Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Un xogo de mesa xigante permitirá aos participantes reflexionar sobre o papel das mulleres ao longo do tempo


# Mércores, 15/10/2008
Nonétrivial, organizado pola Concellería de Muller e Benestar Social, terá lugar o xoves 16 de outubro a partir das 12:00 horas polas rúas do centro da cidade

Mañá, xoves 16 de outubro a partir das 12:00 horas, desenvolverase nas rúas próximas á Praza Maior de Lugo unha experiencia lúdica e participativa de características inéditas. Trátase dunha nova instalación de Luz Darriba, promovida pola Casa da Muller do Concello de Lugo,que depende da Concellería de Muller e Benestar Social que dirixe Carmen Basadre. Esta iniciativa consiste na exposición urbana dun macro xogo de preguntas e respostas. Con este proxecto trátase de poñer ao descuberto os nosos coñecementos sobre a vida, a historia e o presente das mulleres, que ao longo do tempo foi silenciado ou ignorada.

Tal e como explicara a Concelleira na presentación do proxecto trátase “dun proxecto de participación colectiva no que se propón unha reflexión sobre o papel das mulleres na nosa cultura a través dos tempos”.

O funcionamento da actividade é similar ao Trivial de mesa, pero as fichas serán as propias persoas que xoguen. Trátase de ir respondendo ás preguntas de ciencias, política, artes, miscelánea, deportes e historia relacionadas coa condición feminina e ir gañando os “queixiños” que permitirán recibir un pequeño agasallo.

No xogo poderán participar ata 36 persoas á vez que farán de fichas saindo do centro do taboleiro situado na praza Maior e desprazándose polos casilleiros situados nas rúas do centro da cidade: rúa da Raíña, Doutor Castro, Conde Pallares, Praza de Santa María, Bispo Aguirre…

Esta actividade busca demostrar que os actos e os acontecementos ao contorno do xénero feminino non son triviais e merecen un mellor posicionamento na axenda da política e da cultura.

Os que desexen participar poderán apuntarse na Oficina Municipal de Xuventude, na Casa da Muller e no Servizo Municipal de Drogodependencias.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova