Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O ciclo "Músicas a Carón da Mosqueira" inicia o curso con oito novos concertos que achegarán a música clásica ao público en xeral


# Venres, 31/10/2008
O concerto inaugural será o vindeiro luns 3 no Círculo das Artes

O ciclo ‘Músicas a Carón da Mosqueira’ iniciará a vindeira semana a súa programación de concertos para o presente curso académico 2008-2009. Esta iniciativa está enmarcada no Convenio Lugo Cultural que conforman o Concello de Lugo, a USC, Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Fundación Caixa Galicia.

O ciclo é unha proposta coa que se pretende achegar ao público en xeral a música clásica, tanto en forma de propostas convencionais como a través doutras máis innovadoras. Así, nas citas programadas, o público atopará propostas de grande interese e novidade como o Dúo de Reis de piano e órgano, ou combinacións de arpa con canto e narración, pasando polo Cuarteto Qvixote de corda ou o encontro do piano con voz, trombón ou violonchelo. Nesta ocasión o ciclo trae a Lugo un total de oito concertos que se celebrarán con entrada libre ata maio de 2009.

O programa de concertos foi presentado pola Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo; o vicerreitor de Cultura, Elias Torres, acompañado polo delegado de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico, Deporte, Normalización Lingüística e Ensino da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; o xefe do Servizo de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia , Rafael Vizcaino; e o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.

O concerto inaugural celebrarase o vindeiro luns, día 3 de novembro, a cargo da pianista Laura Bolzoni e a soprano Sandra Ferró ás 18:00 horas no Círculo das Artes. O resto dos concertos celebraranse ás 20:30 horas na sede da Fundación Caixa Galicia e no Salón Rexio do Círculo das Artes os primeiros luns de cada cada mes, agás no período de Nadal e semana santa que será o segundo luns. O concerto de clausura será o 9 de maio cun concerto que os organizadores cualificaron como “de luxo”, e que se celebrará ao aire libre na Praza de Santa María.

Programa
A seguinte cita do ciclo será o 1 de decembro cun concerto de trombón e piano protagonizado por Santi Novoa e Ramón López e no que interpretarán pezas de Axel Jorgensen, Stjepan Sulek, Camille Saint-Saëns e Erik Larsson. Xa o 12 de xaneiro, Fernando Arias e M. A. Ortega, violonchelo e piano, vertebrarán o súa proposta musical sobre pezas de Schumann, Stravinski, Bach e Gaspar Cassadó.

O día 2 de febreiro de 2009 o Cuarteto Qvixote ofrecerá un concerto de corda con pezas de Haydn, Casablancas e Janácek. Seguiralle a arpa de José Antonio Domené o 2 de marzo para interpretar a E. Parish Alvars, Godefroid, Pierné, Guridi, Gombau, Britten e M. Martínez. ‘Miniaturas mediaviais lais anónimos bretóns e de María de Francia: Arpa, canto e narración’ será o tema elixido para a sesión do 13 de abril.

María Teresa Sierra e Raúl Prieto serán quen protagonicen o 4 de maio o ‘Dúo de reis: Piano e órgano’, nun concerto no que o Círculo das Artes encherase dos compases de Charles M. Widor, Denis Bédard, Jean Langlais, Vladimir Horowitz, Marcel Dupré e George Gershwin.

Oferta musical para Lugo
‘Músicas a carón da Mosqueira’ vén complementar a oferta musical que Lugo Cultural desenvolve na cidade da muralla romana ao longo de todo o calendario académico e que se completaría con ‘Lubican’, con actuacións de grupos galegos; ‘Entre Lusco e Fusco’ orientado á recuperación de espazos escénicos; e co ciclo de Músical Experimental.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova