Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo Cultural celebra a Semana de Benvida no Campus de Lugo entre o 19 e o 26 de outubro


# Luns, 13/10/2008
Haberá música, teatro, conferencia, danza e exposicións de libre acceso e gratuítas

O Convenio Lugo Cultural, formado pola USC, Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Fundación Caixa Galicia, celebrarán entre o 19 e o 26 de outubro a tradicional Semana de Benvida, coordinada pola Vicerreitoría de Cultura da USC, coa que se pretende ofrecer unha serie de actividades culturais e lúdicas que sirvan como lugar de reunión e contacto entre os estudantes.

A programación, que combina a música, o teatro, a danza, as exposicións e as rutas, foi presentada este luns en rolda de prensa na Vicerreitoría de Lugo por parte do vicerreitor de Cultura, Elías Torres, que estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Concepción Burgo; o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao; o xefe do servizo de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Rafael López-Vizcaíno, e o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.

As actividades darán comezo o domingo 19, ás 17:00 horas, cunha ruta polo Camiño Primitivo, dirixida por Lois Diéguez, con saída do barrio da Chanca. Para esta actividade é necesaria a inscrición previa na Oficina de Cultura do Campus de Lugo, situada no segundo andar do número 3 da praza Pío XII. O sábado 25, a partir das 10:30, haberá outra ruta de sendeirismo polo Miño, nesta ocasión dirixida por Xurxo de Vivero e Eduardo Ochoa con saída do miradoiro do Parque Rosalía de Castro.

A música ocupa un lugar destacado na programación da Semana da Benvida, cun estilo diferente en cada xornada. O primeiro concerto será tamén o 19, ás 21:00 horas, na praza de Santa María, a cargo de Aló Irmao (Manecas Costas e Fran Pérez). O luns 20 o concerto, a cargo de Magritte, serán no Auditorio da Facultade de Veterinaria, tamén as 21:00 horas.

O martes haberá dous concertos, un ás 14:00 horas, a cargo de Panume, nos tellados da explanada do aulario da Facultade de Veterinaria; e o outro ás 21:00 horas, no Conservatorio de Música, a cargo do Grupo de Creación Musical da Vicerreitoría de Cultura.

O grupo Mr. Dixie Jazz Band dará continuidade ao apartado musical o mércores 22 ás 14:00 horas na cristaleira de Facultade de Veterinaria e Mala Herba estará o xoves ás 21:00 na Escola Universitaria de Formación do Profesorado. Esta última actuación se engloba dentro do ciclo Lubicán. Os concertos rematarán o venres 24, ás 20:30 horas, no Círculo das Artes, coa actuación da Orquestra de Cámara Galega.

Dentro da programación destaca tamén a conferencia de José María García Martínez, periodista especializado en jazz, o mércores 22 ás 20:00 horas, na Escola de Formación do Profesorado; e a actuación de Odin Teatre, de Dinamarca, que visitan por primeira vez Galicia. Representarán "As grandes cidades baixo a lúa’, dirixida por Eugenio Barba, o domingo 26, ás 20:30 horas, no Auditorio Gustavo Freire. Este grupo está de xira por España, onde realizará catro actuacións noutras tantas cidades.

Complementará a programación o Espazo de Danza Universitario, que presenta á compañía independente Traspédiante en escaparate, vestíbulos e distintos lugares da cidade co ciclo ‘Xa que pasas’. A banda deseñada volve ser protagonista nas fachadas dos edificios universitarios e manteranse abertas as exposicións ‘Tolerancia Zero’, na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, e unha reportaxe fotográfica da Compañía de Teatro da USC na súa representación de ‘A Ronda’. Pode visitarse na Facultade de Ciencias.

As actuacións serán de entrada libre e gratuíta agás a representación teatral, que terá un prezo de 5 euros e unha entrada limitada de 400 persoas. A inscrición nas rutas e a compra de entradas para o teatro pode facerse dende o martes 14 na Oficina de Cultura da praza Pío XII.

Outras actividades

Lugo Cultural programa unha ampla gama de actividades que se desenvolven durante todo o ano, como os ciclos musicais de ‘Lubicán’, ‘Músicas a carón da Mosqueira’, ‘Entre lusco e fusco’ e o de ‘Música experimental’. Ademais, programan as distintas rutas, o maratón fotográfico, o Encontro de Danza Europeo, o Festival Internacional de Teatro Universitario e o programa Anda na Banda.

Moitos destes ciclos están xa asentados na programación anual e outros levan menos tempo. Segundo se vai pechando a programación, esta pode consultarse na web www.lugocultural.es.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova