Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Aprobado o Decreto que establece o complementos autonómico para as pensións non contributivas


# Mércores, 15/10/2008
Máis de 50.000 galegos e galegas percibirán a finais de ano esta paga única que complementará as súas pensións

Será unha paga única de 200 euros, que suporá un incremento do 4,3% para estas pensións

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto que regula o complemento autonómico para as pensións non contributivas, do que se beneficiarán este ano máis de 50.000 galegos e galegas. Trátase dunha norma que establece as axudas sociais de carácter extraordinario a favor de pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade de non contributiva, a favor de persoas anciás e enfermas incapacitadas para o traballo e beneficiarias de axudas periódicas individualizadas e a favor das persoas con minusvalidez beneficiarias do subsidio de garantía de ingresos mínimos.

O presente decreto ten por obxecto o establecemento de axudas sociais extraordinarias a favor dos beneficiarios e beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade de non contributiva, do fondo nacional de asistencia social (FAS) e do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM).
Coa finalidade de mellorar a renda destas persoas, desde o Goberno galego considerouse oportuno o establecemento deste complemento autonómico, de carácter extraordinario e anual. Estas axudas serán distintas das do Sistema da Seguridade Social e das que poida outorgar a Administración xeral do Estado e serán compatibles con elas.

Contía axudas
Beneficiaranse deste complemento autonómico os perceptores de pensións non contributivas, do subsidio de garantía de ingresos mínimos da Lei de integración social dos minusválidos (LISMI) e do fondo nacional de asistencia social (FAS). En total, son máis de 50.000 persoas as que se verán beneficiadas desta medida, das cales a maior parte corresponden a perceptores de pensións non contributivas.

O complemento autonómico consistirá nunha paga única de 200 euros. No caso das pensións non contributivas, que ata o de agora perciben un máximo de 328 euros ao mes, esta paga adicional de 200 euros suporalles un incremento do 4,3% nas súas pensións. Para dotar economicamente este complemento, destínase un orzamento de 10 millóns de euros no actual exercicio orzamentario.

Cómpre salientar a importancia dunha medida como esta en Galicia, onde unhas 50.000 persoas perciben unha pensión non contributiva de invalidez ou xubilación. De feito, Galicia é a terceira Comunidade do Estado con maior número de perceptores destas prestacións, só por detrás de Andalucía e de Cataluña. Por provincias, A Coruña é a provincia con máis beneficiarios (21.010 persoas), seguida de Pontevedra (16.900), Ourense (7.340) e Lugo (con 5.915 perceptores).




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova