Imprimir

CONTINÚA ABERTO O PRAZO DE PAGAMENTO VOLUNTARIO DO IBI


28/10/2008 O período remata o 20 de novembro

O Concello de Lugo mantén aberto o prazo para o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e de vados, que dende o ano pasado se fai nun período fixo, dende o 20 de setembro ata o 20 de novembro, tal e como recolle o calendario do contribuínte.

Este será o período voluntario, a partir do 20 de novembro comezará a recadación executiva que implica un recargo do 5%.

Nos recibos emitidos polo Concello de Lugo aparecen os dous períodos de pagamento coas correspondentes cantidades a pagar segundo se cumpran ou non os prazos. A primeira das cantidades corresponde ao período voluntario de pagamento (entre o 20 de setembro ao 20 de novembro) mentras que a segunda, que implica un aumento do 5%, será a cantidade a pagar a partir do 21 de novembro ao 22 de decembro.

Ao incluir as dúas cifras o Concello de Lugo permite ao cidadán realizar o pago na entidade bancaria no caso de que se pase o período voluntario e coñecer o importe a pagar con recargo.

Este ano o imposto do IBI permitirá a recadación de 14.944.454 euros en urbana o que supón un incremento do 5,17% con respecto ao ano 2007.

En canto ó número de recibos, é de 79.850 o que representa un 2,57% máis que na anualidade anterior.

En relación ao cobro do IBI en rústico terá unha recadación de 56.205,23 euros e un total de 12.832 recibos, o que supón un incremento do 0,58% do importe e do 3,18% en canto ao número de recibos.

Cobro vados
O número de recibos das taxas por aproveitamentos especiais de vehículos da vía pública suporá unha recadación de 502.733,66  euros e un total de 3.486 recibos. O prazo para o seu cobro terá o mesmo periodo de duración que do IBI, dende o 20 de setembro ata o 20 de novembro.

Medios de Pago
Para o pagamento destas taxas pódese optar por diferentes medios de pago. A Concellería de Economía puxo en marcha unha serie de medidas encamiñadas a dar máis garantías aos contribuíntes lucenses e mellorar os medios de pago coa administración local cumprindo os principios de transparencia e de claridade.

Unha das primeiras modificacións postas en marcha foi a ampliación das entidades colaboradoras no pagamento. A sinatura dun convenio con Caixanova permitiu a ampliación do número de entidades.

Outra das medidas postas en marcha foi a do pagamento online a través dunha pasarela de pago con Caixa Galicia e Caixanova. Este medio, un dos máis valorados polos contribuíntes nunha recente enquisa feita na web municipal, foi empregado no primeiro trimestre por 415 contribuíntes.

A domiciliación de recibos,  o pago a través de caixeiros -que permite pago en domingos e festivos e o pago mediante tarxeta, son outras das opcións das que dispoñen os veciños.