Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Unha veintena de estudantes do Politécnico participan nun seminario para a difusión da creación de empresas


# Mércores, 15/10/2008
Será mañá xoves a partir das 10:00 horas no CEI-Nodus

Un grupo de 20 alumnos e alumnas do IES Politécnico participarán mañá nun seminario para a Difusión da Creación de Empresas que terá lugar no Centro de Empresas e Innovacións do Concello de Lugo a partir das 10:00 horas.

O obxectivo desta sesión é achegar aos asistentes á realidade do mundo da empresa, valorizar a figura do empresario e analizar o proceso que media entre a motivación, a xeración dunha idea e a súa conversión en empresa, destacando a importancia de elaborar un plano de viabilidade e dando a coñecer as ferramentas e axudas que teñen á súa disposición os emprendedores galegos.

A metodoloxía baséase nas experiencias do Banco de Proxectos Empresariais de BIC Galicia - IGAPE, unha extensa base con cerca de 200 experiencias de emprendedores galegos.

Esta actividade está moi relacionada co proxecto posto en marcha polas Concellerías de Economía e Emprego, que dirixe Sonia Méndez, e a de Educación, dirixida por Dolores Vieiro e que persigue que os mozos e mozas adquiran no Centro de Empresas e Innovación, coñecementos e capacidades emprendedoras ao mesmo tempo que estimulan a súa curiosidade pola actividade empresarial. Os alumnos e alumnas recibirán nocións básicas sobre a creación dos propios negocios a través dunha serie de materiais creados para eles como unha historia animada (cómic) e diferentes exercicios.

Con esta iniciativa o Concello de Lugo pretende fomentar entre a xuventude lucense o desenvolvemento de ideas empresariais e difundir a cultura emprendedora fomentando o seu espíritu innovador. Por iso o programa, ademais das nocións teóricas, plantexa un concurso no que os grupos de rapaces deberán proponer proxectos empresariais. Neste senso, apóstase polo modelo cooperativo como filosofía empresarial de base para traballar no programa educativo, xa que se trata dun modelo democrático e participativo que permite un coñecemento máis completo do mundo empresarial.

A idea é que os mozos e mozas da cidade comecen xa a pensar no seu futuro tendo en conta as posibilidades de emprego que teñen, facéndolles ver que é posible traballar por conta propia e fomentar a creación de emprego. O importante é que os rapaces coñezan o que significa ser empresario, asumir os riscos de por en marcha un proxecto empresarial, e os pasos que deben seguir para crear dunha idea un plan de empresa que sexa  viable no mercado. Este proxecto de formación xa se incluía dentro do programa electoral do Equipo de Goberno para o fomento de valores e actitudes positivas de cara ao autoemprego entre os nenos e nenas de Secundaria.

Con este proxecto, o Concello de Lugo continúa co seu compromiso de achegar e poñer ao servizo de toda a cidadanía o CEI-Nodus xa que no que queda do mes de outubro e ao longo do mes de novembro, serán un bo número de alumnos de Secundaria, de Formación Profesional e da Universidade os que pasen polo centro para coñecer as súas instalacións e realizar diferentes actividades.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova