Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo presenta os orzamentos ao Consello Económico e Social do Concello


# Martes, 28/10/2008
López Orozco di estar sorprendido coa actitude dos grupos da oposición que terán que explicar a súa postura á cidadanía

Anuncia a apertura dun proceso de diálogo co Consorcio de Servizos Sociais para que ese non sexa o motivo de non aprobación dos orzamentos

O Alcalde reitera que Montirón non quedará sen Centro Cívico

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, presentaron o proxecto de orzamentos para o ano 2009 aos membros do Consello Económico e Social do Concello de Lugo.

López Orozco lembrou que os grupos da oposición tiveron tempo de estudar o borrador de orzamentos presentado hai 15 días “e seguen a ter ata 24 horas antes do Pleno para presentar as enmendas que consideren oportunas”.

O Alcalde repasou de novo a proposta de orzamentos, xa coñecida, e que finalmente supera os 105 millóns de euros -sumado o orzamento de Evislusa son 105.062.451,40 euros-. “Son uns orzamentos rigurosos nos que prima o gasto social, limita o gasto en funcionamento nun momento no que é preciso apretar o cinto, limita tamén o gasto de protocolo. Inclúe un gran esforzo de investimento en persoas, nos Centros Cívicos, Centros de día, que aumentarán un 40%”. O Alcalde explicou ademais que son uns orzamentos inversores “sumando os capítulos VI e VII que son de investimento en obra pública, superamos nun 0.5% ao do ano pasado, e garantimos que continúen as obras na cidade”.

Destacou obras tan importantes como:

• Sede Policía Local e Protección Civil 1ª fase, que vai a permitir a efectivización do Plan Urban no vello cárcere.

• Obras no tráfico e seguridade vial (cámaras de seguridade, fibra óptica , semáforos e control de accesos, etc): 350.000 € aprox.

• Proxectos de recuperación da zona histórica da cidade incluído o vello cárcere (Programa URBAN, anualidade 2009) : 3.461.436 €

• Investimentos en infraestruturas de iluminación pública destinados ao uso xeral da comunidade : 765.000 €

• Creación e acondicionamento de multitude de zonas verdes, incluíndo xogos infantís : 590.000 € aprox.

• Plan director do Parque Rosalía de Castro : 200.000 €

• Investimentos destinados á posta en marcha da nova potabilizadora : 1.800.000 €

• Melloras no cemiterio municipal : 275.000 €

• Museo Interactivo da Historia de Lugo : Anualidade 2009

• Instalacións deportivas novas e mantemento e mellora das actuais: 805.000 €

• Investimentos en saneamento da zona rural : 1.670.000€

• Asfaltado de pistas zona rural : 900.000 €

• 3ª Fase do investimento no Parque dos Paxariños: 600.000€

• Investimentos relativos ao novo Hospital: 325.000 €

• Rexeneración e melloras nas vías urbanas : 1.800.000 €

• Investimentos en colaboración da Rehabilitación do Centro Histórico e Sagrado Corazón: Convenios con outras administracións.

Dispostos ao diálogo
López Orozco dixo estar “francamente sorprendido cando escoita ao lider do Partido Popular afirmando que neste momento non se poden facer tantas obras e que entre as que non se poden facer están os centros sociais”.

Segundo o mandatario local “agora as administracións públicas debemos colaborar en que haxa obra para que no mundo da construción non haxa paro e as empresas podan desenvolver as súas actividades”. Ademais, López Orozco, dixo que non é negociable que un barrio como Montirón se quede sen Centro Cívico. Os orzamentos para o ano 2009 recollen o inicio da actuación no Centro Social de San Fiz, cunha primeira fase que conta cun investimento de 400.000 euros.

Nesta proposta de orzamentos, destaca o gasto previsto para cubrir as necesidades derivadas da Lei de Dependencia, cun considerable aumento do esforzo orzamentario por parte do Concello ao aumentar o crédito destinado á cobertura das necesidades do Servizo de Asistencia domiciliaria e comida no fogar, aumentando a calidade e cantidade das horas de prestación; a prestación dos servizos de xestión do novo centro en Fontiñas e o aumento das prazas de centros de Día. En relación aos investimentos en centros cívicos, o informe presentado ao Consello Económico e Social destaca, o inicio da actuación no Centro Social de San Fiz, a previsión das obras de reforma en baños en centros municipais para facelos acceibles (20.000 euros), a adquisición de pisos incluídos no Programa de erradicación do chabolismo, grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia, o investimento para a xestión da nova escola infantil de Fontiñas, así como os relativos á derradeira anualidade da escola infantil da Piringalla e o seu equipamiento en mobiliario, ademais da primeira fase da escola infantil no polígono do Ceao, equipamento da biblioteca da Piringalla (200.000 euros) e finalmente os investimentos en distintos CEIPs dentro do programa de mantemento de centros educativos.

O Alcalde explicou ademais que a construción do Museo Interactivo da Historia, é un investimento que a corto prazo fará que Lugo conte cun atractivo máis para atraer  turismo, “temos unha cidade que chama a atención e teremos un Museo da Historia de Lugo que non hai en ningún outro sitio”.

López Orozco tamén recoñeceu estar abraiado coa actitude do BNG: “non hai problemas en canto aos números, pero din que temos que entrar no Consorcio para que apoben os orzamentos. Gustaríanos saber que ten que ver unha cousa coa outra. Pero, para que vexan que o equipo de goberno ten interese en arranxar esta situación estamos abertos ao diálogo, e se aínda así non hai forma, propoñemos máis diálogo”.

O Alcalde anunciou que “seguindo o protocolo asinado con Vicepresidencia co fin de estudar si participamos ou non do Consorcio, faremos uso da cláusula que di que se pode reunir, se hai problemas, a Comisión de seguemento que pode ser convocada por calquera das partes, e convocarémola. A razón é que o Consorcio explique nesa Comisión o artigo 8 do Estatuto que o regula e que recolle que a administración directa dos centros será exercida polos Concellos integrantes do Consorcio que así o soliciten e sempre dacordo coas directrices xerais emanadas do Consorcio. Estamos totalmente dacordo con este artigo”.

Para López Orozco é fundamental que nesta xuntanza se aclaren determinadas dúbidas  “Se nos adherimos xestionaremos directamente as escolas infantís e centros de día, imos recibir o diñeiro que reciben os Concellos adheridos ao Consorcio, seguirá habendo un tribunal con 3 membros do Consorcio e 2 do Concello para a selección de persoal, poderemos participar nas normar internas e no proxecto pedagóxico ou vainos a vir imposto? Sobre esto queremos dialogar, temos fame de dálogo”.

O responsable local dixo que espera que as propostas que os grupos leven a Pleno teñan máis consistencia que as vistas polo de agora. “Se están dacordo nos números, e aberto un proceso de diálogo con Vicepresidencia, que me expliquen a min porque non se aproban os orzamentos do Concello de Lugo. Que se lle diga á cidadanía de Lugo o motivo polo que non se aproban os orzamentos. Teremos que facer encaixe de bolillos, para ter cartos, pero farémolo para continuar co progreso desta cidade”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova