Imprimir

O ALCALDE DE LUGO REITERA QUE O ESPAZO QUE OCUPA O HOSPITAL XERAL SERÁ TOTALMENTE DOTACIONAL


22/10/2008 Quixo así poñer fin ás especulacións que poidan producirse

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Delegado de Sanidade, Miguel Ángel Rodríguez Lois, quixeron deixar claro nunha comparecencia ante os medios de comunicación que o espazo que hoxe ocupa o hospital xeral, destinarase, tal e como xa se dixo en numerosas ocasións, a usos exclusivamente dotacionais, unha vez que a actividade deste hospital se traslade ao novo centro.

López Orozco explicou que no PXOM “estivo, está e estarán estos terreos como 100% dotacionais, é dicir para a posta en marcha de equipamentos públicos”. Deste xeito, quixo cortar de raíz algunhas especulacións que apareceron nos medios estes días e que falan da posibilidade de que estos terreos non sexan dotacionais.

Para o mandatario lucense estos comenatrios “supoño que serán sen mala intención, pero son falsos. Estos terreos están contemplados como dotacionais e a Consellería de Sanidade estuda a instalación dunha dotación sanitaria nunha parte dos mesmos”.

Rodríguez Lois pola súa banda lembrou “o gran interese que dende sempre tivo o Alcalde por manter dotacións públicas neses terreo” e tamén a aposta da Consellería de Sanidade pola modernización e mellora das infraestruturas sanitarias da cidade.