Cargando....
Concello de Lugo
12/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A CONSELLERÍA DE TRABALLO INVISTE ESTE ANO PRETO DE 20 MILLÓNS DE EUROS NA CIDADE DE LUGO


# Martes, 28/10/2008
Un total de 6.833 persoas beneficiaranse dos programas de formación e promoción do emprego postos en marcha nese municipio polo departamento que dirixe Ricardo Varela

O conselleiro de Traballo e o alcalde de Lugo asinaron hoxe as bases para a posta en marcha da escola obradoiro ‘A memoria da cidade’

Traballo destina 655.000 euros a esta iniciativa, que vai permitir que 33 desempregados reciban formación especializada en deseño gráfico, restauración de libros e encadernación artesanal

A Consellería de Traballo está a destinar ao longo deste ano preto de 20 millóns de euros para a posta en marcha de diferentes programas de formación e promoción do emprego no Concello de Lugo.  En concreto, desta cifra global, o departamento que dirixe Ricardo Varela investirá 11 millóns de euros para o desenvolvemento de actividades de formación, que beneficiarán a preto de 5.600 persoas, e 4 millóns de euros para a promoción do autoemprego e incentivos á contratación por conta allea, que darán servizo a un total de 890 beneficiarios.

Por outra banda, a Consellería de Traballo tamén subvencionará diversos programas de promoción do emprego con case 4,5 millóns de euros, dos que preto de 2 millóns están xestionados directamente polo Concello de Lugo. Son en total 19,4 millóns de euros para financiar as diferentes actuacións e programas dos que se beneficiarán máis de 6.800 persoas ao longo de 2008 no Concello de Lugo.

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, fixo balance destes datos tras asinar, xunto co alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, as bases para a posta en marcha da escola obradoiro A Memoria da Cidade. O departamento laboral da Xunta de Galicia subvenciona con máis de 655.000 euros esta iniciativa, que permitirá desenvolver a dixitalización e a restauración do patrimonio documental de parte do arquivo municipal do Concello de Lugo.

A través do proxecto A memoria da cidade un total de 33 desempregados van recibir formación nas especialidades de deseño gráfico, restauración de libros e encadernación artesanal. Deles, 10 recibirán formación especializada en deseño gráfico, 8 en restauración de libros e 15 en encadernación artesanal.

Para a formación dos técnicos en imaxe dixital executaranse módulos didácticos de organización e descrición de arquivos, tratamento da imaxe dixital e lexislación. Por outra banda, os alumnos de restauración do patrimonio documental tomarán parte en módulos de arquivística, lexislación, conservación e restauración de documentos, encadernación e ética profesional de conservador e restaurador. Finalmente, para a xestión documental desenvolveranse, entre outros, módulos de evolución histórica do estudo dos arquivos, procedemento administrativo, paleografía, diplomática ou conservación e restauración de documentos.

Distribución dos orzamentos da Consellería de Traballo por áreas no Concello de Lugo - Ano 2008

 

ORZAMENTO REALIZADO

Demografía

462.669

Estabilidade

1.593.389

Igualdade

4.129.653

Mocidade

2.410.402

Parados longa duración

2.445.674

Discapacitados

442.456

Exclusión social

248.882

Reconversión

441.272

Emprendimento

2.361.814

Productividade

2.042.211

Servizo Público de Emprego

1.644.402

Seguridade e saúde laboral

1.217.500

TOTAL

19.440.324

A memoria da cidade
A memoria da cidade é un proxecto que ten como principais obxectivos aumentar os recursos informativos de cara ao cidadán e poñer en valor o patrimonio documental do concello. Entre outros cometidos, os alumnos da escola obradoiro participarán no proceso de creación do sistema de xestión documental electrónica da cidade de Lugo, dende a súa creación ata o seu arquivo, e na revisión do inventario do arquivo municipal.

Estas actuacións non só propiciarán a implantación da xestión electrónica da documentación, senón tamén a dixitalización de documentos en soporte papel para aumentar os recursos informativos e facilitar a tramitación telemática. Ao mesmo tempo continuarase co tratamento documental aplicado, co obxectivo de acadar a posta en valor do patrimonio documental da cidade e a organización da biblioteca auxiliar do arquivo municipal.

Desta maneira, a Consellería de Traballo involúcrase na conservación e mellora do patrimonio dos municipios da Comunidade, o que tamén repercute na mellora da calidade de vida dos galegos. Ademais, coa posta en marcha destas iniciativas mellórase a ocupabilidade das persoas desempregadas, de 25 anos ou máis no caso dos obradoiros de emprego e de menos de 25 anos no caso das escolas obradoiro, mediante a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

A materialización das distintas accións destes proxectos ofrece aos participantes a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional ocupacional recibida, facilitará a súa posterior integración no mercado de traballo. Os proxectos de escolas obradoiro, cunha duración de 18 meses, constan de dúas etapas: unha, de carácter formativo, e outra, de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, dirixidas á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

Grazas a estes proxectos, os alumnos e alumnas recibirán formación nas especialidades de cantería, electricidade, xardinería, pintura, carpintería, albanelería ou axente de desenvolvemento turístico. O seu traballo redundará en beneficio da comunidade, ao levarse a cabo obras e servizos de interese para todos os cidadáns.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova