Imprimir

A COMISIÓN DE CONTAS DICTAMINA FAVORABLEMENTE SOBRE O PROXECTO DE ORZAMENTOS E TAXAS


29/10/2008 A Concelleira de Economía aclarou que o equipo de goberno deu pasos para a aprobación e se os grupos da oposición votan en contra deberán explicalo á cidadanía

Lembrou que estos orzamentos son para Lugo non para o equipo de goberno

A Comisión de Contas -na que están representantes municipais do Goberno,  BNG e do PP- dictaminou favorablemente sobre o proxecto de orzamentos para 2009 e taxas municipais, debido á abstención dos grupos da oposición e o voto a favor do equipo de goberno.

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, deu conta dos asuntos tratados na xuntanza, e admitiu que sente certa “satisfacción, pero con cautela, xa que se este resultado se traslada ao Pleno do luns sairían adiante os orzamentos, obxectivo marcado polo goberno local”.

Explicación á cidadanía
Os orzamentos son importantes para a cidade de Lugo e a cidadanía “en caso de que os grupos da oposición voten en contra deberán explicalo ás veciñas e veciños de Lugo, xa que estarán votando en contra de obras tan importantes como o Centro Cívico de San Fiz, Escola Infantil de O Ceao, saneamento do rural, nova sede da policía local…e un longo etcetera. Tamén estarían votando en contra dun aumento do gasto social”, tal e como recolle este documento.

A non aprobación dos orzamentos implica que o Capítulo de Investimentos non se prorrogue, e que o Goberno local se vexa na obriga de seleccionar e priorizar as obras que se levarán a cabo. A responsable de Economía lembrou que “como xa dixo o Alcalde, faremos encaixe de bolillos para que as obras de Lugo non se paren. Non é o momento de que a obra pública se deteña e o Concello fará o posible para que continúe o traballo”.

Méndez lembrou que o equipo de goberno escoitou “e deu pasos dende o primeiro momento para lograr o apoio dos orzamentos. Nas xuntanzas realizadas esperabamos propostas viables por parte dos grupos, algunhas delas xa se recollen nos orzamentos. O PP non fixo ningunha proposta formal, pero estamos dispostos a esperar ata o luns a primeira hora para que vexan que o interese do goberno é que se aproben os orzamentos de Lugo”.

En canto ao BNG, Sonia Méndez aclarou que, “están dacordo co 99% do orzamento. Poñen como condición, o cal é chamativo xa que é un asunto que nada ten que ver cos orzamentos, a adhesión do Concello ao Consorcio de Servizos Sociais” . Neste senso a Concelleira presentou a carta que o Alcalde lle remitiu xa a Vicepresidencia na que convoca a Comisión Mixta do Consorcio para estudar o artigo 8 dos seus Estatutos, que recolle a administración directa dos centros aos Concellos. “O Alcalde da o primeiro paso, para que esto non sexa un obstáculo que o BNG empregue para non apoiar os orzamentos da cidade. Se se garante esa administración directa o Concello adherirase a ese Consorcio e o  BNG xa o sabe”.

A Concelleira dixo ter esperanzas na aprobación destes orzamentos que irán a Pleno este luns 3 de novembro, “importantes para Lugo nun momento de crise. Os grupos da oposición deben darse conta de que son os mellores que se poden presentar neste momento”.