O conselleiro de Traballo e o alcalde de Lugo asinaron hoxe as bases para a posta en marcha da escola obradoiro ‘A memoria da cidade’
Traballo destina 655.000 euros a esta iniciativa, que vai permitir que 33 desempregados reciban formación especializada en deseño gráfico, restauración de libros e encadernación artesanal
A Consellería de Traballo está a destinar ao longo deste ano preto de 20 millóns de euros para a posta en marcha de diferentes programas de formación e promoción do emprego no Concello de Lugo. En concreto, desta cifra global, o departamento que dirixe Ricardo Varela investirá 11 millóns de euros para o desenvolvemento de actividades de formación, que beneficiarán a preto de 5.600 persoas, e 4 millóns de euros para a promoción do autoemprego e incentivos á contratación por conta allea, que darán servizo a un total de 890 beneficiarios.
Por outra banda, a Consellería de Traballo tamén subvencionará diversos programas de promoción do emprego con case 4,5 millóns de euros, dos que preto de 2 millóns están xestionados directamente polo Concello de Lugo. Son en total 19,4 millóns de euros para financiar as diferentes actuacións e programas dos que se beneficiarán máis de 6.800 persoas ao longo de 2008 no Concello de Lugo.
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, fixo balance destes datos tras asinar, xunto co alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, as bases para a posta en marcha da escola obradoiro A Memoria da Cidade. O departamento laboral da Xunta de Galicia subvenciona con máis de 655.000 euros esta iniciativa, que permitirá desenvolver a dixitalización e a restauración do patrimonio documental de parte do arquivo municipal do Concello de Lugo.
A través do proxecto A memoria da cidade un total de 33 desempregados van recibir formación nas especialidades de deseño gráfico, restauración de libros e encadernación artesanal. Deles, 10 recibirán formación especializada en deseño gráfico, 8 en restauración de libros e 15 en encadernación artesanal.
Para a formación dos técnicos en imaxe dixital executaranse módulos didácticos de organización e descrición de arquivos, tratamento da imaxe dixital e lexislación. Por outra banda, os alumnos de restauración do patrimonio documental tomarán parte en módulos de arquivística, lexislación, conservación e restauración de documentos, encadernación e ética profesional de conservador e restaurador. Finalmente, para a xestión documental desenvolveranse, entre outros, módulos de evolución histórica do estudo dos arquivos, procedemento administrativo, paleografía, diplomática ou conservación e restauración de documentos.
Distribución dos orzamentos da Consellería de Traballo por áreas no Concello de Lugo - Ano 2008
|
ORZAMENTO REALIZADO |
Demografía |
462.669 |
Estabilidade |
1.593.389 |
Igualdade |
4.129.653 |
Mocidade |
2.410.402 |
Parados longa duración |
2.445.674 |
Discapacitados |
442.456 |
Exclusión social |
248.882 |
Reconversión |
441.272 |
Emprendimento |
2.361.814 |
Productividade |
2.042.211 |
Servizo Público de Emprego |
1.644.402 |
Seguridade e saúde laboral |
1.217.500 |
TOTAL |
19.440.324 |
A memoria da cidade
A memoria da cidade é un proxecto que ten como principais obxectivos aumentar os recursos informativos de cara ao cidadán e poñer en valor o patrimonio documental do concello. Entre outros cometidos, os alumnos da escola obradoiro participarán no proceso de creación do sistema de xestión documental electrónica da cidade de Lugo, dende a súa creación ata o seu arquivo, e na revisión do inventario do arquivo municipal.
Estas actuacións non só propiciarán a implantación da xestión electrónica da documentación, senón tamén a dixitalización de documentos en soporte papel para aumentar os recursos informativos e facilitar a tramitación telemática. Ao mesmo tempo continuarase co tratamento documental aplicado, co obxectivo de acadar a posta en valor do patrimonio documental da cidade e a organización da biblioteca auxiliar do arquivo municipal.
Desta maneira, a Consellería de Traballo involúcrase na conservación e mellora do patrimonio dos municipios da Comunidade, o que tamén repercute na mellora da calidade de vida dos galegos. Ademais, coa posta en marcha destas iniciativas mellórase a ocupabilidade das persoas desempregadas, de 25 anos ou máis no caso dos obradoiros de emprego e de menos de 25 anos no caso das escolas obradoiro, mediante a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.
A materialización das distintas accións destes proxectos ofrece aos participantes a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional ocupacional recibida, facilitará a súa posterior integración no mercado de traballo. Os proxectos de escolas obradoiro, cunha duración de 18 meses, constan de dúas etapas: unha, de carácter formativo, e outra, de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, dirixidas á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.
Grazas a estes proxectos, os alumnos e alumnas recibirán formación nas especialidades de cantería, electricidade, xardinería, pintura, carpintería, albanelería ou axente de desenvolvemento turístico. O seu traballo redundará en beneficio da comunidade, ao levarse a cabo obras e servizos de interese para todos os cidadáns.