Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O cantautor Paco Ibáñez será o protagonista do VIII Aniversario da Declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade


# Xoves, 13/11/2008
Será no Auditorio Municipal Gustavo Freire o 30 de novembro

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, o director de comarca Lugo de Caixanova Jesús Fernández Vidal, e o director territorial A Coruña-Lugo, Gabriel González Eiroa, anunciaron hoxe que con motivo do VIII Aniversario da declaración da Muralla de Lugo pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade actuará na cidade o cantautor valenciano Paco Ibáñez. O concerto terá lugar no Auditorio Gustavo Freire o  30 de novembro, ás 20:30 horas.

O cantante dedicou prácticamente toda a súa traxectoria artística a realizar versións musicadas de poemas de autores españois e iberoamericanos, tanto clásicos como contemporáneos con verdadeiro talento. Interpretou coa súa voz grave e espírito independente e libre, obras de Brassens en castelán, Jorge Manrique, Neruda, Quevedo, Goytisolo ou León Felipe .

A obra de Ibáñez é dificil e arriscada xa que cantar un poema é arriscado para calquera artista, sen embargo, o cantautor sabe acompañar á perfección os poemas coa música convertendo os seus recitais nun espazo no que o público parece transportado ao momento no que se escribiron as poesías.

A voz do valenciano converteuse en mítica para moitas persoas a partir do seu concerto no Olympia de París no ano 1969. Francia acolleu ao artista nos seus inicios, cando a forza das letras que escollía e da súa interpretación podían ser consideradas de subversivas.  O traballo de Paco Ibáñez converteuse ao longo dos anos nunha extenxa antoloxía musicada da literatura castelá.

As entradas estarán á venda a partir do día 19 de novembro na páxina web: www.caixanova.es ou na taquilla telefónica 902 504 500. A Concelleira indicou que o prezo das entradas é popular, e que varían segundo a zona dende os 16 euros na zona A, aos 9 euros na C, con descontos para parados , estudantes e xubilados.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova