Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Goberno Local mantén que as propostas do seu proxecto de orzamentos son as mellores para a cidade


# Venres, 24/10/2008
Case 105 millóns de euros para seguir modernizando a cidade e non paralizar a obra pública

* Uns orzamentos nos que se conxelan impostos e se fomenta o gasto social e o emprego

"Ante as dificultades, o Concello duplicará os esforzos". Así resumiu a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, o proxecto de orzamentos que o pasado venres o equipo de goberno lle presentou á oposición para que o estude. "É un documento riguroso e moi positivo, xa que a cantidade total está próxima aos 105 millones de euros nun contexto de crise global". A proposta feita polo Goberno local, incluíndo á Empresa Municipal de Vivenda e Solo, EVISLUSA, é de 104.983.445 euros.

Méndez defendeu que se trata duns orzamentos feitos "para as persoas, pensando no gasto social e na economía doméstica. Contén un gran esforzo, repartindo os cartos para cubrir necesidades básicas da poboación, como a axuda aos maiores ou a mellora dos centros de día. Decidimos a conxelación dos impostos máis importantes -IBI e Circulación- facendo un importante esforzo inversor sen repercutir no peto dos contribuíntes, con axudas ás empresas, pensados para axudar ao fomento do emprego".

A responsable de Economía quixo explicar polo miúdo o Plan de Investimentos que recolle a proposta do Goberno para a realización de obra pública e que supera os 22 millóns de euros -22.359.864 euros- e que supera ao do ano 2008. Este Plan que Sonia Méndez dixo que representa "un gran esforzo por parte do Concello ante unha crise global que afecta a todas as administracións" inclúe investimentos feitos directamente polo Concello -21.194.295-, e a través de subvencións concedidas a entidades ou asociacións -1.165.569-.

Sonia Méndez explicou que "o Goberno local ten como obxectivo non paralizar ningunha das obras públicas da cidade. Hai Concellos que tiveron que suspender obras importantes, e iso non podemos permitir que suceda en Lugo nun momento coma este".

O borrador de orzamentos presentado polo equipo de goberno, necesita unha maioría simple para sair adiante. A Concelleira explicou, apelando á responsabilidade política dos grupos da oposición, que a aprobación deste orzamento permitirá que "continúe a realización de importantes obras para os veciños e veciñas de Lugo, especialmente os investimento sociais e dotacións públicas. Para isto, recalcou "o Concello fará un sobreesforzo de aportación propia que garantirá a execución, e completará as cantidades co recibido das outras administracións".

As aportacións totais para estes investimentos son:

* Concello: 13.127.931 euros

* Administración Central: 1.913.066 euros

* Diputación: 1.241.151 euros

* Xunta de Galicia: 3.744.300 euros

* Europa: 2.266.749 euros

Méndez sinalou que "estas aportacións financiarán o Capítulo VI -obras feitas directamente polo Concello- e VII- obras feitas no municipio de Lugo e subvencionadas para entidades sen ánimo de lucro. O Concello trata de facer un esforzo importante para sacar adiante obras importantes como o Centro social Sanfiz, Guardería do Ceao e a nova sede da Policía".

As aportacións da Diputación correspóndense co plan Urban e con investimentos na zona rural. A Xunta, como o ano pasado, centrarase no Plan de erradicación do Chabolismo e obras en zona rural e medioambientais. Europa fai unha importante aportación mediante Fondos FEDER para Plan Urban que supera os 2 millóns de euros.

Ningunha suxerencia mellora o proxecto
A Concelleira de Economía reiterou que dende o equipo de goberno "estamos dispostos a estudar suxerencias e propostas que melloren o proxecto inicial. Aínda non recibimos ningunha e non aceptaremos aquelas que empeoren a proposta inicial ou vaian en contra dos intereses dos lucenses e da cidade".

Excplicou que o Goberno local "non está disposto a hipotecar as arcas municipais. Non podemos aumentar de maneira irresponsable o endebedamento do Concello. É necesario amortizar débedas contraídas anteriormente e non podemos comprometer a xeracións futuras deixando un Concello con débedas importantes como atopamos no 1999".

En canto á inclusión do Concello de Lugo no Consorcio de Servizos Sociais, a Concelleira lembrou que estaría supeditada ao cumprimento do Pacto Local por parte de Vicepresidencia, tal e como dixo o Alcalde en numerosas ocasións. Sonia Méndez dixo que "o Goberno Local dirixirase de maneira formal a Vicepresidencia para que dea cumprimento á normativa vixente que recoñece competencias nos Concellos en materia de servizos sociais e cumpra as súas obrigas económicas. O Concello agotará todas as vías en defensa dos intereses da cidade".

O proxecto levarase a Pleno o vindeiro 3 de novembro para garantir que o 1 de xaneiro estea aprobado. No caso de que non conte co apoio dos grupos da oposición, Sonia Méndez explicou que habería que decidir "que obras son prioritarias e cales poderían quedar supeditadas á existencia ou non de subvencións. Faríamos un reparto reducindo as cantidades e polo tanto afectando ás obras, pero nunca paralizándoas"




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova