Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

As VII Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero centraranse no ámbito da prevención


# Mércores, 05/11/2008
A artista Diana Navarro ofrecerá un concerto o día 27 de novembro

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, presentou hoxe as VII Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero que terán lugar en Lugo do 24 ao 26 de novembro. As xornadas centraranse no tema da prevención da violencia machista, “o obxectivo é sensibilizar, sacar conclusións e poñer en común medidas que funcionen e continuar a traballar para acabar con esta lacra social”.

A Concelleira afirmou que “a violencia de xénero segue a ser un déficit democrático, unha violencia que se dirixe contra as mulleres polo feito de ser consideradas polos agresores como carentes de dereitos e de liberdades, de respeto e de capacidade de decisión. A conquista da igualdade e o respeto á liberdade humana, é polo que temos que seguir traballando e aumentando os recursos”.

Neste senso, o Concello de Lugo organiza estas xornadas que se abrirán co relatorio da avogada e presidenta da Fundación Themis de Mujeres Juristas, Altamira Gonzalo, sobre os tres anos de vixencia da Lei Integral contra a Violencia de Xénero. A Delegada provincial da Consellería de Traballo en A Coruña, María Debén, presentará as políticas de emprego como instrumento para combater a violencia contra as mulleres.  A Asesora do Ministerio de Igualdade e profesora de Socioloxía, Rosa Cobo, falará despois da inauguración oficial , sobre as novas formas de violencia de xénero.

A primeira das xornadas rematará coa proxección da película Quiero ser como Beckham para facer reflexionar aos asistentes sobre a base das desigualdades existentes entre homes e mulleres na educación recibida, e ese desequilibrio como a orixe da violencia de xénero.

O martes 25 de novembro comezará coa ponencia de María José Castro, traballadora Social da Casa da Muller do Concello de Lugo que falará sobre a prevención da violencia dende os Servizos Sociais. A xornada continuará co relatorio “Prevención e atencións sanitarias ás mulleres en situación de violencia de xénero” a cargo de María Isabel Graña, responsable autonómica de violéncia de xénero, e coa ponencia de María Elena Beiro, Directora do IES Cuenca del Nalón, sobre o Plan de Prevención contra a violencia de xénero.

O acto principal da xornada terá lugar ás 13.15 horas coa ofrenda floral como homenaxe ás víctimas de violencia de xénero na Praza de Santo Domingo.

Xa pola tarde terá lugar unha función teatral na que se representará Misere, qe servirá de base para o debate posterior sobre a temática da obra coa protagonista da mesma.

A última das xornadas comezará coa ponencia “Violencia de xénero e medios de comunicación, unha relación controvertida” a cargo de Isabel Menéndez, experta en políticas públicas e igualdade.

Ás 11.30 terá lugar unha mesa redonda sobre as propostas de prevención dende o ámbito local, provincial e estatal coa participación de diferentes expertos.

A clausura das xornadas terá lugar ás 13:00 horas da man da Directora Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia e outras autoridades.

Para participar nestas xornadas haberá que enviar a folla de inscrición antes do 21 de novembro ao FAX 982 297 413, ou entregalo persoalmente na Casa da Muller do Concello de Lugo sita na Avenida da Coruña nº 212.

O cartel anunciador destas xornadas foi elexido a través dun concurso de deseño gráfico co que se tratou de fomentar a participación da cidadanía e sensibilizar así a un maior número de persoas.

A Concelleira tamén anunciou que dentro das actividades organizadas polo Concello con motivo do Día Contra a Violencia de Xénero o 27 de novembro, a artista Diana Navarro ofrecerá un concerto ás 21.00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. O prezo das entradas será de 5 euros e poderá mercarse na Casa da Muller entre as 9 e as 14:00 horas e no Centro de Interpretación da Muralla entre as 10:30 e as 14:00 horas en horario de maña´e entre as 16:30 e as 20:00 horas.

Por outra banda, o sábado 29 de novembro, a partir das 10:30 horas terá lugar na planta baixa do Mercado de Abastos Municipal o Primeiro Encontro de Mulleres Rurais Emprendedoras.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova