Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Muller presenta o II Plan de Igualdade entre mulleres e homes do Concello de Lugo


# Venres, 07/11/2008
Supón un compromiso máis do goberno de Lugo co respecto á igualdade en todas as áreas e concellerías, así como a accesibilidade e a participación

A Concelleira de Muller e Benestar social, Carmen Basadre, presentou o II Plan de Igualdade do Concello de Lugo “un compromiso de todo o equipo de goberno e do Alcalde en particular, por introducir prácticas de igualdade no exercicio da responsabilidade política”.

Trátase dun Plan que recolle 9 áreas de traballo con obxectivos específicos a conseguir, e que se divide en 3 liñas: transversalidade, accesibilidade á información e aos recursos públicos e privados e participación e aproveitamento. Recolle un total de 120 medidas concretas para acadar os 25 obxectivos que se van levar a cabo no conxunto das nove áreas de intervención consideradas.

 Este II Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Lugo, é unha continuidade do I, e forma parte do conxunto de políticas que tanto dende o ámbito internacional, europeo, estatal, autonómico como local se impulsan para lograr que a igualdade legal se converta en igualdade real e efectiva.

Todas estas políticas contribuíron para sensibilizar á sociedade sobre a non discriminación en materia de xénero e entender que a igualdade de oportunidades é unha cuestión de xustiza social, fundamental para o desenvolvemento dunha sociedade.
A igualdade require dunha profunda modificación de actitudes e cambio de mentalidades de axentes sociais, organismos públicos e privados e, en definitiva, de toda a cidadanía. Carmen Basadre destacou que “colaborar por este cambio é un dos obxectivos que se marca o Concello de Lugo, pero é preciso que toda a sociedade se implique na súa promoción, incluídos os medios de comunicación, que ocupan unha posición fundamental neste traballo”.

Un dos pasos a dar e que concretou a Concelleira de Muller, foi a modificación da documentación administrativa adaptándoa a unha linguaxe non sexista. Neste senso, Carmen Basadre lembrou que o Concello editou hai un par de anos unha Guía con recomendacións para o uso dunha linguaxe non sexista. “Debemos incorporar os obxectivos da igualdade de oportunidades ás políticas xerais, é necesaria a incorporación da perspectiva de xénero na propia xestión interna do Concello. Pero, sen vontade política non é posible sacar isto adiante, por iso é tan importante o compromiso feito polo Alcalde e o seu goberno”.

Para desenvolver o Plan levarase a cabo a formación previa das persoas que integrarán a perspectiva de xénero nas accións e actuacións levadas a cabo dende o Concello. O obxectivo deste Plan é que as mulleres participen na vida pública e nos procesos de toma de decisións e que a propia Administración se converta nun modelo de respecto á igualdade creando unha cultura de traballo sensible ás diferenzas de xénero.

Este Plan pretende avanzar na eliminación de obstáculos que impiden ás mulleres acceder a todos os ámbitos da sociedade co mesmo nivel de responsabilidade,  Carmen Basadre destacou “ás mulleres que sofren maior discriminación (inmigrantes, xitanas, mulleres con discapacidade, privadas de liberdade, prostituídas, monomarentais, drogodependentes, etc.). Entre todas e todos debemos camiñar na procura da igualdade entre mulleres e homes de Lugo”.

Este II Plan conta con obxectivos que se comezarán a poñer en marcha en breve, e que serán controlados por unha Comisión de seguemento e un Foro Cidadá no que estarán representados os medios de comunicación e a cidadanía. Basadre dixo que “o anterior Plan tivera un cumprimento do 80%, e neste trataremos de chegar ao 100%”. Explicou que os cambios de visión de xénero fanse evidentes en moitos sectores e que existe “unha maior sensibilización co tema da igualdade e sobre todo cos temas relacionados coa violencia de xénero”.

Carmen Basadre tamén anunciou  a posta en marcha dun Observatorio Municipal que estude o modelo social existente en Lugo “necesitamos saber para quen vai dirixido este plan, que modelo social temos en Lugo para así concentrar todos os nosos esforzos sabendo a quen nos diriximos”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova