Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

María José Caride anuncia en Lugo unha nova fase para completar o Plan Paradai


# Xoves, 16/10/2008
Esta actuación supón un investimento de 6 millóns e terá reflexo xa nos vindeiros Orzamentos

Os novos traballos estenderán a urbanización ao outro lado do ferrocarril, cunha nova Ponte Paradai que mellorará a permeabilidade das vías
A CPTOPT investiu 6,4 millóns de euros nas fases xa rematadas
A conselleira anunciou que este mesmo ano elixirase o proxecto do Auditorio e no 2009 iniciaranse as obras

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, anunciou hoxe en Lugo unha nova fase de obras que permitirá completar o Plan Paradai, conxunto de actuacións coas que se están a urbanizar os accesos ao barrio das Gándaras contribuíndo así á súa integración co resto da cidade. O anuncio da conselleira foi realizado no transcurso dunha visita institucional ao Concello de Lugo, onde mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde da cidade, Xosé Clemente López Orozco.

As novas obras comprometidas por María José Caride e que acometerá a Consellería de Política Territorial para completar o Plan Paradai permitirán estender os traballos de urbanización ao outro lado das vías do tren e mellorar así a súa permeabilidade. Estes últimos traballos, segundo anunciou a conselleira, suporán un investimento doutros 6 millóns de euros e contarán xa cunha partida individualizada nos vindeiros Orzamentos da Xunta.

A nova actuación do Plan Paradai permitirá conectar o barrio das Gándaras co barrio Paradai así como toda a zona da rúa Serra de Meira e A Fervedoira, permitindo unha comunicación directa co centro de Lugo a través dunha nova Ponte Paradai, que solucionará definitivamente os actuais problemas de permeabilidade orixinados pola barreira física que conforma a vía do tren. Segundo avanzou a conselleira, estes traballos poderían comezar no segundo semestre de 2009 para, deste xeito, “completar un dos proxectos máis importantes de dinamización da cidade”.

Pola súa banda, o alcalde, López Orozco, expresoulle á conselleira o seu recoñecemento polos investimentos que está realizando a CPTOPT en Lugo e indicou que o Plan Paradai “resolve unha grande necesidade da cidade, xa que nunca houbo en Lugo obras tan importantes para dar unha nova mobilidade a un barrio e que faciliten unha nova zona de desenvolvemento da cidade”.

A Consellería de Política Territorial investiu xa 6,4 millóns de euros nas fases desenvolvidas ata o de agora do Plan Paradai:

  • Primeira fase: Entronque da avenida Duquesa de Lugo coa rúa Río Narla nas inmediacións da Ponte Romai. Actuación rematada. Investimento de 1,3 millóns de euros.

  • Segunda fase: Urbanización da rúa Alta ata a Ponte Paradai. Actuación rematada. Investimento de 1,6 millóns de euros.

  • Terceira fase: Urbanización da Avenida Duquesa de Lugo entre a Ponte Paradai e a Ponte Romai, unindo así as dúas actuacións anteriores. Esta actuación rematará este mesmo ano, segundo anunciou hoxe mesmo a conselleira. Investimento de 3, 5 millóns de euros.

Auditorio de Lugo

Por outra banda, María José Caride remarcou “o compromiso claro e explícito” da CPTOPT co Auditorio de Lugo e indicou que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano contarán coas partidas necesarias para a súa construción. Así, a conselleira confirmou que antes de que remate este ano estará elixido o proxecto definitivo do Auditorio para poder comezar as obras en 2009. Igualmente, María José Caride indicou que o vindeiro ano estarán rematadas as obras da Ronda Leste da cidade.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova