Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Pleno do Concello de Lugo outorga a confianza vinculada aos orzamentos ao equipo de goberno que lidera López Orozco


# Luns, 10/11/2008
O Alcalde destaca que a oposición tivo case un mes para facer propostas, e diálogo e negociación constantes

O Excelentísimo Pleno en sesión extraordinaria outorgou a confianza ao equipo de goberno do Concello de Lugo que dirixe José López Orozco, aprobando así os orzamentos anuais municipais para o ano 2009. O Goberno lucense, contou co apoio do Grupo Municipal Socialista e a abstención do Grupo Municipal do BNG, o que foi suficiente para considerar outorgada a confianza e aprobar as contas muncipais para o ano 2009.

O Alcalde de Lugo anunciou o pasado 4 de novembro, logo de que a oposición votase en contra dos orzamentos para o vindeiro ano, que plantexaba ao Pleno unha cuestión de confianza vinculada a eles, para evitar que a cidade de Lugo se quedase sen presupostos novos nun ano tan difícil economicamente como o que se aveciña.

López Orozco explicou que se poñían por riba os intereses dos lucenses e se abría a posibilidade de que os grupos da oposición presentasen unha alternativa ao proxecto “puxen o meu cargo a disposición do Pleno, e fora como fora o fin sería que Lugo tería orzamentos”.

O borrador de orzamentos presentado no Pleno de hai unha semana, supera os 105 millóns de euros, e incide sobre aspectos e necesidades que se fan máis evidentes no contexto de crise actual. Destaca o gasto social, que representa o 40% de todo o orzamento, o fomento de políticas activas de emprego ou a reducción de gastos de funcionamento, aos que se debe renunciar nun momento de crise. Trátase dun proxecto adaptado ás necesidades previsibles do 2009.

López Orozco suliñou que aínda que se pode gobernar cun orzamento prorrogado, non é o mellor momento para facelo xa que requeriría renunciar a parte dos proxectos e da obra pública ou incrementar a débeda, e ademais obrigaría a buscar financiamento para o capítulo VI de investimentos que non é prorrogable.

O mandatario lucense reiterou que esta cuestión de confianza se plantexaba por responsabilidade política. Trátase dunha alternativa recoñecida pola lei para evitar bloqueos en aspectos tan importantes como son os orzamentos dun concello. López Orozco explicou de novo que “Lugo non pode quedar sen orzamentos, se non lles valían os nosos, propuxemos que plantexasen unha alternativa, pero que aportasen á cidade e non restasen”.

Agradeceu o apoio do BNG que permitiu que se outorgase a confianza ao equipo de goberno coa súa abstención, e lembroulles aos populares que igual que “o ano pasado recoñecín que era unha satisfacción contar con eles para sacar adiante os orzamentos, este ano teño que decirlles que me sorprenden negativamente. Non presentaron nin unha soa proposta e xustifícano dicindo que en 25 días non foron capaces de facer nada. Que deixen claro se traballan por Lugo ou por Madrid”.

A votación final, coa abstención do BNG, permitiu que se outorgase a confianza e que se aprobasen provisionalmente os orzamentos que serán publicados no Boletín Oficial da Provincia. Deste xeito a cidade de Lugo conta con novos orzamentos, que aumentan un 4% con respecto aos do ano pasado -105.062.451 euros-  e que apostan decididamente polo gasto social, o fomento do emprego, a auga de calidade e a continuidade da obra pública tan necesaria neste momento “en que a construción non pasa por un bo momento o que repercute na destrución de emprego neste sector”. López Orozco lembrou ademais que o equipo de goberno de Lugo abriu un proceso de diálogo “no que se pediu a participación de todos os grupos, uns non fixeron ningunha proposta -referíndose ao PP- e outros decidiron rectificar hoxe e absterse na votación. Nós, penso que xa explicamos a nosa postura.”

Os orzamentos, tal e como se plantexou dende o primeiro momento, entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2009.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova