención dos resultados da empresa.

O obxectivo do Concello de Lugo é fomentar entre a xuventude lucense o desenvolvemento de ideas empresariais e difundir a cultura emprendedora fomentando o seu espíritu innovador dende novos. Para isto, ademais das nocións teóricas, o programa plantexa un concurso no que os grupos de rapaces deberán proponer proxectos empresariais. Neste senso, apóstase polo modelo cooperativo como filosofía empresarial de base para traballar no programa educativo, xa que se trata dun modelo democrático e participativo que permite un coñecemento máis completo do mundo empresarial.

A idea é que os mozos e mozas da cidade comecen xa a pensar no seu futuro tendo en conta as posibilidades de emprego que teñen, facéndolles ver que é posible traballar por conta propia e fomentar a creación de emprego. O importante é que os rapaces coñezan o que significa ser empresario, asumir os riscos de por en marcha un proxecto empresarial, e os pasos que deben seguir para crear dunha idea un plan de empresa que sexa  viable no mercado. Este proxecto de formación xa se incluía dentro do programa electoral do Equipo de Goberno para o fomento de valores e actitudes positivas de cara ao autoemprego entre os nenos e nenas de Secundaria.

Con este proxecto, o Concello de Lugo continúa co seu compromiso de achegar e poñer ao servizo de toda a cidadanía o CEI-Nodus xa que dende o 23 de outubro e ao longo do mes de novembro, serán alumnos de Secundaria, de Formación Profesional e da Universidade os que pasen polo centro para coñecer as súas instalacións e realizar diferentes actividades.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova