O Concello de Lugo, elexiu xa aos destinatarios do programa de axudas municipais para o alugamento de vivendas na cidade. Con esta iniciativa o equipo de Goberno pretende facilitar o acceso á vivenda ás persoas que se atopen nunha situación socioeconómica que lle dificulte ou imposibilite acceder ao alugamento dunha vivenda digna.
Un total de 136 persoas presentaron a súa solicitude, 3 delas renunciaron e 67 non cumprían as bases requeridas para poder optar a estas axudas, polo que foron concedidas a un total de 66 familias, 14 máis que no 2007, divididas nos seguintes colectivos:
-Pensionistas : 7 solicitantes
-Inmigrantes e emigrantes retornados: 39 axudas
-Xente nova de entre 18 e 35 anos (ambos inclusive): 8 persoas
-Familias monoparentais con cargas familiares non compartidas: 4
- Persoas con discapacidade cunha minusvalía superior ao 33%: 4
- Mulleres vítimas de violencia de xénero: 1
- Mulleres e homes separados/as ou divorciados/as con problemática de acceso a vivenda derivada da ruptura da unión familiar: 1
-Outros: 2
O Concello investirá un total de 66.723 euros a estas axudas que supoñen entre o 10 e o 50% do prezo do alugamento da vivenda. Para determinar a contía da axuda a cada unidade familiar tívose en conta os seus ingresos ponderados do último exercicio económico vencido. Ponderación que estivo determinada polo número de membros que integran a familia; o número de ascendentes e descendentes que posúe e se se trata dunha familia monoparental.
Por primeira vez as axudas terán unha duracción máxima de 12 meses e prorrogables dous anos máis, sempre que a persoa continúe a cumprir os requisitos.