Imprimir

O CONCELLO DE LUGO VESE OBRIGADO A PRORROGAR OS ORZAMENTOS DEBIDO AO VOTO EN CONTRA DA OPOSICIÓN MUNICIPAL


4/11/2008 A prorroga obrigará ao Concello a reorganizar as partidas para que a cidade non sufra en época de crise e vexa paralizada a obra pública

A Concelleira de Economía apelou á responsabilidade dos grupos da oposición para non deixar á cidade sen novos orzamentos “que estean á altura das circunstancias”

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, explicou ao Pleno do Concello a proposta do equipo de goberno para os orzamentos do ano 2009. O Goberno local consegue incrementar nun 4% o orzamento consolidado, chegando á cifra de 105.062.451 euros, incluído  EVISLUSA.

Segundo a responsable de Economía trátase dun orzamento “para tempos de crise económica: axustado e contido, con incremento do gasto social, mantemento dos investimentos en dotacións públicas e importantes reduccións no gasto voluntario. Logramos isto sen incurrir en déficit presupostario, teremos un orzamento equilibrado en ingresos e gastos. Un orzamento no que o gasto social, o programa URBAN e a auga de calidade son os protagonistas”.

Proposta de orzamentos
Ingresos
No relativo aos ingresos, máis da mitade dos ingresos proceden de tributos municipais. Méndez explicou que “isto é moi satisfactorio para o goberno local se temos en conta que non se carga sobre o peto do contribuínte: a política de contención fiscal levada a cabo por segundo ano consecutivo, coa conxelación do IBI e do imposto de circulación, os tributos que son soportados por un maior número de contribuíntes, xa que ascende a 150.000 o número destes recibos”.

A pesar da conxelación, os servizos económicos prevén que a recadación non só non se vexa mermada, senón que se incremente por novas altas debidos en boa parte á modernización levada a cabo na Facenda local hoxe máis transparente e con información, coa guía do contribuínte e máis facilidades de pago, como o pago a través de Internet ou con tarxeta… Pero tamén cun control rigoroso do fraude, de xeito que “se pagamos todos, pagaremos menos”.

Por outra banda, prevese un descenso na recaudación por licenzas urbanísticas. “Realizamos unha previsión pesimista, para non ter resultados inesperados, cun descenso de recaudación dun 15%”. Se compensan coa implantación de novas taxas para operadoras de telefonía móvil e prezos públicos por entrada a museos municipais.

Outros ingresos
Prevese o mantemento das transferencias doutras administracións para o ano 2009. Ademais das ordinarias, en 2009 teremos 700.000 procedentes do Fondo Social Europeo que destinaremos a políticas activas de emprego que beneficiarán como mínimo a máis de 300 persoas. Destacan tamén os 780.000 euros da Xunta para adquisición de vivendas sociais.

A Concelleira de Economía, explicou que “o programa URBAN constitúe unha inxección económica importante para a cidade de Lugo. Nestes momentos en que as cidades loitamos a través da FEMP e da FEGAMP por mellorar a financiación municipal, o Concello de Lugo disfruta dunha posición máis forte frente a outros, debido á consecución deste proxecto de máis de 15 millóns de euros. Para o ano 2009 a Deputación aportará 500.000 e o Ministerio de Economía 2.266.000 euros”.

O resto de ingresos corresponden a anualidade que ingresará a Xunta polos terreos das Gándaras conveniados co Concello para a construción dun parque empresarial.

O gasto social medra un 40%
Realízase un importante esforzo de redución do gasto que se destina a funcionamento, representación, actividades ou gasto voluntario: redúcese nun 12%, o que equivale a 500.000 euros. O mesmo ocorre cos gastos de mantemento, oficina, consumo, etc.

Pola contra, o gasto social, lonxe de verse mermado, increméntase para atender ás familias e colectivos máis desfavorecidos: refórzanse servizos como a axuda no fogar, prazas nos centros de día, programas de emprego e aumenta tamén o número de centros cívicos aos que poden dirixirse as persoas que o necesiten, tanto na zona rural coma na urbana.

Ademais, mantéñense as obras públicas máis importantes. A obra pública municipal, xeradora de riqueza, contribuirá a dinamizar os postos de traballo do sector da construcción, un dos máis afectados pola crise.

Gasto de persoal (capítulo 1)
Recolle un incremento salarial para o persoal do Concello dun 2%. Inclúese no concepto de extra o 100% do complemento de destino e o 100% do complemento específico para as pagas extraordinarias, de acordo coa lei de orzamentos do Estado para o ano 2009.

Inclúese a nocturnidade e reestruturación da Policía.

Pola contra, conxélanse as retribucións dos políticos, directores xerais e funcionarios de emprego con soldo de grupo A.

Cubriranse 70 prazas vacantes no 2009, Sonia Méndez dixo que se trata de “70 postos de traballo que serán cubertos de xeito permanente e indefinido. O que implica estabilidade no emprego nun momento de gran inestabilidade xeral”.

Aumenta o plantel de persoal para programas de emprego, “unha das prioridades deste orzamentos”: máis de 20 Técnicos dedicados á inserción laboral e a creación de empresas na nosa cidade, incluidos os xestores do Pacto local polo emprego. Dirixirán programas de emprego que contribuirán á inserción laboral de máis de 400 persoas. O obxectivo: paliar o problema de desemprego en colectivos con máis dificultades a través da formación e a capacitación profesional en novos nichos de emprego.

Gasto corrente (capítulo 2)
Contención do gasto corrente que só se incrementa por debaixo do IPC: un 4,4% , sen que supoña un menoscabo na calidade na prestación de servizos públicos.

O gasto corrente podemos dividilo en: 1.- gastos de mantemento ordinario do Concello (oficina, suministros, instalacións, ferramenta, mobiliario), 2.- gastos diversos para actividades e 3.- traballos realizados por empresas. 

Os dous primeiros conceptos vense reducidos de xeito importante: conxélanse todas as partidas e os gastos diversos redúcense nun 12% para 2009.

Só aumentan os gastos derivados de contratos con empresas, por ter sido ampliadas as prestacións e o número de centros e pola suba do IPC. Esta redución dun 12%- 500.000 euros prodúcese ademais nun presuposto no que sube o gasto destinado a atender as obrigas do canon hidrográfico. 

Os gastos xerais de representación, institucionais ou de protocolo, xa moi axustados, descenden nun 13%.

Sonia Méndez resumiu a proposta nun “esforzo de austeridade e contención do gasto, tendo en conta que o Concello ten uns gastos obrigatorios que asumir en boa parte destinados a gasto social”.

Subvencións (capítulo 4 e 7)
O Concello quería con este borrador facer un gran “esforzo para manter as subvencións destinadas a asociacións. Aumentan as axudas á cooperación ao desenvolvemento nun 16%. Aumentan tamén, nun 30%, as axudas para accesibilidade de vivendas que xestiona EVISLUSA. A maiores, propoñemos becas para 350 participantes do proxecto Lugo emprego activo que ascenden a 270.562 euros ou para participantes na escola taller a memoria da cidade, 30.937 euros”.

Investimentos (capítulo 6)
A pesar da crise económica, con este proxecto de presuposto conseguimos non paralizar ningunha obra pública.

Destacan:

o          Urban: 3.561.436, euros segundo a senda financiera marcada polo Ministerio (Concello 694.687, resto deputación e ministerio)
o          1ª fase Nova sede policía: 1.670.000
o          1ª fase Novo centro cívico en Sanfiz: 400.000
o          Adquisición pisos erradicación chabolismo: 659.600
o          1ª fase Nova escola infantil no Ceao: 100.000
o          Xogos infantís, novos parques, rotondas, etc.: 587.000 euros
o          1ª fase Plan director do parque Rosalía: 200.000
o          Parque Paxariños-3ª fase: 600.000
o          Equipamento biblioteca Piringalla: 200.000
o          MIHL: 585.573
o          Instalacións deportivas: 800.000
o          Saneamento rural: 1.970.000
o          Asfaltado de pistas: 900.000
o          Rúas nos barrios: 2.549.000

A este investimento directamente realizado polo Concello, debemos sumar o realizado por outras entidades con subvención do Concello: 1.165.569. suma investimento: 22.359.804 euros, superior ao do 2008 – 22.195.845. aumenta 163.959 euros.

O Consorcio premio ou castigo
A Concelleira de Economía rematou a súa intervención solicitando que os grupos “estivesen á altura das circunstancias e que permitisen que os orzamentos sairan adiante porque son bos para a cidade de Lugo”. Sonia Méndez lembrou que “o Partido Popular non presentou nin unha soa proposta nos 17 días que tivo para estudar os orzamentos, e o BNG chantaxeanos cun millón de euros procedentes do Consorcio de Servizos Socias. Que lle expliquen á cidadanía de onde sae ese millón de euros: é un regalo por entregar ao Consorcio unhas competencias que a lei atribúe ao Concello?, ou é un castigo no caso de non entrar?. Porque os fondos están asignados para que a xunta os distribúa en función das necesidades das poboación e do territorio e non de premios ou castigos por adhesións. Se teñen ese millón de euros que non o garden nun caixón, que o traian a Lugo”.
 
Sonia Méndez lembrou que o Alcalde de Lugo xa solicitou, “para que esto non sexa a excusa do BNG de non aprobar os orzamentos”, unha reunión da Comisión do Consorcio para estudar un posible acordo.

Méndez rematou pedíndolles o apoio aos orzamentos “se deciden non apoiar os orzamentos de Lugo, terán que explicarllo vostedes á cidadanía”

Na votación o PP e o BNG votaron en contra da aprobación do orzamento xeral do Concello de Lugo correspondente ao exercicio do ano 2009 e o PSOE a favor, non conseguíndose a súa aprobación.

A prórroga dos orzamentos implica que se prorroguen todos os capítulos tal e como estaban recollidos no documento inicial para o 2008, excepto o capítulo VI de investimentos. Nesta situación o Alcalde xa manifestou noutras ocasión que “faremos encaixe de bolillos para que a cidade siga no seu proceso de modernización e non se paralicen as obras”. Será necesario unha priorización de obras tendo en conta que o Concello conta cos cartos deste ano do Plan Urban e da anualidade dos terreos das Gándaras, pero non con diñeiro novo.