Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O SOLAR DO HOSPITAL XERAL DE LUGO ACOLLERÁ UN CENTRO DE SAÚDE E UN PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA


# Mércores, 05/11/2008
A conselleira de Sanidade e o alcalde presidiron hoxe a constitución da Comisión de Seguimento Servizo Galego de Saúde - Concello de Lugo

Esta comisión repasará os investimentos e os cambios que na xestión da sanidade pública se están a producir

A cidade contará cun novo centro de saúde Sagrado Corazón e ampliaranse os centros de San Roque e da Praza de Ferrol

O Servizo Galego de Saúde investirá no novo Hospital Xeral de Lugo máis de 225 millóns de euros

As obras do novo hospital están executadas ao 85 por cento

A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, e o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, encargáronse esta mañá de presidir a primeira reunión da Comisión Técnica de Coordinación Servizo Galego de Saúde - Concello de Lugo. No transcurso deste encontro, María José Rubio Vidal confirmou que as dependencias do actual Hospital Xeral seguirán mantendo o seu uso sanitario e anunciou que está planificada a apertura dun novo centro de saúde aproveitando estas dependencias. Do mesmo xeito, a conselleira e o alcalde coincidiron en poñer en valor que as obras do novo hospital de Lugo están xa executadas ao 85 por cento.

A comisión hoxe constituída ten como obxectivo facer un seguimento das distintas actuacións que está a levar a cabo a Sanidade pública galega na capital luguesa e deste xeito fomentar a participación real. Tamén mellorar a eficiencia na xestión de proxectos nos que é precisa a colaboración da Administración local; e mellorar a lexitimidade destes proxectos a través dunha canle de diálogo construtivo e permanente. 

Novo centro de saúde, máis persoal e melloras en infraestruturas
Así, dentro deste repaso ás actuacións pasadas, presentes e futuras da Sanidade pública galega na cidade de Lugo, a conselleira de Sanidade ratificou que o solar que actualmente ocupan as dependencias do Hospital Xeral manterá o seu uso sanitario, e se abrirá un novo centro de saúde e o Punto de Atención Continuada de Lugo, logo da cesión dos terreos por parte do Concello. Este centro atendería a unha parte da poboación que actualmente é atendida no centro de saúde de A Milagrosa, a outra parte da poboación de Fingoi, e unha parte de Illas Canarias, mellorando así a calidade de atención de todos os veciños e veciñas de Lugo.

Do mesmo xeito, a conselleira de Sanidade, o alcalde de Lugo, e os demais representantes da Sanidade pública galega e da Administración local falaron da posibilidade de abrir un novo centro de saúde no Sagrado Corazón; ao tempo que se tratou da ampliación dos centros de saúde de San Roque ou a construción dun novo en San Fiz, cubrindo así as necesidades do crecemento da poboación da zona cun incremento de profesionais, e o da Praza de Ferrol, que contará con matrona, traballadora social e hixienistas dentais.

Durante a xuntanza, María José Rubio Vidal e Xosé López Orozco tamén fixeron un repaso das melloras levadas a cabo na Atención Primaria de Lugo en virtude do Plan de Mellora da Atención Primaria. Por unha banda, abordaron o incremento de 29 profesionais no cadro de persoal da cidade, en concreto un total de sete profesionais de medicina familiar e comunitaria, un profesional de pediatría, outro de odontoloxía, un farmacéutico e unha matrona. Ademais, os centros de saúde da capital luguesa tamén se reforzaron con 13 ATS/DUE, dous hixienistas dentais, un profesional de traballo social, e cinco profesionais de servizos xerais.

A conselleira de Sanidade tamén destacou que o seu departamento reforzou o equipamento en cada un dos centros de saúde de Lugo. Así, implantouse o acceso á historia clínica electrónica para todas as consultas médicas dos centros de saúde de Lugo, e tamén para as consultas de enfermería dos centros de A Milagrosa e Fingoi. Ademais, renováronse os equipos informáticos de todos os centros de saúde, así como aparataxe de espirómetros, pulsioxímetros ou desfibriladores.

No tocante á mellora das infraestruturas, o Servizo Galego de Saúde realizou obras de ampliación ou mellora, así como renovación de equipos en todos os centros de saúde, destinando un orzamento total de 799.500 euros. Desta contía total, destaca a inversión de 95.000 euros na renovación dos equipos de odontoloxía nos centros de Illas Canarias, Fingoi e San Roque; e as reformas realizadas no Punto de Atención Continuada de Fingoi, onde se ampliaron as consultas enfermería, ao tempo que se reformou a consulta do hixienista dental do centro de Fingoi, cun investimento de 276.000 euros. O resto da inversión destinouse a facer adaptación de espazos e remodelacións varias nos centros de saúde da Milagrosa, Illas Canarias, Praza do Ferrol, e Sagrado Corazón.

A conselleira de Sanidade tamén destacou as melloras que están a supoñer para a Atención Primaria de Lugo, o desenvolvemento do Plan de Atención Integral á Saúde da Muller en todos os centros coa implantación de xeito piloto da guía do cancro de cérvix.

Novo Hospital de Lugo
No ámbito da Atención Especializada, a principal actuación que está a acometer o Servizo Galego de Saúde na cidade é o novo hospital, que ten xa executado o 85 por cento das súas obras coa tabiquería rematada en todos os edificios, excepto na área industrial. Deste xeito, as áreas de hospitalización, consultas e bloque administrativo están practicamente rematados.

María José Rubio Vidal destacou que para o ano 2009, o investimento nesta infraestrutura será dun total de 38.887.504, consignados nos Orzamentos da Comunidade Autónoma. Calculase que o investimento global no novo hospital de Lugo ascende a máis de 225 millóns de euros.

O novo edificio cuadriplicará en superficie total construída ao Hospital Xeral, e dispoñerá de tres novos servizos: medicina nuclear, hemodinámica e radioterapia. Tamén permitirá a ampliación en servizos como quirófanos -pásase de 13 a 20 quirófanos e de 12 camas de espertar a 21- ou as salas para a humanización do parto, así como 19 postos máis de diálise. Ademais, contarase con 60 camas máis de hospitalización e 18 camas máis de UCI-REA.

Rubio Vidal tamén destacou que o novo hospital contará cunha unidade punteira en oncoloxía, que permitirá a abordaxe integral de toda a patoloxía oncolóxica, sen necesidade de que os pacientes teñan que desprazarse fóra da cidade ou provincia. O complexo tamén acollerá varios hospitais de día, que implicarán un importante incremento de postos, ao pasar dos 43 actuais a 80 que terá o novo centro.

Ademais, María José Rubio tamén fixo referencia ás melloras introducidas sobre o proxecto inicial do novo Hospital Xeral, como a reforma do bloque cirúrxico, pasando a ter dous quirófanos intervencionistas, necesarios para a Hemodinámica; a modificación da zona de Tocoloxía para preparala para a asistencia ao parto natural, ou a gardería.

A titular da Sanidade pública galega asegurou que ademais do novo hospital, a Atención Especializada en Lugo está a experimentar outras melloras. Rubio Vidal explicou así mesmo que dende o ano 2005, o incremento de persoal no Complexo Hospitalario Xeral-Calde foi de 120 profesionais, en concreto 53 facultativos, 60 enfermeiras, dous profesionais de xestión e servizos e 15 residentes máis en formación.

No tocante á informatización, María José Rubio Vidal asegurou que na actualidade, un total de 733 profesionais (503 facultativos, 143 auxiliares administrativos, e 87 ATS) contan con acceso a IANUS.

Os principais traballos de mellora de infraestrutura realizados foron no Materno onde se reformaron as unidades de prematuros, illados e UCI; as consultas de pediatría; e o Hospital de Día de Oncoloxía. Ademais, no Hospital de Calde reformouse o segundo andar do Hospital de Día de Neumoloxía, reformouse parte da unidade de coidados paliativos, e realizouse o saneamento da rede da zona sur.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova